Entrevista a Yurena Cano

A Asemblea de Desempregad@s é un instrumento para volver a formar parte do corpo productivo do país.

Yurena Cano ten 29 anos e é veciña de Ames. Estudou un ciclo superior de artes gráficas e desde 2003 traballou de xeito ininterrompido en diferentes imprentas. Desde o decembro pasado está desempregada e agardando aínda por cantidades que lle adebeda unha das últimas empresas. Fai parte do grupo impulsor da Asemblea de Desempregad@s da CIG de Compostela.

Pertences ao sector da Artes Gráficas e neste momento estás no desemprego. Como é a situación laboral do sector?

Estamos nunha situación de desmantelamento absoluto. As empresas que non pecharon fixeron EREs con despedimentos, redución de xornada,… Tiran os prezos facéndose competencia entre elas e aumentando a presión nuns cadros de persoal axustados ao máximo con cargas de traballo desmesuradas para tempos imposíbeis. Aproveitanse de que a xente sabe que a alternativa é o desemprego polo que está pasando ao seu redor.

Pola túa idade imaxino que moitas persoas do teu entorno padecen a mesma situación, ou están na precariedade ou na emigración.

Cada situación que escoitas é peor. Rompéronse moitas espectativas: de quen estudou e séntese impotente por non poñer en práctica o aprendido e de quen decidiu traballar buscando un futuro e agora vese coa auga ao pescozo, enganados polo sistema que tanto lles prometera, e do que agora só teñen débedas. As persoas que emigraron só mandan unha mensaxe pouco alentadora de apenas sobrevivir. Se a situación laboral me forza a marchar pregúntome como poderei axudar o país se non puiden construir o meu futuro nel.

Estás a participar da Asemblea de Desempregad@s da CIG en Compostela. Ves estas estruturas necesarias?

Xa escoitei máis dunha vez que as desempregadas e desempregados estamos na empresa máis grande do país, o noso obxectivo é levar esta empresa ao fracaso. Con retranca ou sen ela, o que teño claro é que nós tamén temos dereitos e se non existían as ferramentas específicas e necesarias para defendelos, creámolas.

O dereito ao traballo é o principal pero hai que coidar as condicións, os salarios baixaron, as horas aumentaron, que nos agarda no futuro: pagar por traballar?. Non pedimos caridade cando reclamamos vivenda ou servizos sanitarios, cotizamos ao Estado directa ou indirectamente así que o xusto é que se ocupe de nós.

Cóntanos un pouco das accións que estades a desenvolver. Cales cres que deben ser as prioridades de actuación?

O noso primeiro acto foi ocupar a oficina do INEM de Compostela: tentamos poñer á vista ue as actuacións do Servizo Público do Emprego Estatal (SEPE) están moi lonxe de cumprir as súas funcións: falan de orientación profesional e sénteste afortunada se te chaman algunha vez -eu levo 5 meses e nada-, falan de políticas de emprego e bótante directamente á carnizaria das ETTs, falan de estudos e só producen estatísticas que non axudan a mudar a realidade, só a maquillala.

Penso que hai que rachar coa visión de isolamento e inutilidade que se nos dá ás desempregadas, hai moitas cousas que denunciar como a política de cambiar postos de traballo por máquinas (peaxes, caixas nos supermercados e cines, …); e moitas por facer, como poñer en funcionamento a caixa de solidariedade alimentar, e afondar nas cooperativas como unha alternativa real a este sistema económico como o coñecemos.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde