Entrevista a Xandra Martínez, Ximena González e Lucía Freire

O sistema só se sostén sobre as condicións laborais precarias e o feito de que asumamos de balde os coidados e todos os traballos invisíbeis

Isto foi unha greve política, reinvindicativa e de loita, e non a folga rosa e festiva que tentan vender de maneira frívola os medios

Este 8M foi unha vitoria do feminismo marxista, colocando no centro do debate a reprodución da vida fronte ao capital

Este último 8 de marzo removeu algo máis que as rúas en centos de países, tamén, por suposto, na Galiza. Para reflectir sobre as consecuencias daquela data e das perspectivas que abre, falamos con Ximena González, traballadora precarizada no sector da limpeza, ex-concelleira do BNG en Ourense e membro da coordenadora europea da Marcha Mundial das Mulleres; con Lucía Freire, traballadora do sector do comercio de alimentación, membro da Executiva Confederal da CIG e secretaria da muller do sindicato en Compostela e con Xandra Martínez, traballadora industrial e activista feminista en Vigo. Tres voces protagonistas para analisar o momento desde ópticas diversas e complementares.

Como avaliades o resultado das mobilizacións do 8M? Sorprendeu o seu carácter masivo?

Xandra Martínez: Penso que foi un grande éxito. Nos últimos anos vénse incrementando o seguimento, pero este ano para min foi unha sorpresa. É motivador ver tantas mozas novas e despolitizadas sumándose ás convocatorias, rachando prexuízos. As demandas eran básicas e levaban moitos anos na axenda feminista, polo que de entrada eu era escéptica canto ao seguimento; segundo se achegaba a data e aumentaba a cobertura mediática, aumentaba tamén a presenza nas conversas cotiás. Foise evidenciando que o feminismo estaba na palestra, aínda que non se agardase esta resposta masiva.

Ximena González: Xa o ano pasado houbo un incremento significativo do 8M pero este ano desbordou todas as previsións. Alén diso, penso que o resultado só o poderemos valorar completamente de aquí a uns meses, e terá que ir ligado a cantas mulleres se incorporan ao día a día do activismo. Como convocatoria puntual e síntoma de que as posicións do feminismo estan reforzadas foron unhas mobilizacións magníficas, mesmo nun contexto de debates e ataques moi fortes ao movemento político, con casos mediáticos maltratados nos medios de masas, propostas cos ventres de alugueiro de plena actualidade política, etc. Agora, con este desborde e este optimismo temos o reto de organizar máis mulleres.

Lucía Freire: Para min xa foi un éxito ver nas visitas previas aos centros de traballo a boa acollida que tivo a convocatoria. E nen de lonxe agardaba unha resposta tan masiva. Este éxito danos azos para continuar e facer que nos vindeiros anos medre a implicación aínda máis.

Nese éxito xogaron un papel importante o sindicalismo de clase e o movemento feminista, que comparten moitos espazos mais representan tradicións de loita e organización diferentes. Poden nacer novas sinerxias?

X. M.: Creo que se fixo un grande traballo desde ambos os polos, pero botei en falta mais coordenación e colaboración entre feminismo e sindicalismo, porque en certos momentos mesmo parecía haber rivalidades. Coido que para que a convocatoria continúe a medrar cómpre reforzar o traballo conxunto e vincular os esforzos deixando atrás a desconfianza. Unha greve de mulleres exitosa non se pode organizar de costas aos sindicatos, e tampouco se pode silenciar o activismo feminista que pon na mesa estas reivindicacións durante todo o ano.

X. G.: O movemento feminista, como tantas veces, voltou ser vangarda e dar pasos adiante que os sindicatos acompañaron moi timidamente. O feminismo reclamaba unha greve de 24h pola forza simbólica e porque dalgún xeito víase forte para a levar adiante. Os paros non foron satisfactorios para o campo activista, mais para ser a primeira proposta deste estilo no campo sindical conseguiron mobilizar mulleres que nunca antes o fixeran. Penso que o futuro é necesariamente de colaboración, de traballo máis de base do activismo feminista en relación ás mulleres e á cuestión de clase e de máis valentía das estruturas sindicais, porque as mulleres dos sindicatos si estiveron á altura e traballaron arreo por este 8M histórico criando redes que veñen para ficar. O ano que vén toca que as estruturas, fondamente masculinizadas, acompañen máis que desta volta.

L. F.: O éxito demostrou que o traballo feito tanto polo movemento feminista como polos sindicatos foi importantísimo. Traballamos a esgalla durante meses en debates, reunións, asembleas, visitas ás mulleres nos seus centros de traballo, axitación nas rúas… pero eu tamén botei de menos unha colaboración máis estreita, que había dar aínda mellores resultados. O que é primordial para min é que todas respeitemos e valoremos o traballo de todas.

Nun tempo de retroceso de dereitos e recesión dos valores transformadores, o feminismo é un dos poucos movementos sociais que consegue medrar e avanzar socialmente. Cal é a receita deste éxito?

X. M.: O discurso oficial que anula a consciencia de clase está moi estendido e grande parte dos traballadores que non se identifican co suxeito oprimido consideran alleas moitas reivindicacións que si lles afectan. Por outro lado, a maioría das premisas deste ano eran transversais, aglutinadoras e duns mínimos asumibles pola totalidade das mulleres, e aplicaban incluso ás mulleres acomodadas, que a pesar de ser minoría contan con maior visibilidade. Nestas circunstancias non é necesaria unha toma de conciencia profunda para identificarse co suxeito oprimido. Por outro lado, nos últimos tempos estase a normalizar o termo feminismo, moi demonizado anteriormente.

X. G.: Como di Xandra, un vector importante é unha axenda transversal e aglutinadora que permita recoñecerse suxeito da opresión. Non é difícil entender as violencias cando dun ou doutro xeito te atravesan, ocupes a posición que ocupares. Mais eu defendo que este 8M foi unha vitoria do feminismo marxista. Non por acaso se emprega unha ferramenta histórica do movemento obreiro para dar un salto de cualidade, colocando ademáis no centro do debate — na Galiza e no mundo — a reprodución da vida fronte ao capital. Ben seguro que non todas as mulleres, nen a maioría, saíron á rúa conscientes de como patriarcado e capital nos someten, pero esa é en todo momento a análise de fondo desta convocatoria, a axenda política. E esa é unha vitoria nosa en todo o mundo. A receita, se se pode chamar así, para min ten a ver con ser capaces de falar e explicar as opresións cun traballo continuo de deconstrución e construción de alternativas. E acho que a esquerda debera tomar nota de que falando colectivamente dos relatos de vida particulares podemos conseguir respostas colectivas moi fortes.

L. F.: Totalmente de acordo. As mulleres cada vez máis somos conscientes do papel de suxeito oprimido, cousificado e violentado que nos reserva o capitalismo. Cobramos salarios e pensións máis baixas, sofremos máis eventualidade e máis parcialidade nos contratos, a nosa situación persoal pesa mais que a nosa formación ou experiencia profesional á hora de promocionar, o noso corpo é usado como obxecto publicitario ou como mercadoría, por non falar das violacións e asasinatos machistas que case a diario ollamos nos medios. Facer ver isto ás mulleres e a toda a sociedade creo que é o secreto.

E como avaliades o papel que tiveron algúns medios de comunicación apoiando a folga e as mobilizacións?

X. M.: Por un lado o apoio dos medios foi clave para achegar parte do discurso a sectores que doutro xeito non terían accedido a esta información, así como para normalizar a terminoloxía feminista e o fito de levar as reivindicacións ás rúas. Mais esta difusión ten un prezo, que é a rebaixa do discurso. Desde certos sectores avalíase o pasado 8M como un éxito das mulleres en xeral, apagando o papel do sindicalismo. Hai unha tendencia que promove a convocatoria de mobilizacións sen suporte ideolóxico e organizativo que aseguren a continuidade e o avance das demandas. Así, as súas reivindiacións son superfluas e as súas solucións non pasan dun pacto de estado que nada vai mudar. Non vai ser nos medios do capital onde se sinale precisamente a súa alianza co patriarcado.

