Entrevista a Eduardo Ruanova

Hai unha morea de festivais e colectivos que están á esquerda ou son feitos por persoas que están á esquerda e iso á Xunta de Galiza non lle interesa.

O Colectivo Cultural Alternativo Malaherba tense convertido, desde hai unha década, nun dos pontais culturais de Vigo e, sen dúbida, no verdadeiro motor cultural da parroquia periurbana de Matamá. Festas do rural, o Festival Malaherba Rock, o magosto popular, charlas, visitas a petróglifos, camiñadas, olimpiadas labregas, etc., son algunhas das súas actividades. Para saber máis sobre as dinámicas que estes grupos despregan e sobre os conflitos que enfrentan, falamos con Edu Ruanova Davila, o seu presidente.

Malaherba defínese a si mesmo como un colectivo cultural “alternativo”. En que se substancia especificamente ese carácter?

Basicamente tradúcese nas actividades que se poden facer nunha parroquia como a de Matamá, e que van máis alá das prácticas habituais. Aquí hai certos centros culturais que teñen unha oferta, que non se trata de cuestionala, pero que é o de sempre: bandas de música e as festas do lugar, sen abranguer moito máis que iso. Pola contra, ao ser alternativos, nós podemos chegar a outros sitios e a outra xente e activala, como co Festival Malaherba Rock, que é a actividade principal e na que investimos máis recursos, pero que non é a única.

Precisamente sobre os recursos, é habitual que ao falarmos de asociacións culturais se pense sempre que o problema é que dependen sempre das subvencións da Xunta ou das deputacións. Vós desenvolvestes, ademais, un furancho para vos finan- ciardes. Dá iso máis liberdade de movementos?

O furancho e outras actividades que facemos para conseguir diñeiro é verdade que nos dan un pouco máis de independencia, pero ao mesmo tempo é á costa da nosa vida e do noso tempo e por iso non é sinxelo.

Sobre as subvencións, pola nosa experiencia nos últimos anos, penso que a Xunta funciona principalmente por amiguismo. Cando Núñez Feijóo e o PP chegaron ao goberno o cambio foi drástico e nós deixamos de receber a pequena aportación que nos daban, porque con esa dinámica ficas moi facilmente fóra dunha especie de ranking onde se valora se resultas cómodo ou non.

Que opinas, entón, de que a Xunta limite as axudas a aqueles festivais que cobran entrada? Hai aí unha vía para forzar a profesionalización deste tipo de iniciativas, para convertelas en empresas?

O que eu creo é que algúns elementos dentro dos festivais si hai marxe para os profesionalizar. É dicir, un festival de todo un fin de semana como o Malaherba Rock dá para crear postos de traballo e abrir unha liña na que o propio festival e, en xeral, a cultura galega sexan rentábeis e poidan crear emprego, e iso é importante aproveitalo, claro. Por onde nós non vamos é por “empresarializar”, porque iso responde a outros intereses. O importante, penso, é que entendamos que a cultura pode ser rentábel por si mesma. Eu créoo firmemente, e tamén estou convencido de que cun pequeno impulso que nos desen as administracións poderiamos avanzar enormemente. Outra cousa é se interesa.

E por que non interesa?

O motivo é claramente unha cuestión política e ideolóxica. Hai unha morea de festivais e colectivos que están á esquerda ou son feitos por persoas que están á esquerda e iso á Xunta non lle interesa. O que lle interesa é a pachanga e a verbena que ao final é o que vende, o que non representa ningún problema e o que resulta cómodo desde un punto de vista político. Calquera que teña unha mínima connotación política — no noso caso non é estea moi cargado politicamente, pero está aí — non lles interesa.

Por outra parte, e voltando ao tema dos festivais, coa cantidade que hai, existe algún tipo de coordinación entre festivais? Ou debería, cando menos?

Hai uns tres anos creouse a Fegafe, a Federación Galega de Festivais, como unha vía para nos organizar entre nós, para non nos pisar as datas e, sobre todo, para tentar conseguir acordos sobre prezos con fornecedores de bebidas ou publicidade, por pór un exemplo. O obxectivo disto debe ser facer máis rentábeis os festivais, precisamente. Até agora, xa ten resultado ben con algunha marca, por certo non galega — porque parece que as galegas prefiren apostar a outras cousas como as campanadas de fin de ano que botan pola televisión ou eventos así, en vez de apostar pola nosa cultura.

Que papel que poden xogar estes festivais (e non só os festivais) na normalización dunha cultura viva e atractiva, e por esa vía nun proceso de construción nacional en Galiza?

Está claro, para nós, que son todo este tipo de actividades son funda- mentais. E xa non falo só do festival. No noso caso, por exemplo, cando comezamos a traballar, a xente maior da zona ollaba para nós cun pouco de receo, porque nós temos unhas posicións moi claras. Naquel momento, cando nos puxemos a recuperar un muíño na zona produciuse un cambio brutal de actitude. Algunhas daquelas persoas, digamos, volvéronse “patriotas” con Malaherba, por dicilo dalgún xeito. E iso non só é o máis bonito que nos pasou como colectivo, senón que comproba que o activismo cultural é unha vía fantástica para facer país, e que hai que aproveitala.

E é máis necesario este tipo de activismo en zonas como Matamá, tan dependentes social e culturalmente de centros urba- nos moito máis españolizados?

Por suposto! En Vigo hai varias parroquias que teñen festivais e actividades propias que se teñen convertido en referentes locais a respecto da cultura galega e está claro que iso ofrece alternativas interesantes á españolización. Os colectivos culturais e as asociacións teñen unha facilidade para producir impacto porque hai unha franxa de xente que non estaba a ser atendida pola oferta cultural nesas zonas que son como Matamá, e que ao final forman unha base da que nacen colectivos como o noso.

Por último, hai futuro para este tipo de activismo que se propón como alternativo aos programas máis institucionais?

A isto só podo responder desde a nosa experiencia. O futuro é duro por-que o esforzo vai pesando cada vez máis. Nós, por exemplo, levamos dez anos; e a falta de apoios institucionais non deixa de sairnos das costas aos que traballamos neste espazo e que temos custos persoais ou mesmo laborais por facelo. Todo iso acaba cansando e, por desgraza, tampouco está a haber relevo. É dicir, cada vez é máis difícil atopar xente nova de 20 ou 25 anos que collan o relevo.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde