Temos a oportunidade de conversar con Xabier Lago Mestre, berciano, natural de Ponferrada. Este licenciado en Historia Moderna pola Universidade de Salamanca é presidente da asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo, creada en 1998, para a defensa e promoción da cultura e lingua galegas do Bierzo. Ademais de realizar un importante traballo como activista lingüístico destacan Os seus traballos históricos, etnográficos, xurídicos e culturais que publica en diferentes medios e a través dos seus blogs persoais e de Fala Ceibe. A través del achegamos aos nosos leitores e leitoras a realidade das comarcas que fora da Galiza administrativa comparten coa Comunidade Autónoma Galega uns signos de identidade comúns.
Cal é a situación actual do galego e a cultura no Bierzo?
Coido que a situación mellora paseniño. Vimos dunha segunda metade do século XX na que descendía o número de galegofalantes pola emigración e as políticas institucionais antigalegas, e camiñamos no século XXI nun proceso de concienciación bilingüe, e temos os alicerces para mellorar acotío, caso dunha lexislación autonómica máis favorable.
Vives en Ponferrada, seguramente a zona máis complicada. É similar a situación nos diferentes concellos ou existen diferencias?
A cidade de Ponferrada, de case 70.000 veciños, sofre un forte proceso de monolingüismo castelán. Aínda así hai unha minoría galegofalante que resiste. O galego pervive nas vilas do Bierzo occidental e nos pobos e aldeas con máis vitalidade. Pero nos concellos o galego non ten case uso pola oficialidade do castelán, algo que tentamos que cambie nun futuro.
A nivel individual, como chegaches á conclusión de que había que organizarse para defender o idioma galego no Bierzo?
A faísca que comezou o meu activismo foi o rexeitamento da dirección a que o alumnado do instituto de secundaria “Alvaro de Mendaño” de Ponferrada puidese estudar galego. Dende ese ano de 1996 non paramos na defensa da lingua na bisbarra berciana, dentro do colectivo Fala Ceibe, e colaborando con outras asociacións galegueiras locais. Por certo, a pesar de resistencia social, o devandito instituto segue sen ofertar galego ao seu alumnado. Foi unha batalla perdida pero hai outras máis que tivemos máis sorte con grande esforzo. E hoxe numerosos centros escolares ofrecen galego ao seu alunado, tanto de Ponferrada como do resto do Bierzo, ademais do portugués no Bierzo oriental.
Como foi o proceso de conformación de Fala Ceibe, que apoios e que problemas vos atopastes?
As asociacións culturais dos anos 90 non estaban interesadas no idioma galego. Tivemos que crear un grupo de defensores do galego, é dicir, Fala Ceibe, que sempre tivo problemas de financiamento e sufrimos o rexeitamento institucional. A falta de financiamento público fainos máis independentes e fomenta o noso voluntarismo social. Atopamos apoio na Galiza, todo o contrario que en León e Castela. Pero o paso do tempo favorece tamén o noso prestixio social a través do feito nestes anos a prol o galego do Bierzo.
Que campos traballades e sobre que estades a incidir máis?
Comezamos traballando no ensino. Finalmente conseguimos con moita presión social o ensino do galego no ano 2001. Despois loitamos polo recoñecemento do galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León, obxectivo finalmente acadado, ainda que sen o grao de oficialidade que pedimos. Despois reclamamos o recoñecemento do galego na Lei da Comarca do Bierzo, que permite certa autonomía política para o Bierzo. E agora pretendemos lograr certo uso institucional do galego nos concellos bercianos.
Neste tempo onde vedes os vosos principais logros?
Os principais logros están no ensino do galego nos colexios públicos. Agora pretendemos que o galego sexa de oferta obrigatoria para todos os centros do Bierzo occidental, e voluntario para o seu alumnado. A nivel legal seguiremos reivindicando a oficialidade do galego, despois de conseguir o recoñecemento do noso idioma tanto no Estatuto de Autonomía de Castela e León como na Lei autonómica da Comarca do Bierzo. Loitaremos por conseguir un novo recoñecemento do galego na futura Lei de Linguas de Castela e León.
Segundo os teus traballos históricos e etnográficos, onde consideras que se sustentan historicamente as relacións entra a Galiza administrativa e os territorios de cultura galega?
Galiza e O Bierzo sempre estiveron unidas porque non había lindeiros administrativos capaces de impedir as relacións normais, comerciais, económicas, culturais… entre os dous territorios veciños. O Estado das Autonomias creou lindeiros políticos que empecen esas relacións normalizadas entre Galiza e O Bierzo. Por iso hai que loitar porque se abran máis os dous territorios entre si, rachando co actual lindeiro político-administrativo.
Que relación tendes cos partidos políticos no Bierzo e cal é a súa sensibilidade a respeito do noso idioma?
Hai que presionar acotío moito aos partidos do Bierzo para que traballen a prol do galego. Os estatais teñen moita dependencia das executivas de León e Valladolid, e non actúan con normalidade polo galego. O bercianismo político, do Partido do Bierzo e do Partido Regionalista do Bierzo, ten medo a virar demasiado para Galiza e non afronta con valentía a defensa do idioma galego. É hora de que se empece a asumir con normalidade que o galego é a esencia cultural do Bierzo occidental.
Existe un tecido asociativo que defenda o idioma e cultura galegas no Bierzo? E de ser así, existe cooordenación entre vós?
Hai un tecido asociativo no Bierzo, quizais ainda pequeno pero moi vindicativo. A estratexia galegueira no Bierzo é mellorable. Podería coordinarse mellor dende a recuperación da Mesa pola defensa do galego no Bierzo, que tivo un bo traballo na década dos 80 do século pasado, pero que perdeu forza ante o empuxe do galeguismo asociativo que naceu en Ponferrada.
E co asociacionismo de defensa do idioma baixo administración asturiana ou zamorana, mantedes algún tipo de coordenación?
Temos contactos coas asociacións de Asturias e Seabra, pero a distancia xeográfica que nos separa empece un traballo máis constante. De todos os xeitos as problemáticas deses territorios estremeiros son distintas ás que se presentan no Bierzo. Algúns cremos que no Bierzo somos vangarda para o resto de territorios galegueiros estremeiros polo noso vitalismo reivindicativo. Está claro que a forza galegueira do Bierzo non é comparable ao que acontece nas Freirías da Alta, e as nosas consecucións tiran do carro tamén para os seabreses.
Que papel xogan as administacións públicas, en particular os concellos, a Junta de Castilla y León e a Xunta de Galiza?
Sempre hai que pedir máis ás institucións públicas que mencionas. Hai que presionar máis, de xeito constante e acotío. Só a presión social consegue os obxectivos porque a iniciativa destas institucións é escasa porque nin queren (coa desculpa de falta de cartos) nin saben que facer polo galego do Bierzo. Por iso o futuro do galego estará na presión social berciana, xa que das institucións pouco podemos agardar.
Finalmente, cal pensas que debe de ser a relación coas comarcas que comparten trazos de cultura galega fora da Galiza administrativa por parte do asociacionismo e das organizacións políticas nacionalistas galegas?
Todos temos que mellorar as relacións mutuas, hai que profundar nelas cunha estratexia de maiores contactos continuados no tempo. O galego do Bierzo ten que ter máis protagonismo nos debates políticos do nacionalismo galego, e tamén o seu espazo público e mediático. Agardamos que a presenza do galego do Bierzo na Galiza medre paseniño porque o futuro do noso idioma depende moi moito da axuda que recibamos da Galiza. Alguén pode pensar que imos recibir a axuda axeitada de León e Castela? Non, porque na Comunidade Autónoma de Castela e León pretenden rematar co problema galegueiro do Bierzo e punto.