Entrevista a Fayez Badawi (FPLP)

Fayez Badawi é embaixador itinerante, no Estado español -onde reside desde hai uns anos-, da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), organización histórica da esquerda marxista palestina que defende un estado democrático, laico e progresista, con capital en Xerusalén. Fortemente atacada pola represión, na actualidade vive unha etapaun reforzo organizativo e aumento da capacidade de incidencia entre o pobo palestino.

Fayez, amigo da causa galega, naceu en 1955 no campo de refuxiados de Tal Az-Zatar, ao leste de Beirut, de onde se trasladou a vivir ao de Shatila, onde foi testemuña da matanza auspiciada por Ariel Sharon. No decurso da entrevista, analiza e cuestiona o papel dunha comunidade internacional que non foi quen de condenar nin o bloqueo decretado sobre Gaza, nin os ataques que sofre constantemente a poboación palestina, nin sequera o ataque perpetrado, o 31 de maio deste ano, contra a chamada Flota da Liberdade.

Cal é a situación actual do pobo palestino e que consecuencias está a ter o bloqueo decretado polas autoridades de Tel Aviv?

O bloqueo de Cisxordania e de Gaza converteunos no máis grande campo de concentración da humanidade. O país coñecido como Israel é un estado ilegal, do punto de vista xurídico, desde 1948, que non cumpre sequera a resolución 181, que fixa unhas fronteiras que ten, con moito, superadas e que o obrigarían a recoñecer o dereito a retornar dos refuxiados palestinos. Mantén, nos territorios ocupados, ‘muros da vergoña’ que dividen en seccións a ribeira occidental do río Xordán e ten instalados máis de 273 controis militares fixos en territorio palestino, ademais dos móbiles. A política sionista baséase en facerlle ao meu pobo a vida imposíbel, confiscando terras, humillando e mantendo a poboación en condicións infrahumanas. Hai que levantar o bloqueo a Gaza e en todos os territorios ocupados e hai que rematar coa ocupación.

Fronte a isto, cal é o papel da comunidade internacional?

Cómpre aclarar que o principal papel de Israel é ser a avanzada do imperialismo na zona e que, sob pretexto de defender os intereses de occidente fronte aos bárbaros incivilizados do mundo árabe, aos que se nos presenta como extremistas islámicos e terroristas, conta co apoio incondicional das chamadas democracias europeas. Non houbo ningunha condena a Israel por parte da comunidade internacional cando as guerras do Líbano, en 2006 ou a de Gaza, en 2008-2009. Pola contra, prémiano e apláudeno mesmo enviando tropas da OTAN ao sur do Líbano. Tropas españolas e da OTAN que non están para controlar o contrabando de armas, porque Israel as recibe directamente de Occidente. Tampouco hai condena da comunidade internacional contra a política de limpeza étnica, o apartheid e o racismo contra o pobo palestino.

Tampouco se produciu esa condena cando o 31 de maio as tropas israelís atacaron e provocaron un masacre contra a chamada Flota da Liberdade.

Nin condenaron, nin denunciaron ese horríbel crime que tivo lugar en augas internacionais, malia ter sido un ataque premeditado, preparado por todo o goberno israelí. Ese crime levado a cabo contra todos os partidarios da loita xusta do pobo palestino, conmocionou o mundo. Era un convoi internacional de activistas pola paz que cometeu o único delito de querer rachar o bloqueo e o asedio israelí sobre a franxa de Gaza e achegar axuda a 1,5 millóns de persoas que viven no maior campo de concentración da historia.

Porén, a xefa da diplomacia da UE acaba de solicitar o levantamento do embargo sobre Gaza. Que efectividade pode ter?

Pero segue sen condenar o estado de Israel e sen impor sancións por non respectar o dereito internacional, pola constante vulneración dos dereitos humanos e polo xenocidio sobre o pobo palestino. A UE asignouse o papel de mediador cando en realidade non fai máis que xustificar e apoiar todo o que conveña aos intereses israelís.

Foi particularmente vergoñenta e servil a actuación da presidencia española. Moratinos, no seu papel de Ministro de Asuntos Exteriores, non condenou ningunha das bárbaras accións cometidas por Israel mentres ostentou o cargo. O propio Zapatero recoñeceu a venda dun millón de euros en armamento e material químico. A súa hipocrisía chegou ao punto de dicir, logo do crime perpetrado por Israel, que agora é un momento oportuno para a paz. Véndenlle e regálanlle armamento a Israel, danlle cobertura ás súas accións e aínda por riba meten as organizacións palestinas na lista de organizacións terroristas elaborada por Israel e EEUU.

Respecto da política de EEUU na zona, ten mudado coa chegada de Obama á Casa Branca?

O presidente Obama incrementou nun 50% o orzamento militar, enviou 30.000 soldados máis a Afganistán, destinou tropas a Colombia para atacar o proceso bolivariano, mantén o bloqueo contra Cuba, apoiou o golpe de Estado en Honduras e decretou novos bloqueos contra Siria e Irán, que pasaron a integrar o listado de países cualificados como terroristas polo EEUU. En Irán, está agardando o momento axeitado para intervir, xustificando esa intervención por mor do seu programa nuclear… Lonxe de mudar as políticas, co sucesor de Bush imos sufrir moito máis, porque sabe falar e convence mellor que o seu antecesor.

Diante deste panorama, cal é a situación actual da FPLP e as perspectivas da resistencia palestina no seu conxunto?

Unha organización de esquerdas como a nosa, marxista-leninista, fomos quen de sacar á rúa, recentemente, a máis de 70.000 persoas convocadas para un mitin. As alcaldías máis importantes dos territorios ocupados, Belén e Ramallah, son da FPLP. En concreto en Ramallah goberna, por vez primeira, unha muller. Por iso, mantemos a esperanza, porque se está a producir un avance da esquerda no mundo árabe, malia a dereita corrupta que detén o poder. Os nosos esforzos diríxense cara a conseguir que se recoñeza o dereito do pobo palestino á autodeterminación, o retorno dos nosos refuxiados segundo a resolución 194 e un estado democrático, laico e progresista con capital en Xerusalén.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde