Nun día tan emblemático como o 25 de xullo comezaremos a recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular para a PROPOSICIÓN DE LEI PARA A APLICACIÓN EFECTIVA DOS PRINCIPIOS DE REDUCIÓN, REUTILIZACIÓN E RECICLAXE DE RESIDUOS EN GALICIA. Esta Iniciativa xorde da loita que levan a cabo as veciñas e os veciños do concello do Irixo, da comarca do Deza e da comarca do Carballiño, para paralizar a cons- trución dunha nova planta de tratamento de RSU, na que que prevalecerá a incineración sobre os 3R.
O proxecto foi anunciado pola Xunta e polo alcalde do Concello como unha grande inversión de futuro. A nova chegou pola prensa o 5 de decembro e o día 17 xa había dúas novas plataformas en marcha: a do Carballiño e a Coordinadora Veciñal do Irixo (a plataforma do Deza xa funcionaba con anterioridade).
Un dos motivos que se cree que levou á Xunta a establecer a ubicación da planta no Irixo, foi a pouca resposta social que se esperaba, máis que a revitalización dunha zona deprimida. Dende o momento en que se coñeceu a contraposición aos postos de traballo (o macrovertedoiro, o tránsito de camións, as emisións nocivas, os cheiros…) involucrouse moita xente para frear esta barbarie. A medida que se ían coñecendo datos, máis xente se sumaba ao “non á incineración”.
Nunha zona coa maioría da poboación avellentada coma esta, a nova deixou á xente chea de interrogantes. Querendo darlles resposta, unha serie de veciños puxéronse en contacto e comezaron a achegarlle información aos outros veciños, así pouco a pouco comezamos a mobilizar- nos e coordinarnos.
Todo este movemento non é nada habitual nun concello rural coma este, no que levamos aturando unha xestión municipal pésima moitos anos, baseada no asfaltado de camiños e nos “favores”. Foi rexido durante os últimos 23 anos por un equipo de goberno do Partido Popular ao que se lle preguntas que iniciativas levaron a cabo durante este tempo para aumentar o emprego, respóndenche que “un obradoiro”.
Unha vez constituídas as plataformas, comezou a traballarse na primeira manifestación, convocada para o día 7 de xaneiro no Irixo. Houbo unha afluencia de máis de cinco milleiros de persoas. Séguense a convocar actos: unha nova manifestación no Carballiño, varios actos lúdicos diante da Casa do Concello, un festival musical na Lama do Campo, no Irixo, houbo novos actos informativos, reunións con diversas asociacións e redes como Adega, Greenpeace, Galiza Non Se Vende, etc., que nos deron apoio dende o primeiro momento e aos que lle estamos moi agradecidos.
Coa Coordinadora Veciñal xa constituída, organizáronse diferentes charlas informativas , convocáronse concentracións no Concello, visitas ao alcalde e ao tenente alcalde con preguntas que nunca foron respondidas… o que si respondeu o alcalde foi un “fago a incineradora porque me dá a gana”.
Lonxe de situarse ao lado do pobo cando viu que unha porcentaxe moi alta dos veciños non apoiabamos aquel despropósito, non lle iamos consentir que lle mentise ó resto dos veciños e non iamos deixar que nos manipulasen, o equipo de goberno municipal quentou o ambiente. Tentaron desprestixiar aos veciños que facían declaracións aos medios (a maior parte desas persoas son xente con coñecemento de causa sobre o tema da incineración de residuos, ben por cuestións laborais ou polos seus estudos [médicos, biólogos, enxeñeiros forestais e agrónomos, etc.]). Chamáronos mentiráns, violentos e chegaron a dicir que o alcalde temía pola súa integridade física, así como que “só estaban en contra as persoas de rendas altas e os funcionarios”.
Algúns medios de comunicación tentaron ocultar este movemento dende o primeiro momento. En actos como a Festa do Cocido de Lalín, ao que acudimos con cartaces, as cámaras de TV cambiaban de plano así como vían un cartaz, aínda que con iso fixesen xirar ao reporteiro coma unha buxaina.
A información que chegaba dende a Xunta comezou a ser máis contraditoria a medida que pasaba o tempo. Un día case comezaban as obras e ao seguinte non se sabía aínda nada do proxecto… A información dada en primavera facía entrever que o problema estaba solucionado para O Irixo, pero non para o resto de Galicia. Non obstante, as últimas novas volven ó comezo: a planta situarase no Irixo. Non entendemos como se pode pretender converter un Concello situado tan no centro de Galiza, dos que menos lixo produce, cunha riqueza natural incrible, nun vertedoiro nacional. O que nós cremos é que pretenden que paremos, que nos confiemos, que só lle fagamos caso ás novas favorables á nosa causa para que non haxa rebumbio ata que pasen as eleccións. Mais non estamos dispostas a tragar o lixo que xera o consumismo exacerbado. Seguimos preparándonos e dispostas para a loita. Aínda que o PP tente mandarnos información “pola porta de atrás” dicíndonos que descanse- mos, que “para o Irixo non vai”, estamos en pé e alerta, e a nosa causa é tamén común a todo o territorio galego, aínda que esta representada polo noso Concello agora mesmo.
Vendo como se ían sucedendo os acontecementos démonos conta de que o lixo é un negocio moi próspero. Quérese construír uhna planta cunha inversión mínima, para as instalacións, tamaño e tecnoloxía anunciadas, cousa que fai pensar que a maioría do lixo non sería nin sequera incinerado, senón depositado nun vertedoiro que, aumentaría ano tras ano… Todo isto xestionado de xeito completamente privado. Mentres os canons do lixo que se deben pagar aumentan, o problema segue sen resolverse: non existe una recollida de lixo efectiva, non hai plantas de reciclado… A incineración e o vertedoiro son unha mala solución para hoxe, pero un problema enorme para mañá.
Con esta Iniciativa Lexislativa Popular o que pretendemos é que a xente sexa consciente da cantidade de toneladas de lixo que se xeran e do difícil proceso que se debe seguir para eliminalo. Este é un problema ao que temos que pórlle solución por dúas vías: a persoal e, por suposto, a legal: replantexar o modelo de RSU ata chegar ao axeitado, baseado nos 3 R: Redución, Reutilización e Reciclaxe.