Entrevista a Marcos Cadórniga

A independencia xudicial está en cuestión.

Marcos Cadórniga é traballador da CIG-Servizos, membro do Consello Nacional desta federación e da executiva comarcal da CIG de Pontevedra. Vén de recibir a sentenza de tres anos de prisión pola súa participación nun piquete na folga de comercio alimentación no ano 2009.

Logo de tanto tempo, lembras como se produciron naquela xornada os feitos?

Estábase negociando o convenio de comercio alimentación, pero as negociacións estaban bloqueadas así que convocouse unha xornada de folga nas provincias da Coruña e Pontevedra. Foi un éxito porque estaba todo pechado. Transcorridas 12 horas de folga, cando o piquete ía cara a unha asemblea, chamaron para avisar de que nun Gadis obrigaran as traballadoras a regresar aos seus postos para reabrir. Eran contra as seis da tarde. Achegámonos tres persoas e atopamos as traballadoras nerviosas, algunha mesmo chorando. O único que fixemos foi explicarlles que non as podían coaccionar e que tiñan dereito a ir á folga. A encargada dixo que eran ordes da empresa. Pechou a reixa e quedamos todos no estabelecemento. Ao pouco achegouse o piquete e viu que estabamos dentro. Empuxouse a reixa e descolocouse. Saímos do interior do establecemento nós e o persoal que así o quixo, pero ficamos diante do Gadis, onde fomos identificados pola policía. Pero non houbo ningún tipo de altercado, nin se ameazou a ninguén.

Como se xustifica a denuncia presentada na vosa contra?

A encargada presentou denuncia e abriuse un proceso por danos. Foi a instancias da fiscalía de instrución cando se lle deu a volta, pasando a considerarse como atentado contra o dereito dos traballadores. O paradoxo é que as propias testemuñas din que non se sentiron, en ningún momento, coaccionadas e é o xuíz quen introduce un novo elemento para condenarnos por un delito contra o dereito dos traballadores.

Como avalías o papel da fiscalía?

A Fiscalía obedece á decisión política de dirixir os procesos contra quen poida estar á fronte de conflitos, poñendo así en cuestión a división de poderes e a propia independencia xudicial.

Ocorreu en Vigo, no caso de Antolín Alcántara e outros compañeiros, e ocorreu tamén na Coruña. Teñen decidido que é a clase traballadora quen ten que pagar a crise, por iso nos quitan dereitos, mentres os responsábeis políticos da mesma e os banqueiros gozan de total impunidade.

Tres anos de cadea por participar nun pi- quete semella desproporcionado.

É absolutamente desproporcionado. Resulta incríbel que ante feitos non probados, sen uso da forza, sen resistencia de ningún tipo, sen nada, se chegue a ditar unha sentenza así. Porén, se o efecto perseguido era desmobilizar, están conseguindo o contrario, que persoas que antes non estaban concienciadas agora estean descubrindo o sistema inxusto no que vivimos.

Contamos cun apoio incríbel da central sindical, mais tamén co de xente menos implicada, consciente agora de que nin son o primeiro que pasa por isto, nin serei o último. Se acaban por recorrer a estes mecanismos para intentar frear a nosa acción sindical é porque o estamos a facer ben e este é, polo tanto, o camiño no que hai que seguir.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde