Entrevista a Patricia Cordo

A nosa loita constante é por conseguir un marco galego de relacións laborais, porque en toda a negociación que se leva a cabo en Madrid, a voz das galegas queda infrarepresentada

Patricia Cordo é traballadora do telemárketing na planta coruñesa da empresa Extel (grupo Adecco) e tamén delegada da CIG no Comité de Empresa. Despois dos últimos meses convulsos no sector, falamos con ela para que nos achegue a loita dos centros de chamadas por superar a miseria das súas condicións laborais.

Primeiro de nada, cal é a situación actual no sector dos centros de chamadas? A radiografía tradicional era a dun sector cheo de mocidade precaria que accedía por aquí á súa vida laboral. Continúa a ser así?

O sector dos centros de chamadas é, a día de hoxe, un sector feminizado e precarizado no que a clase traballadora malvive mentres a patronal obten beneficios millonarios. Niso continúa igual. Pero, polo resto, pouco ou nada ten que ver coa imaxe que dende fóra se poidar ter, dun emprego temporal no que a mocidade se afinca á espera de rematar os seus estudos ou atopar algún traballo relacionado con eles, e que mesmo a redacción actual do convenio perpetúa interesadamente dicindo textualmente que é “un sector en vías de consolidación”. Desde a CIG queremos rachar con esta definición xa que é un sector totalmente consolidado, con traballadoras profesionais con mesmo 20 anos de experiencia, ás que non se lles recoñece a súa profesionalidade nin en dereitos nin en salario. 

De feito, o telemárketing ten unha notábel implantación en Galiza, pero está suxeito a un convenio colectivo estatal a punto de ser renovado con acordo da patronal e dos sindicatos españois. Que resposta se ten dado desde Galiza a este acordo?

Dende Galiza estamos totalmente en contra deste miserable preacordo, levamos por volta de dous anos mobilizándonos pola negociación do convenio e sentímonos traizoadas con este preacordo que nada mellora. Desde a CIG así o manifestamos solicitando dende o primeiro momento a CCOO e UGT que sometesen a sinatura a referendo, e, en concreto, o persoal de Extel respondeu de maneira exemplar a este ataque aos nosos dereitos. As propias traballadoras autoorganizadas decidiron recoller sinaturas de máis do 33% do plantel e así solicitar legalmente a asamblea que CCOO e UGT negaron sistemicamente. Esta asamblea produciuse o pasado 20 de abril e nela todas puidemos ver de primeira man o despotismo do sindicalismo amarelo e constatar o que xa viñamos antecipando: a claudicación dos sindicatos españois a cambio de liberadas e liberados. A respecto do referendo, CCOO e UGT néganse taxantemente, polo que unha vez máis somos as persoas organizadas na CIG as que nos vemos na obriga de dar voz ás traballadoras, levando a cabo a consulta este 2 de maio, nunha votación aberta e transparente en todas as empresas do sector en Galiza, e da que convidamos a participar ao resto de sindicatos presentes na negociación, para que, cos resultados na man, decidan se representan a vontade das traballadoras ou a da patronal e a súa propia.

Que impacto prevés que vaia ter este preacordo asinado por CC.OO. e UGT na vida das traballadoras e traballadores?

O certo é que este preacordo nos perpetúa no precariado, é un retroceso, no cal se perde poder adquisitivo, renunciando a calquera tipo de suba salarial en 2015 e 2016, pactando unha suba do 1,6% para 2017 e unhas subas irrisorias para 2018 e 2019. Esta proposta salarial, que hoxe pretenden asinar e que nos venden sen pudor como positiva, en febreiro era calificada de inadmisible por UGT, e de miseria por CCOO. Pero non é só iso. Con este preacordo non só se perde poder adquisitivo, senón que mesmo se verán recortados dereitos xa consolidados e se introducen novos horarios que imposibilitan aínda máis se cabe a conciliación da vida laboral e persoal.

Hai un momento puñas o exemplo de Extel para falar da mobilización do sector en Galiza. Cales dirías que son os puntos fortes do sindicalismo nacionalista para ter conseguido este grao de mobilización?

A CIG somos un sindicato nacionalista e de clase que defendemos sempre os intereses da clase trabaladora, de xeito combativo e incesante, empregando todos os medios ao noso alcance, traballando de xeito democrático e participativo e con independencia de calquera outra organización ou institución. Estas características fan que non perdamos nunca de vista o noso obxectivo, que é a mellora progresiva das condicións de vida das traballadoras galegas, e que non rendamos contas a Madrid nin pleitesía a outras institucións, como si fan os sindicatos do réxime.

De aí tamén a nosa loita constante por conseguir un marco galego de relacións laborais, posto que en toda a negociación que se leva a cabo en Madrid, a voz das galegas queda infrarepresentada. Despóxannos de capacidade de decisión e desa maneira crean o marco ideal para que as empresas recorten dereitos e salarios. Isto é o que acontece nos centros de chamadas cada día, igual que noutros sectores, e por iso é tan importante esta loita histórica.

Ademais disto, nos últimos tempos foi apresentada unha ILP pola atención telefónica en galego. Que desenvolvemento tivo isto e que consecuencias prácticas?

A esixencia da atención en galego é un reclamo para todo o sector dos centros de chamadas, non somos as primeiras e por desgracia non seremos as últimas que padecemos EREs, modificacións sustanciais das condicións de traballo, mobilidades xeográficas… co que, reclamar a atención en galego é reclamar un dereito que evitaría a deslocalización e garantiría os postos de traballo en Galiza.

Defendemos o dereito da persoa galego falante a ser atendida na súa lingua, que é unha obriga para as empresas, e á súa vez garantimos o traballo en Galiza xa que Colombia, Perú ou Marrocos poden atender en castelan a máis baixo custe pero non o farían en galego.

De aí a grande importancia deste tipo de iniciativas, e convídovos a asinar a Iniciativa Lexislativa Popular para a Garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que a Mesa pola Normalización Lingüística presentou en febreiro e neste momento está en proceso de recollida de sinaturas. Podedes facelo en calquera dos locais da CIG en todo o país.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde