Escocia: a esperanza dun futuro en independencia

No ano 2007 o SNP (Partido Nacionalista Escocés) gañaba as súas primeiras eleccións gobernando en minoría e intentando en varias ocasións sacar adiante unha iniciativa de realización dun referendo sobre a independencia do país. A negativa do Partido Laborista e do Conservador frearon que se puidese levar a cabo.

En 2011, coas enquisas augurándolles unha enorme derrota, o SNP logra, nun sistema preparado para que ninguén puidese chegar a conseguilo, a maioría absoluta. E a promesa do referendo botou a andar. O 15 de outubro de 2012, Alex Salmond e David Cameron asinaron o “Edinburgh Agreement”, documento que fai legal o proceso democrático do referendo escocés e onde se recolle, entre outras cousas, o compromiso de respectar totalmente o resultado do mesmo por ambas partes; a decisión do pobo escocés será, polo tanto, vinculante.

A partir desta data, as maquinaria institucional púxose en marcha, e con elas tamén as distintas organizacións que se foron decantando por estar a favor de seguir sendo parte do Reino Unido (Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda do Norte) ou de defender que Escocia sexa un estado propio e independente.

A Campaña do NON sustentada polos partidos unionistas (Tory, Liberal Democrats e Labour), comezou a súa andaina chamándose a si mesmo “Proxecto Medo”. É dirixida por Westminster nas voces de Alistair Carmichael e Alistair Darling (voceiro oficial de Better Together).

“Better Together” é unha campaña institucional, sen apenas base social que a defenda nas rúas. O seu argumento fundamental, que nun principio era seguir como ata agora sen cambiar nada, comezou a modificarse con promesas de mais competencias para Escocia en tanto as enquisas comezaron a amosar un cambio favorable para os independentistas.

A Campaña do SI, pola súa banda, é unha enorme campaña de base for- mada por “Yes Scotland” (o seu voceiro é Blair Jenkins), e por grandes e pequenas organizacións, partidos (SNP, SSP, Green, Labour for Indy) e grupos que se incorporaron para traballar nas súas áreas; algúns destes grupos xurdiron para dar resposta específica aos ataques lanzados dende Better Together, como por exemplo “Women for Indy” (Mulleres pola Independencia), “Farming for Yes” (Granxeiros polo SI), Business for Scotland (Empresari@s por Escocia) ou “Radical Indy”, plataforma que lidera un debate sobre cambios mais profundos na sociedade e que traballa nas zonas mais desfavorecidas.

A campaña unionista, dirixida por Westminster, e con todas as enquisas marcando unha derrota clara do independentismo, pensou que non terían que esforzarse. Lanzaron o seu Proxecto Medo institucional que os deputados laboristas, conservadores e liberal demócratas repetiron ata a saciedade. Na sombra, o Goberno de Westminster moveu fíos para dar golpes de efecto e utilizou as Embaixadas e Altos Comisionados como recepción de información e mensaxes negativas ante a posibilidade de que Escocia puidese acadar a independencia. O Goberno español, enlodado no seu propio problema con Cataluña, non dubidou en formar parte desta estratexia, así como outros persoeiros como Barroso, Van Rompuy ou a mesma Hillary Clinton.

Os medios de comunicación, que na súa maioría están a xogar un papel vergonzoso neste proceso, foron paulatinamente substituídos por páxinas webs, blogs e un inmenso movemento social que se move polas redes sociais, e onde cada paso que da a campaña unionista é destruído con argumentos e alternativas pola campaña do YES. A propia BBC enfróntase na actualidade ás peores críticas da súa historia sobre a súa suposta neutralidade e obxectividade, críticas que medran dia a dia.

Na campaña de Yes Scotland tiñan claro dende a súa creación que informar, integrar e involucrar á canta mais xente posible era fundamental para defender a idea dun país independente. E lográrono: a campaña independentista foi medrando de tal forma, que é imposible non atopar grupos de voluntari@s por todo territorio escocés. Dende Yes Scotland dase resposta ás preguntas que os cidadáns teñen sobre o proceso e sobre as consecuencias dun voto favorable á independencia.

Escocia debe elixir entre continuar gobernada por un Goberno dende Londres que non votaron, ou asumir a responsabilidade sobre o seu propio futuro e facer do seu país unha alternativa a todo o que supón o goberno Conservador ou Laborista dende Westminster: neoliberalismo e mais políticas de austeridade.

Unha Escocia independente aspira a mellorar o seu estado de benestar, non só mantendo, senón reforzando os seus sistemas de sanidade e educación, e a atención a discapacitad@s e pensionistas; Escocia aspira a ser un país sen Trident, armamento nuclear, aspira a xestionar mellor o seu potencial en enerxías renovables e petróleo, e evidentemente a ser capaz de falar con voz propia e ter competencias totais sobre a xestión das súas costas e comercio exterior. Escocia quere ter outra política exterior e de inmigración, mais xusta, integradora e respectuosa; outro dos seus obxectivos é que @s escoceses que agora por diferentes razóns moran na diáspora volvan a casa, facendo políticas específicas para logralo. Tod@s son necesari@s, cada miguiña conta para facer nación. O Goberno escocés presentou en Novembro de 2013 o “White Paper” que senta as bases para un futuro en mans do propio pobo escocés. Este libro branco pretende ser o punto de transición dun futuro en independencia, e foi reforzado recentemente cun borrador dunha Constitución que comeza coa frase “O pobo de Escocia é soberano”.

Evidentemente hai distintos puntos de vista e distintas alternativas ao que propón o Goberno escocés. Hai debate sobre monarquía ou república, sobre a divisa, tipo de sociedade… pero quen quere a independencia para Escocia, ten claro que nestes intres a prioridade é votar YES, ese é o primeiro paso e de nada valen agora as diferenzas se primeiro non se logra o obxectivo común: un novo Estado libre. Se o logran, esta será a chave de todo: a unidade de acción social. De conseguilo, Escocia será independente o 26 de marzo de 2016. Despois virán outros debates, e o pobo terá que tomar outras decisións.

O 18 de Setembro todas as miradas estarán postas na decisión legal, democrática e pacífica dun pobo; nós dende Galiza apoiarémolos na súa causa e daremos a benvida a un novo Estado independente.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde