Entrevista con Antía Marinho

O goberno en funcións de Rajoy concedeu a prórroga a ENCE por 60 anos máis, argumentando a defensa dos postos de traballo e dun dos motores económicos da comarca. 

Este é o argumento que utiliza ENCE para tratar de manipular a opinión pública, pero a realidade é que unha empresa que apenas chega aos 300 postos de traballo directos dificilmente pode ser motor económico da comarca. Nos seus 50 anos de vida, ENCE ten destruído milleiros de postos de traballo na pesca, o marisqueo e o sector turístico, e debemos ter en conta tamén os postos que se poderían crear nestes sectores — e nos nosos montes — de desaparecer a fábrica. Uns traballos compatíbeis co ambiente, respectuosos coa saúde e a calidade de vida e perdurábeis no tempo. Por tanto, este argumento non xustifica unha prórroga que condena a poboación e a Ría a sufriren por 60 anos máis os problemas ambientais e económicos que provoca a empresa.

Na mobilización do 3 de xuño, apuntastes a posibilidade de que o Partido Popular neste 2017 volva saltar a lexislación a respecto de Elnosa. Cal é a situación desta factoría?

A lexislación europea prohibe o uso da tecnoloxía do cátodo de mercurio para a fabricación de cloro e sosa mais alá deste 11 de decembro, data pactada mesmo co propio sector electroquímico. ELNOSA tiña que ter acometido xa a reestruturación da fábrica e, a día de hoxe, nin sequera ten presentado un proxecto. A UE non vai permitir ningunha prórroga, pero en Pontevedra sabemos que o PP, na Xunta e no Goberno central, vai buscar calquera subterfuxio para saltar a Lei, porque ten intereses particulares no complexo ENCE-ELNOSA. Están a falar xa de aplicarlle un decreto de supramunicipalidade (como fixeron no seu día con ENCE) para pasar por riba do Concello de Pontevedra, unha situación absolutamente inxustificábel e un caso máis de corrupción ambiental do PP.

Que suporía a desaparición de ENCE-ELNOSA en termos económicos, ecolóxicos e turísticos?

Sen ningunha dúbida, traería unha mellora radical para a Ría, os recursos naturais e a calidade de vida das persoas. E todas estas melloras terían un reflexo no económico, na creación de emprego; permitirían a creación dun maior número de postos de traballo sustentábeis derivados da explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos, rematando co actual modelo de pan para hoxe e fame para mañá, tan característico deste tipo de industrias; permitiría tamén mudar o modelo forestal existente hoxe na Galiza e diversificar os usos do monte e, así, a creación de emprego no sector. A nivel ecolóxico as vantaxes son innumerábeis: mellora da calidade do ar, da auga e da paisaxe, recuperación de espazos naturais como as marismas de Lourizán e a praia dos Praceres, etc. 

Por outra parte, que consecuencias prácticas ten o monocultivo de eucalipto para o monte galego?

A consecuencia máis evidente é a perda de diversidade a todos os niveis e, ao tempo, a perda da nosa paisaxe; pero, ademais, leva ao abandono do monte e favorece a vaga de lumes que padecemos ano tras ano. Como ben sabemos, o eucalipto é unha especie pirófita, que consome grandes cantidades de auga e nutrientes impedindo o crecemento doutras especies e por tanto facendo desaparecer a biodiversidade forestal e aquelas especies autóctonas máis resistentes ao lume como o carballo e o castiñeiro.

O monocultivo de eucalipto impide desenvolver unha economía que aproveite de maneira racional todas as potencialidades do monte galego como poden ser as árbores froiteiras, os cogomelos, os cultivos asociados, etc. E só cunha política que potencie esta diversidade, evite o abandono do monte e potencie a volta ao rural, poderemos recuperar a riqueza natural dos nosos montes.

Na cuestión dos lumes, ENCE defende o eucalipto como a mellor ferramenta para combater o abandono e os incendios forestais. Como valora o voso colectivo esta posición?

Este tipo de argumentos esgrimidos por ENCE, poderíamos dicir que xa non nos sorprenden. É así como adoitan actuar, usando mentiras ou medias verdades para tratar de enganar e manipular a opinión da poboación ao seu favor.

A realidade é que, con independencia de cal sexa a superficie de eucaliptal, de monte raso ou de monte con outras especies que se queime ano tras ano, o medre descontrolado do eucalipto, as súas características específicas, etc. son factores que están detrás das continuas e devastadoras vagas de lumes forestais.

Algo moi habitual nas empresas de enclave e dedicar unha parte considerábel de diñeiro a difundir discursos das súas supostas bondades tanto económicas como no que refire ao medio ambiente. Fano mediante custosas campañas publicitarias, esmolas a asociacións ou colectivos de índole social ou deportiva e, por suposto, pagando ben aos medios de comunicación de masas que se encargan de espallar as súas “marabillas” industriais.

En definitiva, grandes maquillaxes e lavados de cara para contrarrestar unha realidade que saben ben diferente. ENCE é o maior responsábel da expansión do eucalipto nos nosos montes, en terras de labor e prados, e do baixo valor económico da súa madeira. E hai voces suficientemente autorizadas que avalan as nosas posicións ao respecto.

Trinta anos de activismo ecoloxista avalan a APDR. Pensades que se conseguiu modificar a opinión da poboación sobre estes enclaves industriais logrando maior sensibilización e apoio social?

Sabemos que é así; cando comezou a camiñar a Asociación Pola Defensa da Ría, eran minoría as persoas que se manifestaban en contra destas industrias; hoxe é a maioría social da comarca a que se posiciona claramente en contra. A conciencia ambientalista e da defensa do medio natural na nosa comarca, e mesmo os posicionamentos de moitas forzas políticas e movementos sociais a prol destas loitas, medraron da man da nosa Asociación.

E podería engadir algo máis: vimos observando que cada vez hai máis xente moza que, téndose criado xa coa visión continua das súas chemineas e respirando os seus cheiros e fumes, toma consciencia da necesidade de saír a rúa e loitar para lograr un futuro mellor e mais limpo.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde