Entrevista a Raquel Vázquez e Inácio Pavón

non haberá avances na liberación nacional sen o protagonismo das clases traballadoras do noso país¶

Cómpre atender a axenda social desde unha perspectiva soberanista

A necesidade de denunciar o carácter e natureza da UE como o instrumento concreto do capitalismo europeo é maior que nunca.

Neste ano 2016 fai dez que o que hoxe é o Movemento Galego ao socialismo deu os seus primeiros pasos como o xermen do que hoxe representa. Raquel Vázquez e Inácio Pavón forman parte da área organizativa do MGS e conversamos con eles sobre esa etapa onde ten as orixes a nosa organización, sobre as nosas propostas e visión do mundo e sobre os reptos que o soberanismo de esquerda ten por diante.

A traxectoria da organización vai xa para 10 anos, ainda que só desde o 2009 baixo o nome de MGS. Porque naceu nese momento?

Nacho Pavón: No entorno do verán de 2006 comezamos a agruparnos militantes do BNG que cuestionábamos abertamente a liña política maioritaria na fronte naquela altura, que buscaba na moderación no plano nacional e no social a hexemonía política exclusivamente pola vía institucional. Unha estratexia que considerábamos suicida e cuxo resultado foi unha desnaturalización do proxecto histórico, cunha traxectoria de loita e construción nacional inegábel nas décadas anteriores, e que por primeira vez foi percibido socialmente como asimilable ás forzas convencionais. Esa deriva política tiña tamén o seu reflexo organizativo e levaba consigo de maneira inseparábel un novo modelo, menos participativo e horizontal, que paseniñamente se ía instaurando no interior do BNG.

Na maior parte dos casos ademais víñamos do traballo social, sindical ou do movemento xuvenil polo que esas contradiccións eran mais evidentes para nós por ter que confrontar diariamente na base social.

É nese contexto xeral onde se artella unha alternativa política e unha candidatura ao Consello Nacional do BNG que denominamos Movemento pola Base, facendo fincapé no modelo organizativo, e que defendía un xiro soberanista e de esquerda na liña política e unha mudanza nos métodos de traballo que permitise a introducción e activación social do proxecto político. En paralelo e autonomamente deuse tamén á constitución de Isca! que celebra o seu décimo aniversario.

Raquel Vázquez: Foi posteriormente e na maduración dese proxecto, e na súa relación dialéctica coas posicións maioritarias e as de outros colectivos da frente e fóra dela que o que foi inicialmente só unha alternativa concreta para unha asemblea nacional do BNG foi consolidando no proxecto político partidario comunista e independentista que hoxe o Movemento Galego ao Socialismo. Así se decidiu na primeira asemblea nacional no ano 2012 e posteriormente na segunda en 2014 onde xa se constituiu o MGS como partido, se elaborou o noso programa político e se solicitou o recoñecemento como colectivo organizado no seo do BNG.

Cales son os piares ideolóxicos en que se basea o MGS, pois?

RV: Por un lado, sostemos que a forma máis adecuada, realista e factíbel de conseguirmos a soberanía para o noso pobo frente ao Estado español é a constitución dun Estado galego independente e soberano, que sirva para avanzar na loita pola xustiza social: a República Galega é unha loita que vai unida, pois, á consecución do socialismo. Dúas cuestións intimamente interrelacionadas, aínda que non teñan que acontecer simultaneamente: non haberá avances na liberación nacional sen o protagonismo das clases traballadoras do noso país, as máis interesadas obxectivamente nela. E como organización de traballadores e traballadoras sabemos tamén que na loita de clases que se desenvolve no noso país, como periferia do centro, a mellora das condicions de vida populares vai vir de remover os atrancos que o Estado español, como estrutura de opresión nacional e parte do sistema capitalista, coloca ao desenvolvemento autónomo do noso país.

Como concebides o traballo partidario?¶

NP: Como militantes, temos un traballo en distintos planos. Por un lado, a fundamental actuación nas organizacións de masas, en concreto nas dúas maiores expresións do soberanismo, que agrupan milleiros de persoas: no traballo político, o BNG; e no traballo sindical, a CIG. Nelas, achegando traballo e alternativas, propoñendo actividade, impulsando conflitos e dinamizando as organizacións, actuando desde os nosos parámetros lealmente co conxunto; alén de actuarmos na mocidade, coa nosa organización xuvenil, Isca! Por outro, participarmos e contribuimos a activación do tecido popular deste país: desde as organizacións culturais, ambientalistas, internacionalistas, no movemento feminista ou de calquera tipo, ligando o concreto co xeral. Por último, temos tamén a nosa propia actividade partidaria e vida interna da organización. É certo que, existindo eses planos, o reto é ser capaces de distribuír tarefas e esforzos de maneira adecuada, de forma que avancemos nos obxectivos políticos.

RV: Como organización estratéxica pretendemos ademais introducir debates que permitan clarificar e avanzar ao proxecto político, sempre desde o respeito á autonomía de cada organización. Ademais pensamos que a militancia conleva esforzo e participación, algo que choca diretamente coa concepción líquida do activismo que hoxe se nos vende. Daí tamén o papel central da formación e a autoformación.

Hai que decir tamén que nós non nos consideramos o único referente no noso espazo político nen nos vemos como un proxecto rematado e gostamos mais de definírmonos como partido comunista en construcción onde deberemos coincidir con mais compañeiros e compañeiras para edificar esa ferramenta. Iso ten a ver coa nosa orixe, que explicamos antes, e tamén coa propia evolución do proxecto político do nacionalismo galego de esquerdas que propiciou ao longo dos anos moitas diverxencias, certo desencanto e a dispersión de forzas.

Como credes que ten que ser a actuación dentro do BNG, a relación entre colectivos e militantes individuais?

RV: Como toda organización viva, o BNG ten unha diversidade de pareceres moi ampla, aínda sendo unha organización onde todas as persoas coinciden en seren soberanistas e situadas na esquerda. Mais nesa diversidade caben distintas propostas sobre tácticas políticas, campañas, prioridades e moitas cuestións que fan que exista debate, acordos e desacordos. A nosa tarefa consiste en, desde a nosa visión particular, colaborar a construír as opinións colectivas ás que nos debemos. Así o tentamos facer en todo momento, desde o traballo diario até as Asembleas Nacionais e nos organismos da fronte.

NP: Pensamos que nunha organización como o BNG, de transformación e que non ten máis forza que a que dea a militancia e o seu traballo, esta ten que ter o máximo protagonismo posíbel, asumiren responsabilidades en función das súas capacidades, valía e lealdade á liña acordada, in-ependentemente da súa adscrición ou non a colectivos. E tamén que dentro do BNG, con naturalidade, a militancia poida constituirse en colectivos ou partidos e soster as súas posicións, de maneira que os debates sexan francos e abertos, con interlocutores claros e posicións contrastábeis, por riba de prácticas lobbistas fóra dos organismos.

Pensamos tamén que iso é moito mais claro e honesto que que existan colectivos que negan selo e que despois actúan perfectamente coordenados para condicionar a liña política á marxe da militancia. Nunca se nos poderá acusar de ter levado os debates á prensa para danar ao BNG ou de tentar condicionar o lexítimo debate interno desde a chantaxe. Por riba de definicións concretas, as coincidencias e diverxencias do MGS co resto de colectivos e militantes veñen dadas pola coincidencia ou non coas alternativas estratéxicas e tácticas que cada quen defende no interior do BNG, actuando sempre desde a sinceridade, o respecto e o compañeirismo.

Neste momento está aberto un debate sobre a refundación do soberanismo. Que parámetros defende o MGS e en que se ten que incidir mais?

NP: Entendendo que o BNG é a ferramenta política que aglutina a maior parte do soberanismo organizado é evidente que se torna imprescindíbel para o futuro do país. Agora ben, para volver situar a fronte novamente como referencial para os galegos e galegas temos a imperiosa necesidade de estarmos dispostas a implementar todas cantas mudanzas sexan precisas, e estas mudanzas non poden ser unicamente estéticas nin propagandísticas, e por suposto non só ligadas ao éxito ou fracaso eleitoral.

Cómpre atender a axenda social desde unha perspectiva soberanista, xa que na Galiza hai problemas sociais moi graves e todos parten do mundo do traballo (precaridade, desemprego, pobreza,…) e dos servizos públicos (porque non existen, porque se privatizan, porque se precarizan). Ao mesmo tempo, precisamos realizar dentro da Fronte unha análise moito máis demorada na que os eixos principais sexan o traballo que facemos, como o facemos e a quen o diriximos, algo para o que temos unha oportunidade no proceso de redefinición do soberanismo que estamos afrontando

Desde o MGS defendemos que é imprescindible que o discurso, o traballo e os nosos esforzos vaian encamiñados na defensa absoluta e indiscutible das grandes damnificadas deste sistema que nos foi imposto.

Cal é a posición do MGS respecto á súa actividade pública? Como articulala nunha organización como o BNG, fronte para a liberación nacional e social?

RV: A actuación pública dun partido como o noso, que está inserido nunha fronte para a liberación nacional e social como o BNG, está centrada en varios aspectos, e ten que ver tamén nestes anos coa normalización dunha actuación partidaria nunha organización máis ampla, onde cada partido decide o nivel de presenza pública axeitada de forma autónoma. Por una lado actuamos na loita ideolóxica, en cuestións da nosa especifidade ideolóxica dentro da diversidade do soberanismo: a defensa do socialismo como alternativa económica, por exemplo; preservando o papel referencial da fronte na actuación de masas na Galiza. Por outro, como partido, actuamos nas relacións internacionais con partidos semellantes en diversos países.

Porque se dá tanta importancia a aspectos como o TTIP ou a natureza da Unión Europea na acción política do MGS?

RV: O soberanismo galego sempre tivo claro que a UE era a ruína para o noso país. Do noso punto de vista hoxe, nesta fase histórica, a cuestión da Unión Europea é fulcral porque ten profundas implicacións na vida diaria dos galegos e galegas, e non pode ser obviada, sendo divisoria de augas entre o reformismo sen perspectiva e as organizacións transformadoras e revolucionarias. A necesidade de denunciar o carácter e natureza da UE como o instrumento concreto do capitalismo europeo é maior que nunca.

Hoxe vemos como ese instrumento antidemocrático que é a UE, que alonxa as decisións e rouba soberanía aos pobos, impón con máis forza as políticas do capital. Ainda que hoxe os gobernos da totalidade dos Estados, con poucos matices relevantes, fagan parte do consenso neoliberal, a UE sería un impedimento obxectivo no caso de implementárense políticas diferentes. O TTIP, por exemplo, é máis unha mostra, de enorme importancia polas súas repercusións, da natureza da UE e o capitalismo internacional, así como o seu brazo armado, a OTAN. É por isto que achamos que é necesario facer traballo neste campo na sociedade galega.

N.P.: Cremos ademais que é imprescindíbel aumentar o nível de debate sobre estas cuestións. O recente caso do Brexit no Reino Unido é un exemplo diso, ou a situación en Grecia e o goberno de Syriza. Nós tivemos unha posición clara nestes temas que non é a socialmente maioritaria, moi determinada polos medios de comunicación e que sempre lle presenta posicións cómodas á esquerda ou falsas alternativas que nunca se materializan. É o que é curioso é como non existe nada de autocrítica unha vez comprobado o seu fracaso.

Exemplos similares deste mesmo esquema temos a respeito das guerras e intervencións imperialistas ou mesmo na política interna no estado español onde habitualmente a posición máis cómoda non adoita ser a correcta.

Falando diso, cal é a posición do MGS a respeito do panorama político no estado español, as posibilidades dun cambio político primeiro no estado do que eventualmente se pudera abrir un proceso constituínte nas nacións sen estado.

RV: Para nós é evidente que o Estado español é unha realidade irreformábel, ou cando menos irreformábel no sentido que a nós nos pode interesar como galegas e galegos: de recoñecer as realidades nacionais que nen sequera contempla e permitirlles exercer a súa soberanía, o seu seu dereito de autodeterminación. E sen iso non hai solución ao problemas concretos. E non é reformábel porque hai intereses que van m oito alén da correlación de forzas dun parlamento en Madrid, e que teñen a ver coas prácticas coloniais do grande capital con sede en Madrid, que se beneficia con descaro do actual statu quo, como é evidente. A pregunta sería: que pode gañar España reformándose, se para facelo tería que abandonar todas as súas prerrogativas? Non é só unha cuestión da esencia dese proxecto político; é tamén unha cuestión de nula vontade, presente ou futura.

NP: Daí e desa lectura política ven a defensa da autoorganización como eixo vertebrador da acción política e a crítica a subordinación dos nosos intereses como pobo a unha solución quimérica que non se pode materializar. No conxunto do Estado, está en marcha xa unha nova fase de relexitimación e rexeneración, que conta co imprescindíbel concurso de forzas que se reclaman vinculadas a intereses relativamente populares, e que pretende cercenar a vía da independencia nacional e a transformación social. O caso mais claro é o catalán onde o freo á única posíbel ruptura e posibilidade de cambio social no estado está a ser combatida tamén, na prática, desde ese espazo político.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde