Estámonos xogando o futuro industrial de Galiza.
Como traballador do naval e responsábel nacional de Naval e Industria da Executiva Nacional da federación de Metal, César Rodríguez é bo coñecedor da crítica situación que atravesa este sector. Asegura que estamos ante un novo proceso de reconversión encuberto e responsabiliza ao actual goberno galego, pola súa complicidade e pola súa incapacidade política.
A industria padece a crise de forma alarmante, nomeadamente o sector naval.
Aproveitando esta situación, o capitalismo está a amosar a súa verdadeira cara. As políticas fanse para as multinacionais e para salvar á banca, mentres se destrúen pequenas e medianas empresas a un ritmo alarmante, enviando ao desemprego a miles e miles de traballadoras e traballadores. Sectores como o naval, están quedando abandonados á súa sorte. É un sector primordial para Galiza, que dinamizaba as outras industrias e á propia economía das comarcas. Na de Vigo, xunto con Marín, en 2007 habería máis de 10.000 postos de traballo directos e un número difícil de cuantificar de postos de traballo indirectos. O sector representaba o 30% da riqueza, por iso repercute tamén noutros sectores, como o comercio. No caso de Ferrol, sacarlle o naval é condenar á cidade á desaparición do mapa, por- que non ten outra industria coa mesma capacidade de xeración do emprego.
Que sería necesario para saír da situación?
Habería que reactivar esa bonificación fiscal, o tax lease, necesaria para poder competir con outros países en Europa, porque todos teñen esas disposicións fiscais dunha maneira ou doutra. O goberno ten que garantir financiamento, porque podemos dispor de obras pero necesitamos poder financialas. En Ferrol é imprescindíbel o levantamento do veto da construción naval civil e a construción do dique flotante, porque máis alá do empregue que xere, significa unha aposta polo estaleiro, porque permitiría poder acceder a contratos con grandes compañías, para construír buques grandes e de gran calado. Xunto a iso, está o tema dos orzamentos. Ferrol tivo un pico importante, porque ademais das fragatas tivo contratos importantes con países estranxeiros, pero neste momento está todo para rematar, cunha fragata pendente, sen concretar.
Estanse facendo os esforzos necesarios?
O sector naval non está en crise. En Europa estase construíndo, e moito. Aquí hai unha reconversión encuberta e o único que se fixo foi sacrificar a un país a favor doutro. Pero iso é cuestión de peso político. O goberno galego limitouse a facer o seu papel. Cando gañan as eleccións, falan de darlle solución ao tax lease, responsabilizando ao PSOE da situación. Porén, cando chega o PP a Madrid non hai solución algunha. Agora temos estaleiros parados, como Barreras ou Vulcano, sen carga de traballo. Os únicos que teñen algo son os pequeniños.
Que significa isto para o emprego?
Co pouco traballo que hai estase vulnerando o convenio, coas condicións laborais e salariais de- gradadas, con abusos de todo tipo, en categorías inferiores. En Ferrol, 1.000 traballadores da empresa auxiliar xa están na rúa e ao remate do verán irán o resto. Quedará o cadro de persoal e se a situación persiste, acabarán cun ERE. A industria auxiliar está practicamente desaparecida e o resto malvivindo e reducindo os cadros de persoal ao máximo, con despedimentos masivos, sobre todo, a finais do ano pasado. Estámonos xogando o futuro de Galiza.