X. G.: Os medios de comunicación de masas teñen dúas funcións: vender e asentar a hexemonía existente. Nesta ocasión viron a potencialidade de vender un discurso que se estaba a consumir con interese, e tiveron que adaptar a oferta, iso si, tirando toda a mensaxe dirixida precisamente a combater esa hexemonía. O resultado foi un chamado a unha folga case frívola sustentada no igualitarismo dentro do sistema capitalista e por suposto sen apelar a mudanzas profundas e sen sinalar as desigualdades. É certo que eses altofalantes multiplicaron a capacidade e a voz do feminismo organizado e o que nos toca a nós é aproveitala no noso beneficio.

L. F.: Se ben é certo que o papel dos medios axudou en grande medida a que mulleres que nunca secundarían unha folga destas características o fixeran, tamén temos que ser conscientes do porqué. Isto foi unha greve política, reinvindicativa e de loita, e non a folga rosa e festiva que tentan vender de maneira frívola Mediaset, Prisa ou A3 Media pola boca das súas colaboradoras máis mediáticas. O 8M non é un día para que as mulleres festexemos; é un dia de loita feminina en lembranza de mulleres que foron queimadas vivas polo patrón.

A convocatoria cuestionaba de raíz tanto o patriarcado como o capitalismo. Como entendedes que se relaciona o feminismo coa loita por unha transformación global do sistema?

X. M.: Desde a orixe do capitalismo a vida das mulleres estivo determinada pola dependencia económica dos homes. Coa incorporación ao mercado laboral non se eliminou esta dependencia; foi trasladada en parte ao patrón. Hoxe, o sistema só se sostén sobre as condicións laborais precarias a que se nos somete e sobre o feito de que asumamos de balde os coidados e todos os traballos invisíbeis. Por iso é necesario buscar outra vía para a liberdade e a igualdade, centrada no común e no benestar das persoas.

X. G.: A análise da alianza capitalismo-patriarcado é o maior contributo do feminismo no século XX á loita de clase. Entendermos que o capitalismo sustenta as súas bases na explotación das mulleres a través dos mecanismos de reprodución da vida é básico para construírmos alternativas transformadoras. As nosas teóricas clásicas explicaron o papel das mulleres na loita obreira e o da familia como institución ao servizo da explotación capitalista, o feminismo do pasado século explicou como o traballo gratuíto de coidados sustenta a explotación capitalista e como isto se asenta a través da violencia estrutural, simbólica ou doutros tipos. E aí está a grande oportunidade: sermos capaces de explicar que o conflito é entre o capitalismo e a vida significa poder cuestionalo todo.

L. F.: Fica claro que o actual modelo sae beneficiado de manter a muller en desigualdade de condicións e que o traballo non remunerado do fogar e de coidados continúe a recaer en nós. Hai que recoñecerlle ao capitalismo a pericia para conseguir que moitas mulleres asuman como propio e irrenunciábel ese papel, e que se continúe a considerar o salario da muller un suplemento ao do home.

Tras éxito do 8M unha das principais cuestións a debate é como transformar as reivindicacións en mudanzas concretas. Será coa continuidade das mobilizacións?

X. M.: O que demostrou o éxito do 8M é que hai unha parte importante da poboación con inquedanzas neste campo. Agora é deber de todas dar resposta. Temos que manter na axenda estas reivindicacións e dotalas de contido.

X. G.: Creo que o máis positivo é ese propio debate porque dará pauta de como se vai encamiñar a loita feminista. O feminismo ten alternativas concretas para todos os ámbitos da vida, mais moitas delas exixen unha transformación persoal e colectiva da sociedade que non se pode enunciar como un aumento salarial ou unha lei determinada. Asumir colectivamente o traballo reprodutivo da vida son milleiros de cambios concretos na sociedade, quizais nen saibamos aínda a que nível. Eis outro reto xigante do feminismo. Isto tamén vai de que cada quen mire para dentro, para dentro das dinámicas persoais, colectivas e sociais.L. F.: Xa demos un pequeno pero importantísimo paso, pero está claro que isto non pode ficar aqui. O noso traballo diario ten que estar relacionado con coller o relevo que este 8M nos pasou para que cada ano a loita vaia a máis. O obxectivo ten que ser a transformación dun sistema que nos oprime, nos desvirtúa e nos maltrata en todas as súas vertentes.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde