Entrevista a Luciano Vasapollo

A saída do euro, e por conseguinte da Eurozona, representa unha opción e un paso cara á solución dos graves desequilibrios estruturais das economías periféricas¶

Luciano Vasapollo é profesor de economía aplicada da Universidade La Sapienza e director de Cestes – Proteo (Centro de Estudos de Transformacións Económico-Sociais da USB – Unione Sindacale di Base). É membro da italiana Rete dei Comunisti, movemento político comunista que ten como medio de expresión on-line o xornal contropiano.org. É membro de colectivos de solidariedade internacionalista e recentemente ten participado como observador das eleccións presidenciais na Venezuela convidado polo goberno bolivariano.

Distingues ao analisares entre as diversas crises que padece o capitalismo. Fálanos delas.

No modelo de produción capitalista pódense definir e analizar tres tipos de crises: a de carácter coxuntural, a estrutural e sistémica. A crise coxuntural pódese considerar “normal”, xa que non é verdade que o modelo de produción capitalista estea en equilibrio ou en constante crecemento cuantitativo. Marx tiña razón cando identificaba a crise como unha fase interna do ciclo dun modelo económico produtivo de desequilibrio e polo tanto con fases de sobreprodución, situación que obriga á conseguinte e irrenunciábel condición de queimar forzas produtivas.

Podes darnos algún exemplo dunha crise de carácter estructural?

A grande crise do 1929 asume características estruturais posto que o capital internacional tiña a necesidade dun novo e diferente modelo de acumulación.

Saíuse de tal crise coa produción en masa do fordismo e do taylorismo e aplicando o modelo keynesiano de sustentamiento da demanda empregando unha grande participación pública, é dicir, incrementando os recursos para gastos públicos, que non se traducen inmediatamente en gastos sociais. Tal é así que da crise do 1929 non se saíu co “New Deal” senón a través do militarismo keynesiano que expresa o seu máximo nivel coa segunda guerra mundial e coa mesma reconstrución post-bélica. Esa situación permite aos EEUU realizar o seu propio desenvolvemento económico cuxa estrutura é o endebedamiento baseado na importación.

Alemaña e Xapón elixen para a reconstrución e o fortalecimiento do seu sistema de desenvolvemento interno un modelo de capitalismo distinto ao estadounidense, menos agresivo. Tal modelo foi definido renano-xaponés e baseábase sobre todo nun forte e recalificado aparello industrial, en función dunha articulada e competitiva propensión á exportación, no que a empresa pública mantén un rol importante.

Cando podemos datar o inicio da actual crise, que ti defines como sistémica?

Co fin dos acordos de Bretton Woods en 1971 evidénciase o inicio da actual crise sistémica, provocada polas mesmas dificultades que atopa o capital internacional en implementar un novo modelo de acumulación capaz de permitir non soamente o crecemento da masa total do superávit senón que tamén poida manter, nos países co capitalismo avanzado, as taxas de beneficio consideradas suficientes para poñer novamente en marcha o sistema e retornar ao nivel de crecemento do beneficio desexado.

Os efectos de tal crise conducen necesariamente ao agudizamiento da competencia global, a cal é definida como a nova fase da globalización; en realidade trátase dunha nova fase da mundialización capitalista.

Cales son os mecanismos e consecuencias que trae para os traballadores e as clases populares esta fase do capitalismo?

A globalización neoliberal iniciouse cos fortes procesos de desreglamentación do mercado, eliminando o rol intervencionista na economía dos estados, apuntando a un modelo de competencia global que desenvolve en primeira instancia un ataque sen precedentes ao costo da man de obra e contemporáneamente instaura procedementos de transferencia da produción cara a países cun baixo costo da man de obra pero ao mesmo tempo especializada, carentes de reglamentación e non sindicalizados, externalización, privatización e desvío de recursos cara a unha finanza agresiva e desestabilizadora, tratando de obter coa renda aquilo que non se consiguía obter en términos de beneficio.

Este proceso mundial ten o seu correlato europeo: cales son as características que adopta en Europa?

 A crise sistémica do capital require a globalización neoliberal: trátase de invadir novos mercados a través de novos proxectos e formas de presentación dos imperialismos con matriz USA e euro-alemá, con características económico-político-militares para tratar de resolver a crise. Aos outros países europeos impónselles a desindustrialización e a transferencia da actividade produtiva a un novo deseño da distribución internacional do traballo.

A partir dos anos ‘80 en Europa verificárase un verdadeiro e intenso proceso de privatización, ainda que con matices en cada país, co obxecto de reorganizar a presenza pública no conxunto do sistema produtivo. As accións dos gobernos nestes anos confirman a vontade de pór en marcha un programa exhaustivo de enaxenación das empresas públicas, oficialmente en razón dunha solución para os problemas produtivos e económicos. Houbo a excepción de algúns países, como por exemplo Franza e parcialmente Alemaña.

Este proceso púxose en marcha paralelamente ao establecemento do Mercado Único Europeo (1992) e posteriormente coa Unión Europea cos pesados sacrificios no mundo laboral.

O marco non pode resistir a competencia internacional do área do dólar se non se crea un polo económico comercial europeo que poña a moeda alemá en condicións de competir con el. A creación deste polo require unha nova repartición do traballo coa cal os países de Europa meridional-mediterránea se transformen en áreas de importación. O superávit alemán está determinado polo seu propio modelo de exportación que obtén ganancias coa importación dos seus produtos por parte dos outros países europeos.

A chamada “crise da débeda” está servindo de escusa para acabar cos logros de décadas de loita, entón.

A débeda pública formouse no tempo e non debido aos excesivos gastos sociais. Unha parte da débeda pública é o resultado da actuación dos gobernos ao apoiar os capitais fortemente endebedados, principalmente os bancos mais tamén as empresas. Difundir a idea de que os Estados están ao bordo de quebra significa ocultar a crise económica xeral de acumulación do sistema capitalista, o desastre dos mercados crediticios e financeiros, creando á vez a necesidade da socialización das perdas do sistema bancario a través do diñeiro dos impostos dos traballadores e o recorte do Estado do Benestar e do custe do traballo.

Os plans de restruturación do BCE (Banco Central Europeo) para cos PIIGS (Portugal, Irlanda, Italia, Grecia, Spain) serviron para crear esta Europa e o BCE está facendo o que o FMI fixo en América Latina, a través dos plans de axuste estruturais ou dos plans de austeridade, procedendo con privatizacións, eliminación dos gastos sociais, redución do costo da man de obra e a creación da precariedade, xuvenil e xeneralizada.

Ti alertas contra unha saída ficticia desta crise sistémica

Certamente non se sae dunha crise sistémica de capital internacional con solucións económico-keynesianas improbables e anacrónicas que apuntan á imposible conxugación entre austeridade e política de expansión para o crecemento, en canto que carecen de lóxica no plano macroeconómico ademais de seren imposibles de aplicar no plano po- lítico-económico.

Por onde debería camiñar entón unha alternativa real a esta situación?

A solución é política. Unha solución política relanzando unha batalla para saír da Europa do Euro nun ámbito de clase; un traxecto de loita e organización para que convivan os momentos reivindicativos tácticos coa perspectiva estratéxica no horizonte da transformación radical en chave socialista. Precisamos un programa mínimo de clase: reanudación da batalla sobre as 35 horas, renda social, dereito á vivenda, o fin de toda precariedade, a imposición ao factor capital en todas as súas formas, o imposto patrimonial, o fortalecimiento dun Estado do Benestar Social universal para as novas necesidades.

O intento fracasado de estabilización levado a cabo polos gobernos cos recursos de todos os cidadáns debe ser compensado. A nacionalización dos sectores estratéxicos das comunicacións, enerxía e transportes non só pode ser un prezo xusto se non que pode, á vez, xerar os recursos para realizar unha estratexia de relanzamento produtivo a curto prazo que permita sentar as condicións para que millóns de desempregados nos países da periferia europea poidan comezar a producir riqueza social no menor tempo posible.

Esas medidas deberían vir acompañadas doutras? Que opinas sobre a necesidade ou non de saír da Eurozona?

A saída do euro, e por conseguinte da Eurozona, representa unha opción e un paso cara á solución dos graves desequilibrios estruturais das economías periféricas.

A idea de abandonar a Unión Económica e Monetaria da UE (UEM) para volver ás moedas nacionais do pasado tampouco pode considerarse unha alternativa para os países da periferia europea.

Pensamos que a saída do euro debería verificarse de forma concertada, en primeiro lugar entre os países da periferia con catro eixos estreitamente relacionados sen os cales este proceso podería converterse nun desastre para todos: unha nova moeda única común na Europa periférica, a nova determinación da débeda na nova moeda, relacionada co cambio oficial que se estabelece; o rexeitamento e a posta a cero dunha parte substancial da débeda, a partir da débeda cos bancos e as institucións financeiras, e unha nova negociación do mesmo residuo; e para rematar a nacionalización dos bancos e a ríxida regulación (incluíndo a prohibición momentánea) da saída dos capitais da mesma área, e a nacionalización dos sectores estratéxicos (enerxía, transportes e telecomunicacións, etc). Todos estes elementos teñen que verificarse á vez, para evitar a descapitalización de toda a rexión periférica e para asumir un control adecuado sobre os recursos dispoñibles para os investimentos de corte social.

É un programa moi ambicioso, como poderíamos implementalo?

Queda claro que semellante proposta pode converterse de críbel en realizábel grazas ao relanzamento dun protagonismo nas loitas dos traballadores europeos, restablecendo a supremacía da política sobre a economía, transformando así a crise da Eurozona nunha forte reactivación do sindicalismo de clase, acumulando así as forzas no conflito social.

Para inverter a lóxica económico-financeira imperialista é necesario un cambio radical socio-cultural (o que en términos de Gramsci defínese como un cambio de hexemonía que modifique o sentido común), que invirta as relacións causais entre a economía e a política, como xa se está verficando, por exemplo, nos países do área de ALBA.

Cóntanos un pouco sobre esa alternativa bolivariana e os seus instrumentos.

En canto ao acontecido nos países do ALBA en América Latina produciuse unha verdadeira e real inversión de tendencia social a través do distanciamiento dos organismos do capital como o FMI, coa nacionalización dos sectores estratéxicos como as comunicacións, a enerxía e os transportes, con fortes investimentos sociais sostidas por un propio Banco do Sur.

Temos solucións desde o proxecto alternativo antimperialista, anticapitalista e de sistema dos países do ALBA até as solucións relacionadas específicamente á resolución do problema da débeda, en América Latina houbo casos de traxectos de quebra programada, como Arxentina que escapou á forca da usura dos potentes financeiros internacionais.

Non se sae dunha crise sistémica de capital internacional con solucións económico-keynesianas improbables e anacrónicas¶

Nos países do ALBA en América Latina produciuse unha verdadeira e real inversión de tendencia social a través do distanciamiento dos organismos do capital como o FMI¶

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde