Entrevista a Rafa Vilar

O MGS tentou favorecer que o BNG recuperase un perfil claramente de esquerdas, mobilizador e en sintonía coas organizacións e movementos sociais

Rafa Vilar, membro da Coordinadora Nacional do MGS e da Executiva Nacional do BNG, analiza o traballo político do nacionalismo desde a última asemblea nacional, celebrada en outubro de 2008 e o papel que vén desenvolvendo o Movemento Galego ao Socialismo no seo da fronte. Malia percibir avances na recuperación dun perfil nidiamente nacionalista e de esquerdas e na interlocución cos movementos sociais, nomeadamente co sindicalismo nacionalista, alerta da perigosa bipolarización interna que se está a producir e, en consecuencia, no afondamento da confrontación.

Transcorridos quince meses desde a XII Asemblea Nacional do BNG, que balance fai o MGS da situación da fronte?

A nosa avaliación a respecto do actual estado de cousas no BNG é ambivalente. Dunha parte, podemos entender como un elemento positivo deste período que a organización recuperase certa liña discursiva e orientacións políticas do nacionalismo popular, que nos é propio, en defensa da clase traballadora -hoxe duramente golpeada polas políticas neoliberais- e dos sectores populares. En consonancia con isto, parece que se volve entender a importancia da mobilización social como instrumento da acción política, ou cando menos xa non se estigmatiza. E nesa liña, percíbense avanzos evidentes na recuperación da interlocución do BNG coas organizacións e movementos sociais. O desenvolvemento de actos conxuntos coa CIG na campaña contra a crise pode ser un exemplo disto último. Porén, estes signos positivos que nós apreciamos haberá que ir vendo que grao de consolidación alcanzan, tendo en conta ademais -e disto é ben sermos conscientes- que existen no seo do BNG resistencias importantes a que iso sexa así.

Como se materializan esas resistencias?

Residen en sectores da organización ancorados en posicións de defensa do institucionalismo como única vía de acción política e que, alén diso, son partidarios de rebaixar os postulados político-ideolóxicos do BNG a uns mínimos moi difusos en canto aos seus contidos de esquerda transformadora e por suposto en canto ao seu perfil como organización na cionalista soberanista.

Que consecuencias coida o MGS que poden ter para o BNG?

Estamos a ver con preocupación que, a nivel interno, se manteña unha crecente bipolarización entre as dúas sensibilidades maioritarias (a nu cleada en torno a APU-UPG e mais a que aglutina o que no seu día foi o quintanismo, hoxe organizada como +Galiza). Bipolarización que pode deixar bastante tocado o modelo frontista que define historicamente o BNG e polo que nós vimos apostando sen vacilación. A mellor confirma ción do dito é o proceso seguido para a confección das listas das vindeiras municipais, que afondou na confrontación interna e que foi vivido polas bases do BNG cunha mestura de tensión e cabreo.

Cal foi o papel desenvolvido polo MGS durante este período?

O noso papel tamén está condicionado pola situación interna da fronte e por suposto polo noso peso dentro do BNG. En todo caso, tentamos neste tempo, tanto nos organismos nacionais (Executiva e Consello nacional) como nos comarcais e locais, favorecer unha mudanza no rumbo anterior da organización, que axudase a que o BNG recuperase un perfil máis claramente de esquerdas, máis mobilizador e en mellor sintonía coas organizacións e movementos sociais. Para nós foi unha preocupación fundamental que o BNG abordase a cuestión da crise económica cunha implicación real, desenvolvendo unha campaña social específica polo conxunto da nación, denunciando o modelo económico e social imperante. En relación con isto, parecíanos prioritario recuperar a interlocución social co sindicalismo nacionalista, coa CIG, como mellorar maneira de facer visíbel un BNG máis próximo dos intereses da clase traballadora. Así mesmo, entendíamos que a defensa dos servizos públicos ten que ser un eixo político para a actuación do BNG, máxime nun momento en que, desde o Goberno da Xunta, o PP está resolto a realizar o seu desmantelamento, como se ve no caso da sanidade ou os servizos sociais. Outras preocupacións do MGS no seo do BNG tiveron que ver coa ampliación da axenda política da organización en aspectos como o ambiental (aí vimos traballando desde a responsabilidade na comisión nacional de ambiente) ou o do internacionalismo e a denuncia do imperialismo (posición favorábel á mobilización en contra do acoso á Revo lución cubana, denuncia do terrorismo sionista en Palestina, etc.).

Porén houbo claros intentos de silenciar ao Movemento Galego ao Socialismo.

Efectivamente, houbo intentos, desde sectores do BNG, de ningunear o MGS como organización que traballo na seo da fronte, de ignorar as nosas propostas, ou mesmo de asimilarnos a unha das correntes maioritarias. Supoño que estes intentos de silenciamento veñen dados polos posicionamentos claros que o MGS vén mantendo arredor das políticas -inequivocamente nacionalistas e de esquerdas- que debe seguir o BNG e tamén sobre a propia concepción do Bloque como unha organización frontista, na que prime a participación e o poder de decisión das bases. E o debate dado en torno á proposta de Regulamento que debía rexer o proceso de elección das candidaturas das municipais foi un claro exemplo disto.

Entrando neste asunto, cal foi a posición do MGS a respecto do Regulamento das municipais?

Fomos convocados a unha reunión nacional das catro sensibilidades organizadas do BNG na que se buscaba un acordo sobre o Regula-mento do proceso de elección das candidaturas das municipais de 2010. Asistimos a esa xuntanza, xuntamente con +G e con APU-UPG (o EI declinara asistir pero seica lle trasladara a +G as súas achegas ao respecto). Nela, +G, a través do actual responsábel nacional da área de Municipal do BNG, presenta unha proposta de Regulamento que viña substituír o vixente nos últimos anos e que era, para nós, inasumíbel e así llo fixemos saber. Inasumíbel por canto era un texto que buscaba a confrontación de candidaturas, avogaba por afondar no disenso interno e limitaba o papel dos organismos (consellos lo-cais e asembleas locais) e das propias bases do BNG á hora de con feccionar as candidaturas. Esa posición mantivémola nos organismos nacionais a onde se levou o debate e acabámola plasmando no Consello nacional de marzo coa abstención dos nosos representantes no organismo, a diferenza do EI, que votou en contra, e por suposto de +G e APU-UPG, que acabaron consensuando o texto definitivo do Regulamento.

Como se avalía o resultado final?

É un feito obxectivo que as nosas reticencias a ese Regulamento estaban ben fundamentadas, e o proceso da escolla do primeiro tramos das listas non se pode avaliar como positivo para a organización, por canto afondou na bipolarización e nas tensións internas. Xunto a isto, tamén se deron prácticas totalmente inaceptábeis como altas colectivas, carrexos indis criminados, etc. Se cadra, o único bo disto é que as bases, ao final, se pronunciasen e acabasen por facelo castigando co seu voto aos que promoveran este novo Regulamento. O que xa parece un desatino é que, ao final, os que apostaron por cambiar as regras de xogo anteriores e por este novo método de confección das listas -os compañeiros e compañeiras de +G- se desentendesen de todo e non apoiasen no consello nacional de xullo o resultado saído das asembleas locais do BNG, absténdose na votación. Abstención consciente deste sector que acabou xerando que a mediática aproveitase a ocasión para bater máis unha vez no BNG. E o lamentábel é que isto ás veces tamén se alimenta desde determinados sectores da organización, que prefiren fuxir do debate interno para trasladar as súas posicións aos medios de comunicación imposibilitando ou condicionando ese debate.

A situación en Galiza e esta en relación ao contexto estatal, como a avaliades?

É evidente que hoxe a conxuntura xeral está marcada pola chamada crise económica, que é unha crise sistémica do capitalismo a escala global. E, por tanto, unha nación como Galiza, sen soberanía e sendo periferia dun dos centros do sistema -a Unión europea- está sendo golpeada pola crise, e quen máis a padece son a clase traballadora e os sectores populares, e apenas conta con resortes para facer fronte á situación. Posibelmente esteamos ante unha crise que contén diferentes dimensións, e unha delas é que os poderes do Estado español a afrontan desde postulados neoliberais que rebaixan o papel do Estado en canto instrumento público ao servizo dos cidadáns e cidadás, ao tempo que se reforza no que se refire ao seu centralismo. De aí que finalmente o Estatut catalán tivese o percorrido que tivo (o vasco xa nin iso), sendo dobremente retallado, en primeira instancia polas Cortes xerais españolas e, en segunda, pola demoledora e política sentenza do Tribunal Constitucional, que reduce o texto saído do Parlament catalán a unha bagatela político-xurídica e consagra un escenario de vaga recentralizadora no Estado español. Coa correlación de forzas existente no noso país, desde o nacionalismo galego teremos que obrar con toda a intelixencia posíbel, e tamén co máximo de compromiso e lealdade, para acordar unha estratexia común que teña como horizonte irrenunciábel a soberanía de Galiza. Cada paso táctico que se dea a nivel político, debe afortalar ese horizonte. Niso seguro que estaremos os compañeiros e compañeiras do Movemento Galego ao Socialismo.

Xa por último, ante a crise está convocada unha folga xeral a nivel estatal para o 29 de setembro. Como afronta o MGS esta convocatoria?

Como é sabido, o MGS participa do traballo político-sindical que desenvolve a CIG, e faino desde a responsabilidade de formar parte do que se coñece como a “maioría sindical”, que agrupa diversas sensibilidades do sindicalismo nacionalista que comparten en moitos aspectos unha visión estratéxica da central sindical, como unha central combativa, non pactista nin submisa, e conformando o proxecto de liberación nacional e social do nacionalismo popular en Galiza.

Feita esta aclaración, desde a CIG -e por tanto nós como MGS- vénse impulsando un conxunto de iniciativas mobilizadoras para dar resposta á crise desde a nosa nación, e nesa liña víñase apuntando a necesidade de convocar unha folga xeral, e facelo xa. Máis unha vez, é o sindicalismo estatal (que segue enrocado nunha estratexia de “pacto social” e de docilidade fronte á patronal e ao capital) o que atrasou esta convocatoria de folga xeral, coa intención de que sexa unha folga “de baixa intensidade”. Pola contra, nós estamos enfocando o noso traballo inmediato a nivel sindical en que esta sexa unha folga exitosa en Galiza, e que a clase traballadora dea mostras dun gran nivel de compromiso, combatividade e capacidade de mobilización.

Pensamos que a crise económica é unha oportunidade para mudar a correlación de forzas en favor da clase traballadora e da toma de consciencia da necesidade dunha mudanza de sistema económico e da loita pola soberanía política.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde