Espazo da esquerda, o tempo da soberanía

Un Bloque sen GPS

O MGS encara a Asemblea Nacional coa vista posta no debate das ideas e non no combate por cargos. A prioridade é consolidar o papel do BNG como ferramenta para conquistar a soberanía, ao servizo dun novo modelo económico e social que teña na maioría social traballadora o seu referente básico, para unha transformación da sociedade desde a esquerda.

Dous anos despois da última asemblea, non podemos darnos por satisfeitos coa tímida mudanza emprendida. É certo que houbo unha mellora no discurso e na práctica e unha posición máis acertada no plano internacional. Porén, mantivéronse graves vicios: unha situación interna convulsa, alianzas incoherentes –continuismo nos pactos co PSOE ou na aposta fracasada de Galeuscat– e casos desoladores no día a día, a presenza institucional en actos relixiosos ou castrenses, ou a privatización de servizos públicos en administracións que gobernamos.

Tamén é grave a continua posta en causa, por sectores relevantes do BNG, de sinais de identidade como o frentismo e o asemblearismo. Exemplos desta ofensiva son os manifestos de alcaldes que se arrogan unha posición superior ao resto da afiliación ou a proposta de primarias abertas, ao máis puro estilo estadounidense. Estas iniciativas, lonxe de representaren unha apertura á sociedade –a fórmula que encobre todas as renuncias– impoñen unha axenda mediática e personalista.

Os debates, onde hai que dalos¶

A defensa das ideas propias é unha expresión natural do pluralismo frentista e un dereito de calquera militante. Porén, a continua externalización dos debates aos medios de comunicación –especialmente no noso con- texto– só serve para desacreditar publicamente o BNG no seu conxunto. O MGS sempre expresou as súas posicións e discrepancias en termos respectuosos cos demais e polas vías internas, sen facer o xogo a aqueles que só queren condicionar a liña política do BNG. Sabemos que esa renuncia voluntaria puido contribuir á invisibilización do MGS. E aínda así rexeitamos este uso espurio dos medios de comunicación, que só fai dano ao Bloque e en nada axuda a crear un ambiente de colaboración, confianza e fraternidade.

Unha práctica acorde cos principios

A recuperación dos sinais de identidade e da credibilidade social do BNG vai ser un camiño longo. Lonxe de visións apocalípticas, temos claro que nada comeza nin acaba nesta asamblea, que algúns insisten en pintar como a batalla final. Por exemplo, a defensa da democracia participativa. Por iso propuxemos desde o MGS, mediante unha emenda de reforma dos estatutos do BNG, a derrogación do sistema de delegación para participar nas asembleas nacionais. Esta emenda foi aceptada polo Consello Nacional do día 21 de xaneiro e, caso de ser aprobada no plenario da Asemblea, marcará a recuperación dun dos trazos distintivos do BNG, que no seu momento fora abandonado coa indisimulada intención de nos homologar, tamén no aspecto organizativo, aos partidos do sistema.

Así, no noso voto particular e nas emendas que presentamos desenvolvemos a nosa análise da situación actual, que pode sintentizarse en:

  • A actual crise é económica e política, derivada da propia natureza do capitalismo e non dos seus excesos. Non cabe sermos condescendentes coa Unión Europea, unha institución antidemocrática creada ao seu servizo. As medidas de axuste estrutural supoñen a destrución dos sectores produtivos, o aumento do desemprego, o desamparo dos máis vulnerábeis, a privatización dos servizos públicos e o desmantelamento do dereito do traballo. É urxente ademais unha visión ambiental da economía, para evitarmos o desastre ecolóxico ao que nos dirixe o capitalismo mediante o uso sustentábel dos recursos e a paisaxe.
  • A autonomía non é un éxito no camiño do autogoberno, senón un narcótico para as aspiracións dos pobos. O nacionalismo galego debe aspirar a superar o modelo autonómico e presentar á sociedade unha proposta soberanista, baseada no exercicio do dereito de autodeterminación.
  • Dos sistemas de dominación existentes no mundo, o máis antigo é o que asoballa a metade da poboación. Só poderemos avanzar nunha sociedade realmente xusta, equitativa e democrática se garantimos a plena igualdade das mulleres e a abolición do patriarcado.
  • Somos conscientes de que a intervención electoral e institucional é insuficiente para lograr os nosos propósitos. O nacionalismo galego debe gañar a hexemonía a través da participación referencial no tecido asociativo, sindical, cultural e veciñal.

O papel do MGS

O MGS pretende amparar estes principios no BNG mediante a presentación dunha candidatura ao Consello Nacional. A nosa motivación é defendermos un espazo político que sirva para seguir corrixindo a liña institucionalista e claudicante que caracterizou a etapa anterior á asemblea de 2009 e para evitar a tentación de repetir aqueles erros. Hai unhas correntes que vogan en sentido contrario e outras que din que agora rectificaron. Nós comprometémonos a seguirmos sendo totalmente previsíbeis: nin mudar co vento, nin sometermos a negociación os nosos principios.

Avante co BNG!

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde