Entrevista a Óscar Valadares

Óscar Valadares é traballador do centro de emerxencias 112 e sindicalista. Fai parte do consello editor de Contrapoder.info e émembro do recentemente creado Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

Nesta entrevista explica os principios do Comité e a necesidade de tecer relacións de solidariedade con outros pobos á procura da soberanía.

De onde nace Mar de Lumes, de que necesidades?

Como dis, Mar de Lumes é aínda un proxecto organizativo nacente. Hai tempo que as persoas que inicialmente nos puxemos mans á obra con este Comité víamos que neste campo había, sen ánimo de desprazar os traballos xa en marcha, moita marxe para traballar, para dar resposta ao imperialismo desde o noso país e en chave galega. Evidentemente, como digo, existen outras organizacións de solidariedade, algunhas significadamente activas, que traballan en ámbitos máis específicos, como o de Palestina, o do Saara, o de Cuba ou Venezuela, etc.

Como dis, na Galiza xa existen outras organizacións de solidariedade. Que relacións tedes con elas?

Como organización acabada de nacer, a nosa relación non pode ser outra que coordinármonos con quen xa está neste ámbito. Entón, o lóxico era contactar con esas organizacións e pórmonos ao seu dispor, como militancia de base, para o que for necesario. Aínda, algunhas das persoas que militamos en Mar de Lumes traballamos tamén noutras organizacións solidarias, de modo que o relacionamento é moi normalizado.

Ademais, en contrapartida, esas organizacións acolléronnos moi ben, ao punto de que unha boa parte das accións que temos realizado foron en colaboración con outras organizacións, como a palestra sobre Palestina, onde contamos con Elvira Souto de BDS, ou o coloquio co embaixador de Cuba, convocado pola Asociación de Amizade Galegocubana Francisco Villamil, onde fomos convidados ou accións de solidariedade con Venezuela con AGARB.

Como entendedes vós a solidariedade?

Entendemos que a solidariedade e o internacionalismo van alén dos conflitos específicos, e que é positivo mostrar que por tras das atrocidades hai patróns de dominación que se repiten. Malia as diferenzas que haxa, por exemplo, entre as agresións a Libia e, recentemente, a Venezuela ou, máis recentemente aínda ao avión presidencial que levaba a Evo Morales, por tras de todo iso hai a necesidade que o capitalismo do mundo rico ten de manter as súas áreas de explotación e control. As motivacións son as mesmas, e as mecánicas son moi parecidas. As diferenzas aparecen só cando se baixa ao terreo concreto, porque non é o mesmo combater no deserto libio que desestabilizar o goberno democrático venezolano. Nós entendemos que se debe denunciar coa mesma forza, por poñer só dous exemplos, o intervencionismo da OTAN en Siria ou financiamento de proxectos parafascistas na América do Sur.

E iso como se fai? Cais son as vosas liñas de actuación?

En primeiro lugar, como estamos dicindo, o combate contra o imperialismo e contra calquera tipo de inxerencia, non só a intervención armada, senón tamén as políticas impostas polo Banco Mundial, o FMI e outras configuracións. Ademais, tampouco acreditamos nesas organizacións disfrazadas de solidarias e de apoio ao desenvolvemento, que tratan así de lexitimar unha inxerencia encuberta, mais que ninguén pode negar.

Como dicimos nos nosos principios, en calquera conflito entre o imperialismo e os pobos, nós sempre estaremos do lado dos pobos.

En segundo lugar, e como consecuencia desta primeira liña de traballo, estamos tamén apoiando os procesos de emancipación nacional, os procesos de soberanía e independencia que están por toda a parte producíndose cada día, desde o pobo mapuche ao Quebec e desde o Curdistán ao noso propio país. O que nos impulsa neste caso non é diferente do que nos impulsa no caso do imperialismo, porque estamos outra vez a falar de sistemas de dominación contra a vontade colectiva, moitas veces bastante máis perfeccionados porque se dispuxo de moito máis tempo. En Galiza calquera de nós pode comprender perfectamente iso e non dubida de que se, por exemplo, en Europa os conflitos pola autodeterminación non se dan da forma crúa que se dan noutros lugares, como en Palestina ou o Saara, con masacre diarios, é só por unha cuestión de conxuntura.

E, en terceiro lugar, ligado con esta, temos a tarefa de contribuír para a internacionalización do conflito nacional galego. Isto ten moito a ver coa nosa concepción de solidariedade, da que falábamos antes: a solidariedade, para nós, debe exercerse horizontalmente, porque senón é caridade; mais exercéndose así, ten necesariamente que ir dun suxeito político a outro e á inversa. Ten que haber unha correspondencia, un diálogo. Necesitamos explicar ao mundo, aos pobos que queiran ouvir e que están con maior predisposición, que isto non é unha rexión española, senón unha colonia non emancipada cuxa situación, de novo no plano profundo e salvando o puramente concreto, non difire tanto da situación que eses pobos sofren. Entón, alá onde tivermos a oportunidade, a nosa acción solidaria irá tamén acompañada da proxección do conflito nacional galego -que, por certo, como formulación política, ten bastante máis percorrido do que até agora lle temos dado-.

Até que ponto é importante a cuestión internacionalista para nós, como pobo?

É importante porque nos prevén contra a desaparición. Non tanto contra a desaparición por extinción, senón porque nos queiran invisibilizar. E non cabe dúbida de que as forzas políticas españolas pretenden iso, notadamente a dereita que goberna en Galiza e no Estado.

Nese sentido, se formos capaces de exteriorizar o noso conflito nacional e a xustiza da nosa causa soberanista, do mesmo modo que fixeron e fan hoxe pobos como o palestino, o curdo, o mapuche, o vasco, etc., que son internacionalmente coñecidos e apoiados, non cabe dúbida de que estaremos mellor situados para o futuro. A solidariedade internacionalista reforza moral e politicamente este tipo de procesos, que en grande medida dependen xustamente diso, de solucións políticas -por máis que disfracen de técnicas-.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde