Institucións, contradiccións e unha poca esperanza

“O resultado é normalmente incerto, pero por algunha razón os relatos de declives e caídas posúen unha autoridade da que carecen os esperanzados”

Rebecca Solnit, Esperanza na escuridade.

O panorama que nos deixa na Galiza de hoxe unha década de crise do capitalismo, con consecuencias salvaxes sobre a clase traballadora, onde as alternativas de esquerda experimentamos tamén a frustración colectiva da incapacidade de transformar a rabia en resposta, pode facer que nos instalemos no derrotismo ou no conformismo. Porén, debemos reivindicar non só a necesidade dun futuro diferente, tamén a nosa capacidade colectiva de facer que sexa mellor para o noso pobo e clase. No libro do que tiramos a cita coa que abre este artigo, a feminista Rebecca Solnit fala de que si, o mundo é unha merda pero sen as achegas revolucionarias do activismo sería peor. Malia publicarse na era Mr. Wonderful, a autora non apela de forma simplista á ilusión e ao optimismo como mantra, pero si convida a reparar nas condicións obxectivas que atopamos se analizamos exemplos do pasado recente contrapoñéndoo á desesperanza irracional. Un exercicio necesario para, no tempo do individualismo, practicar unha esperanza racional, aquela que olla que hai posibilidades abertas e que non podemos subestimar o poder popular aínda que os resultados non sexan inmediatos.

Se o exercicio de aparcar a desesperanza é preciso no día a día do activismo social, éo máis aínda cando unha parte importante da actividade política se desenvolve no corsé dunha institución. É preciso un exercicio de colectivizar posibilidades e prioridades nos que a institución sexa unha panca máis e as súas representantes nin pensen só nela, nin sexan as únicas que a pensan. Esta tarefa é fundamental tamén porque, se ben nalgún momento o nacionalismo político padeceu o espellismo de que nas institucións todo remataba e comezaba, corremos o risco de situarnos, pola contra, no absoluto desprezo desa porta. E non deixa de ser un tópico insistir en que nada é branco ou negro, pero se ben ambos extremos parecen resultar cómodos desde a súa propia perspectiva amósanse estériles se o analizamos en perspectiva.

É obvio que a participación de institucións ten contradicións que non debemos negar, senón ter presentes. A súa arquitectura non deixa de ser froito dunha transición fraudulenta e dos ditados que marcan unha Constitución española imposta e un Estatuto de Autonomía esgotado, que non garanten un marco adecuado para desenvolver as nosas necesidades de país e de clase. Tamén é un marco moi limitado canto ao seu funcionamento como presunta casa da democracia. Máis aínda, pensando no Parlamento Galego, nun contexto de maioría absoluta onde o PP o pon ao seu servizo sen ruborizarse. Todo o mundo se sorprende cando explicamos, por exemplo, que para debater unha pregunta urxente ten que pasar unha semana e só pode ser unha, non pode haber máis urxencias. Feitos como que unha Iniciativa Lexislativa Popular asinada por 17.835 persoas, a da tarifa eléctrica galega, fora deturpada na tramitación máis longa nos 35 anos de historia do Parlamento simplemente porque o PP quería matar o debate dá idea das debilidades que ten unha democracia que maioritariamente é formal e non real. Tamén fala da nosa forza.

As súas limitacións tamén nos amosan posibilidades. Oportunidades para tensionar socialmente e contribuír á necesaria mobilización, en sentido amplo, do soberanismo nun contexto no que nos xogamos moito como pobo e como clase, nun escenario onde a consolidación da precariedade veu para quedarse despois da década de rescates bancarios e onde son os pobos do Estado quen están sendo o talón de Aquiles do Réxime do 78. Precisamente neste contexto fíxose evidente a necesidade dunha voz propia, neste caso nas Cortes do Estado. Unha representatividade que até perdela non valoramos. Mentres, deberamos explicar socialmente con máis forza que diante da submisión das forzas de dependencia estatal está a alternativa soberanista, que non teme poñer enriba da mesa a derrogación da lei mordaza ou das reformas laborais. Pero para explicalo non abonda que o contemos no Parlamento Galego, onde temos priorizado a situación social e o retroceso de liberdades democráticas. Precisamos que fóra haxa unha base social forte que leve o debate á rúa.

Para quen buscamos fortalecer un proxecto de construción nacional e liberación social só hai unha forma de entender o institucional, non desde a aceptación senón desde a conciencia de que é un espazo máis que ocupar sen complexos, pois tamén dá oportunidades de chegar socialmente a máis persoas. Hai dificultades obxectivas que van seguir estando aí. Pero temos que analizar que a crise do Estado, do capitalismo e súa falta de lexitimidade seguirán vixentes, e o noso papel é evidenciala formulando alternativas superadoras. Coas súas limitacións, nas institucións temos oportunidades para iso. Temos tamén mostras recentes de éxito colectivo. Por exemplo, a vitoria de Ferroatlántica fronte a un xigante neocolonial como Villar Mir debe ser un motivo para confiar que a fronte social e institucional contra a Mina de Touro vencerá. Quedará moito por facer, pero avanzamos. E calquera exemplo, até outros máis pequenos, ten un elemento chave: con forza na rúa podemos forzar cambios. Sen resposta social, as posibilidades que dá a institución minguan.

A experiencia lévanos a concluír que os límites para as institucións márcaos fundamentalmente o que somos quen de facer fóra delas. Por iso, aínda que sexa máis fácil enuncialo que levalo a cabo, debemos entender o afortalamento da nosa base social e política e do seu activismo como a mellor receita para que o que facemos nas institucións sexa útil e teña rendibilidade para que o soberanismo avance, verificándose como un proxecto ao servizo das clases populares e da dignificación do país. Ao tempo, navegar no relato conformista de que a representación institucional é inútil só nos levaría a ver as dificultades. Poñamos intelixencia colectiva para explorar as oportunidades.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde