Isca! 10 anos loitando e organizando

Moitas das que hoxe facemos parte de Isca! hai dez anos non militabamos en lado ningún, e as máis só eramos socias do Xabarín Club. Mais algunhas militantes estaban xa neste camiño, impulsando un espazo organizativo xuvenil que perdurou todo este tempo. Os mozos e mozas que en 2006 crearon esta organización son, hoxe, referentes políticos, sindicais ou culturais, acadando o noso obxectivo colectivo de ser unha escola de cadros que aspirou e aspira a formar mocidade na teoría e na praxe revolucionaria.

Como moitas saberedes, o 16 e 17 de xuño de 2006 un grupo de mozas e mozos críticos coa deriva do movemento nacionalista na altura decidiron poñer a primeira pedra para crearen un espazo nitidamente independentista e revolucionario, que combinase acción social, activismo militante e práctica política coherente e desacomplexada. Ese espazo xuvenil creado do seo do BNG aspiraba a renovar discurso e praxe do movemento xuvenil, aglutinando mocidade desde a defensa do anticapitalismo, o soberanismo e o feminismo.

Con todas as dificultades que tivemos e plenamente conscientes das carencias e dos erros que se comenteron, temos que recoñecer que estamos contentos de cumprir anos, aínda que a guerra contra o capital precisa gañar moitas máis batallas e recuperar moito terreo. Hai dez anos a situación económica do noso País non era tan crítica: a mocidade loitaba por poder ter un traballo digno sen ter que emigrar. Hoxe é moito peor: vémonos expulsadas ou obrigadas a aceptar condicións laborais cada vez peores. E os sectores produtivos que hai unha década estaban xa en crise, como o agro ou a industria, continúan feridos de morte e cada vez empregan menos xente. A organización e a loita de clases é máis necesaria do que nunca porque está en xogo a nosa supervivencia.

Por iso, queremos apostar por aglutinar a mocidade soberanista, pulando pola unidade de acción e a camaradaría e construíndo as ferramentas que sexan necesarias para a liberación nacional e social, en todos os ámbitos.

De aí que nestes dez anos participasemos activamente no eido estudantil a través dos CAE-CAF, Comités, a Liga Estudantil Galega e recentemente, coa unificación das organizacións estudantís nacionalistas e independentistas, en Erguer – Estudantes da Galiza. O noso compromiso fainos unha das impulsoras xunto con outras organizacións da manifestación xuvenil unitaria do 24 de Xullo, que se leva realizando desde hai uns anos en Compostela. Somos, ademáis, unha organización abertamente feminista, e moitas das nosas compañeiras participan no feminismo autoorganizado. Unha aposta que non pode ser só teórica senón que exixe cumprimento no día a día dos valores que se presumen da nosa militancia. A nosa actividade neste eido aumentou nos últimos tempos así como a nosa sensiblidade e loita efectiva pola normalización da diversidade de xéneros.

Fronte a isto, o españolismo organizado na súa campaña propagandística gañou a simpatía de moita mocidade mediante o uso do deporte con fins ideolóxicos. Temos que ser conscientes e loitar contra un inimigo que ten ao seu servizo os massmedia e o poder económico, como é o caso dos falsos medios da “esquerda española” como La Sexta, que tamén están ao servizo do capital. Chegamos por aí ao extremo de que partidos defensores de estruturas imperialistas como a OTAN e a Unión Europea gañen o voto de xente que dixo sempre ser antiimperialista. De novo, a didáctica e proselitismo son esenciais nun momento en que o retroceso ideolóxico no campo da esquerda é evidente. Ademais, nos últimos anos, o emprego do castelán e a españolización da sociedade non deixaron de aumentar, polo que a nosa aposta polo monolinguismo social é vital para a permanencia do noso idioma. Algúns das que hoxe son militantes de Isca! no pasado eran castelanfalantes e foi grazas á atracción cara ao nacionalismo cultural, estudantil e político que reflexionaron internamente para seren hoxe falantes e defensoras activas da nosa lingua. Temos logo que esforzarnos por atraer o maior número de xente cara ás nosas posicións.

Con todo, non podemos ser optimistas. A nosa Terra queda deserta e sen opcións laborais e centos de galegos e galegas marchan cada mes. A nosa militancia é parte da sociedade e son moitas as que hoxe en día viven noutras partes do mundo. Este suicidio como pobo é algo que o sistema fomenta, dificultando cada vez máis a vida de quen decida quedar a traballar onde naceu. O rural é, nisto, o que máis sofre as políticas marcadas de Madrid, mentres continúa a ser en moitos sitios unha canteira de votos para o PP (como sucede tamén nas grandes cidades). A maioría da militancia de Isca! vive nas grande cidades, porén, se queremos un país liberado, temos que atraer cara ao noso proxecto a mocimocidade que sofre as mesmas problemáticas que a urbana, acentuadas polo illamento xeográfico, falta de transporte e de oportunidades. Temos que traballar con estas migrantes económicas e explicar que o sistema nos expulsa para que o capital teña maiores marxes de beneficio. E o mesmo coas compañeiras de traballo coas que militamos: moitas pensan que as cousas nin van tan mal, aínda que non lles chegue o salario para viviren. Neste eido é vital o noso traballo e fomentar a sindicación na CIG para loitar por uns dereitos laborais dignos fomentando a súa formación política e económica.

Nestes dez anos contribuimos a normalizar o pensamento comunista e independentista na sociedade e no campo do nacionalismo maioritario. No nacionalismo galego aínda existen certos complexos á hora de configurar un proxecto que aposte por rachar co estado español camiño dunha República Galega. Porén, a sociedade quere proxectos que teñan as ideas claras. Temos pois moitos retos por diante e só algunha pequena vitoria ás costas. É necesario, daquela, que nos poñamos a traballar para mudar o actual estado das cousas. Queremos facer un chamamento á mocidade sobre a necesidade da organización política para a supervivencia do noso pobo e da nosa clase. Non queda outra. Parafraseando a gravación do Himno Galego: Terra a nosa, rapazada!

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde