Entrevista a Sonia González

Alén dun sindicato de clase, LAB defínese como unha organización que xungue na súa estratexia sindical a transformación social e a liberación nacional de Euskal Herria. Nace en outono de 1974 como organización de masas e desde o ano 2000, esténdese tamén aos territorios de Ipar Euskal Herria, as tres provincias que se atopan baixo administración francesa. Sonia González, secretaria de Comunicación, explica cal é, no actual contexto socio-político e en plena crise económica, a posición de LAB respecto destes aspectos.

Como avalía LAB a actual situación de crise económica e que papel xoga o sindicato neste contexto?

Chegamos ao Primeiro de Maio nun contexto de crise que non provocamos, ante ameazas de reformas e recortes e ataques do poder económico. Todas as medidas que tomaron as distintas institucións estiveron encamiñadas a que a patronal e a banca recuperen as súas marxes de beneficios e agora, ademais, coa escusa desa mesma crise pretenden afondar no mesmo sistema que nos trouxo até aquí a conta dos dereitos da clase traballadora: reforma de pensións, reforma laboral, redución no gasto público…

Está sendo un ano sumamente complexo en canto a negociación colectiva. Atopámonos cunha patronal subida á parra directamente, multitude de conflitos en empresas e sectores… en Galiza tamén sabedes o que está sendo, unha ofensiva en toda regra. E non podemos esquecer que estamos ás portas das eleccións sindicais. Con todo, isto non colleu ao sindicato desprevido. Vimos reclamando a necesidade de cambio desde hai tempo. Defendemos, fronte ao discurso oficial, que riqueza hai, que o único problema é repartila dun xeito xusto. A diferenza doutros sindicatos, fomos máis alá das respostas concretas e traballamos toda unha alternativa arredor de cinco puntos: sector público vasco, política de emprego, sistema propio de protección social, dereito a decidir e igualdade de oportunidades.

Como está afectando a crise do sistema á clase traballadora dee Euskal Herria?

Levamos dous anos nos que se está cumprindo o guión establecido á perfección. Nun principio, a patronal aproveitou para soltar lastre. Chegaron os expedientes de suspensión, os de extinción e, aínda que non sexa tan visible, despedimentos un a un sobre todo en sectores non industriais, que, como o comercio, a hostalería etc., están moi feminizados. Aínda que ao principio puidesen incidir principalmente sobre contratos eventuais, aproveitouse para destruír emprego máis estable que xa sabemos como se vai substituír. Tras este primeiro paso agora atopámonos de cheo no momento das ‘reformas’, que non son máis que medidas regresivas que como único obxectivo teñen recuperar as marxes de beneficio á conta dos nosos dereitos: reforma das pensións (un novo nicho de negocio para esa banca tan maltreita), reforma do mercado laboral (maiores avantaxes para a patronal). O que hai que lembrar neste intre é que os dereitos que ten a clase traballadora, aínda que non sexan todos os que nos merecemos, foron conseguidos tras loitas arduas e duras, que ninguén nos regalou nada, que ninguén nos vai a regalar nada agora e nunca. Nos anos en que ás empresas íalles ben que ga ñamos as traballadoras e traballadores? Máis precariedade. É mentira que as medidas que se tomen agora vaian ter volta atrás. Todo aquilo que deixemos que nos arrebaten, será moito máis difícil volver recuperalo. A loita e a confrontación é o único camiño.

Como articulades a resposta sindical fronte á crise?

LAB sempre tivo claro que debíamos situarnos á ofensiva, porque o único ao que está disposto o poder económico -e as institucións aliñadas completamente con el- é a dicir que hai que arrimar o ombreiro e a deixarnos catro migallas que non dubidamos que certos sindicatos estean dispostos a xestionar, pero que non é a nosa forma de actuar. Riqueza hai, pero está claro que dentro deste sistema nunca se vai repartir como se debe. O sistema capitalista dedícase a concentrar esa riqueza cada vez en menos mans. E esas mans, tede por seguro, que non son as mans das e dos traballadores. Para cambiar o sistema o único xeito é situarse á ofensiva no plano ideolóxico, na acción sindical, na negociación colectiva, en canto ao sector público e a protección social.

Que papel xoga a maioría sindical vasca fronte a CCOO e UGT?

Eu non falaría dun papel fronte a ninguén, senón de dous xeitos distintos de entender o que debe ser un sindicato e o que debe ser facer sindicalismo. A maioría sindical vasca situouse nesa ofensiva. Fixemos unha folga xeral cando a patronal, as institucións e os demais sindicatos dicíannos que non era procedente, que non tiña sentido, pouco menos que estabamos tolos. Realizamos un decálogo con medidas urxentes e facilmente realizables para que a saída a esta crise fose a favor da clase traballadora e das clases populares. Este decálogo acadou o apoio de 132.000 persoas mediante a súa sinatura. Ninguén puido saír en contra destas medidas que propomos, pero as institucións xa tiñan moi claro o seu papel de xestores dos intereses duns poucos. Realizamos mobilizacións masivas polas rúas de Euskal Herria, mobilizacións que buscaron a implicación social. Todo isto non o fixemos segundo o calendario que nos quixeron marcar, senón coa nosa propia iniciativa e as nosas propias reivindicacións, saímos á rúa reivindicando un cambio de modelo social e económico, conscientes de que dentro deste sistema neoliberal a clase traballadora non vai gañar nada nunca, que non temos ningunha disposición para xestionar miserias nin bailar ao son que nos queiran tocar. Non podemos responder da postura que tomen outros sindicatos, pero ese sindicalismo de acompañamento e de xestión deixa bastante que desexar para coa defensa dos intereses da clase traballadora.

Que aportan a organización sindical e a clase traballadora basca no proceso político?

É necesario un cambio, un cambio profundo para poder construír un novo modelo económico e social que realmente estea ao servizo dos intereses da maioría social traballadora: a economía ao servizo das persoas e non as persoas ao servizo da economía (duns poucos). Pero o que nos atopamos é que ese cambio é imposíbel se non leva a cabo tamén un cambio político. Por unha banda, as institucións, tanto o Goberno de Gasteiz, como o Goberno de Iruñea, o Goberno español ou Goberno francés, negáronse a iso e, ademais, no noso caso, que tamén é o voso, dentro do marco competencial actual é imposible. De feito, o obxectivo do marco actual é evitar que as cousas cambien. Pechar as portas ao cambio, neste momento esa é a prioridade principal das institucións, o obxectivo dos Estados español e francés, e de quen representan o Capital. Son catro eixos sobre os que se debe sustentar ese cambio: definir un novo marco político e institucional, que as institucións se poñan ao servizo da cidadanía, mellorar as condicións de vida e as condicións laborais dos homes e as mulleres de Euskal Herria e construír os alicerces para definir as bases do novo modelo económico e social. O camiño para lograr estes obxectivos é un proceso democrático, porque esa é o único xeito de que os cambios se realicen dun xeito democrático. Mediante o diálogo e a negociación deberemos construír os acordos que necesita Euskal Herria. Acordos entre axentes e acordos entre Euskal Herria e os Estados. Por suposto, para levar a bo porto un proceso democrático é indispensable asegurar a libre actividade política e social en Euskal Herria, pois é aí onde se atopa a posibilidade de desenvolver compromisos a favor do proceso.

Hai agora un ano, unha decena de persoas, entre elas o ex secretario xeral de LAB, Rafa Díez Usabiaga, eran detidas na propia sede do sindicato. Daquela, desde os medios do sistema poñíase en cuestión a posibilidade de ilegalizar unha organización de masas como a vosa, con máis de 40.000 afiliados. Transcorrido un ano decrétase a súa liberdade baixo fianza, tres días despois da esquerda abertzale volver a apostar pola vía política en Iruñea. É casualidade?

Todo o que pasa neste pobo son decisións cunha motivación política, xa que logo, nada é nunca pura coincidencia. De todos os xeitos eu non uniría tan linealmente unha situación con outra. A operación policial na sede do sindicato pola cal se encarcerou, entre outras persoas a Rafa, foi unha agresión en toda regra por parte do Estado. Así o denunciaron as miles de persoas que abarrotaron as rúas de Donostia. Encarcerar a representantes políticos e utilizar a represión é o único xeito que teñen para intentar desactivar e condicionar a oferta política da Esquerda Abertzale. Temos que superar este ciclo de negación dunha vez por todas, e abrir un novo baseado no respecto e o recoñecemento de Euskal Herria. Iso é o que está en xogo, é o que pide a maioría deste pobo. Iso esixe facer oferta política, construír acordos e realizar apostas claras. Debemos ter opción a materializar o cambio político do que falabamos antes, sen límites, sen inxerencias, sen violencias. É un escenario ao que podemos chegar, a condición de que sumemos vontades dos axentes políticos e sociais do noso país. Todo iso por encima de ataques represivos e por encima dos topes que nos impón o Estado.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde