Entrevista a Rafa Vilar e a Noa Presas

A compañeira Noa Presas e o compañeiro Rafa Vilar formaron parte do Consello nacional do BNG -como integrantes da candidatura “Máis Alá” promovida polo MGS- desde a Asemblea nacional extraordinaria de maio de 2009. Transcorrido este período de case tres anos, fan un breve balanzo desta etapa nos organismos de dirección da fronte nacionalista, ao tempo que falan das propostas que o MGS fai no seo do BNG nesta Asemblea Nacional.

En primeiro lugar, pediríamosvos que fixesedes unha avaliación deste período desde a anterior Asemblea nacional do BNG a hoxe, partindo ademais da actual conxuntura económica e social.

Rafa Vilar. Ben, nin que dicir ten que este foi, a nivel xeral, un período intenso e convulso. Dunha parte, viamos que se agudizaba a ofensiva capitalista, con efectos devastadores para as clases populares, e nomeadamente para a clase traballadora, con laminación de dereitos sociais e laborais, acompañado isto dunha perda importante da calidade democrática, coa imposición das políticas neoliberais e a ditadura do capital financeiro. E viamos tamén como os diferentes gobernos do noso contorno se comportaban como simples xerentes dos intereses do capital, sen lles importar que está a pagar realmente os custos da crise.

Noa Presas. Si, e iso en Galiza, como nación dependente da periferia europea, acabou por traducirse nun importante incremento de desemprego (sobre todo, xuvenil mais non só), nunha cada vez máis difícil situación dos nosos sectores produtivos e, en definitiva, nun retroceso na calidade de vida para amplísimos sectores do noso pobo.

Tampouco podemos esquecer que neste lapso de tempo se produciu a convocatoria de tres citas electorais (europeas, municipais e xerais) e de dúas folgas xerais en Galiza, así como doutras importantes mobilizacións sociais (en defensa da lingua, da sanidade e ensino públicos…).

E nese contexto que describides, cal o foi o papel do BNG?

N.P. Pois, efectivamente, ese é o contexto en que tivo que operar o BNG. Un BNG que, dito sexa de paso, saíra da Asemblea extraordinaria de 2009 sen realizar unha análise de fondo sobre as causas que o levaran a esa importante perda de credibilidade social na última década. Xuntamente con iso, con esa falta de análise, o certo é diferentes sectores da organización frontista optaron por non asumir democraticamente o resultado saído desa asemblea, en canto á composición dos organismos de dirección e ao tímido cambio de rumbo que se propuña na acción política do BNG. Por tanto, neste período o papel do BNG estivo demasiado lastrado pola falta de convición de determinados sectores respecto á posta en marcha dunha nova liña política, así como por unha estrutura interna na que hoxe o excesivo peso do institucionalismo imposibilita unha organización máis participativa e dinámica.

R.V. Nós temos claro, ademais, que o BNG estaba -e está- chamado a ser o gran referente do combate político e social contra o neoliberalismo e a prol do dereito de decidir de Galiza. E para iso, cómpre un debate clarificador a ese respecto e cómpre que a organización no seu conxunto aposte por facer do BNG ese referente. E ese si que sería un BNG realmente útil. Útil para traballar a prol dun outro modelo económico e social, e útil para transcender o actual marco xurídico-político e conquistar a soberanía.

Cal entendedes vós que foi o contributo do MGS ao BNG este tempo?

R.V. O MGS neste período tivo presenza nos organismos de dirección nacionais (Executiva e Consello nacional) e nas diferentes estruturas comarcais e locais. Obviamente, non unha gran presenza mais si unha presenza relevante. E dicimos isto na medida en que a nosa presenza e participación contribuíu á adopción de determinadas medidas na acción política do BNG, algunhas das cales creaban reticencias en sectores do BNG con gran peso específico hoxe na dirección da organización. Posibelmente, a máis importante destas medidas teña que ver coa recuperación do traballo mancomunado co sindicalismo nacionalista, coa CIG, o que se demostrou na campaña social contra a crise e no apoio explícito do BNG a dúas folgas xerais que promoveu a CIG no noso país, unha delas ademais en solitario.

Abondando nisto, nós viñemos propugnando un BNG máis social, non un BNG encastelado no labor institucional, e por tanto un BNG que teña na mobilización social unha ferramenta fundamental da acción política a desenvolver.

Centrándonos nesta XIIIª Asemblea nacional. O MGS presenta candidatura propia ao Consello nacional. Cal foi a motivación disto?

N.P. Primeiramente, cabe unha aclaración. Para o MGS o central desta XIIIª Asemblea nacional do BNG non é nin pode ser un debate de nomes e, xa que logo, de candidaturas. O debate central debe ser o das ideas, o das propostas, tanto as referidas á liña política como a cuestións de tipo organizativo. Ao noso ver, isto debe quedar claro.

Xa a respecto da pregunta formulada, nós pensamos que a presentación dunha candidatura do MGS ao Consello nacional non é ningunha sorpresa. Non o é, desde logo, para a base militante do BNG, que sabe que nós somos unha das correntes organizadas que opera no interior do Bloque. De feito, nas dúas últimas asembleas nacionais (en 2006, como Movemento pola Base, e xa en 2009 como MGS) vimos presentando candidatura propia ao Consello nacional. Alén diso, nos debates preasemblearios abertos o MGS presentou as súas propostas ao conxunto da militancia do BNG, realizou actos abertos aos militantes por todo o país, etc.

Por outra parte, pensamos que resulta coherente e que segue unha lóxica que o MGS presente unha candidatura na Asemblea nacional do BNG. O noso empeño é fortalecermos un espazo soberanista e de esquerdas no Bloque, que contribúa a que o BNG se resitúe como forza política para a transformación social, desde os postulados de esquerda non asimilada e desde a defensa dos dereitos políticos da nación galega.

Entón, cales son as propostas de debate que leva o MGS a esta Asemblea.

N.P. As nosas propostas chegan a esta Asemblea nacional a través dun voto particular e a través tamén dun conxunto de emendas ás “teses oficiais” a debate. O voto particular é un texto no que pretendemos condensar a nosa análise da actual conxuntura política, económica e social e das alternativas que como BNG cómpre dar a esa conxuntura. E isto tendo en conta a necesidade de que o BNG como instrumento político ten que mellorar as súas capacidades orgánicas. Nese sentido, nós facemos unha aposta clara por un BNG plural, que debe reforzar o seu carácter asembleario e o seu carácter frontista. Por tanto, a reactivación do traballo militante e a participación das bases do BNG na decisión da liña política son, desde o noso punto vista, aspectos sobre os que cómpre traballar como organización. E ten que existir esa vontade explícita para o facer.

R.V. Efectivamente. E no actual momento histórico, o BNG debe apostar claramente por ser o referente político da oposición ás políticas neoliberais que hoxe ameazan con laminar dereitos sociais e laborais. E ao mesmo tempo, debe ser tamén o referente político á hora de construírmos un outro modelo económico e social, que supere o actual. É obvio que isto esixe, ademais e en paralelo, traballar pola conquista da soberanía política de Galiza. E cando dicimos soberanía política, hai que entender que nós temos claro (ao igual, por certo, que a maioría das forzas políticas e sociais do nacionalismo vasco e catalán) que o “refor- mismo estatutario” é unha vía periclitada e definitivamente esgotada no Estado español.

E as emendas presentadas…

R.V. Ben, en canto ás emendas presentadas temos que dicir que algunha delas xa foi incorporada ás “teses oficiais” tras o debate habido nas asembleas comarcais. Se cadra, a máis significativa destas sexa a que reclamaba que as asembleas nacionais do BNG volvesen ser abertas ao conxunto da militancia e non estivesen rexidas polo sistema de delegación. E sendo certo que obviamente nós non eramos os únicos que defendiamos isto, tamén o é que fomos quen máis perseveramos para que se transformase en realidade, e de aí que nós sintamos reconfortados con esta decisión de recuperar o asemblearismo tamén nas conclaves nacionais do BNG.

N.P. Si, e canto ao resto de emendas a debate van na liña de demandar un BNG máis social, máis implicado socialmente, un BNG máis soberanista e un BNG que non vacile á hora de se situar nas coordenadas político-ideolóxicas da esquerda, e isto obviamente ten que ter o seu correlato na reorientación das relacións internacionais.

E por último, que agardades desta Asemblea nacional?

N.P. Por unha parte, que haxa debate, debate de fondo, debate de ideas, porque iso é para nós o primordial. A nós gustaríanos que dese debate saíse un BNG fortalecido, clarificado en canto a liña política a seguir e coas melloras organizativas precisas para afrontar este novo período.

R.V. Igualmente, nós non ocultamos que temos a aspiración, entendemos que lexítima, de que o MGS adquira maior peso e maior protagonismo no BNG que saia desta Asemblea, e polo tanto tamén nos seus organismos de dirección. E isto no noso caso é evidente que non ten a ver con ambicións persoais ou con intereses grupais, senón que ten a ver coa aprofundación nunha liña política claramente soberanista e inequivocamente de esquerdas, e cuns métodos de traballo adecuados a esa liña política.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde