Entrevista a Carlos Barros, Isa Moares e Susana Camba

Hoxe temos un colectivo que non só perdeu o medo á greve, senón que tamén interiorizou que a loita é útil, que é o camiño

Hai un ano, o persoal do 112 Galiza comezou unha greve indefinida contra a Xunta de Galiza, que pretendía que o plantel se fixese cargo dos custos do traslado á Estrada do Centro de Atención de Emerxencias. 83 días despois, o conflito terminaba con vitoria total das traballadoras. Preguntamos a parte do seu comité de empresa pola experiencia daqueles momentos. 

É verdade que no 112 había xa unha tradición de loita sindical. Mais, de que maneira se chega a ese punto en que a única saída é parar?

Carlos Barros: Era inevitábel. É dicir, había un caldo de cultivo real a raíz do traballo de anos do comité de empresa, pero non estaba articulado para ir alén diso. Acabou sendo o traslado — no que se nos ninguneaba — o que fixo que nos tivesemos que lanzar, aínda sen ter claro o horizonte. O traslado acabou por ser “beneficioso” para o colectivo, porque foi o empurrón que faltaba para pór en marcha a enerxía soterrada. 

Isa Moares: Por outro lado, foi fundamental superar o medo do inicio. Propuxemos fórmulas para minimizar o impacto económico da greve, alén da caixa de resistencia da CIG, e, sobre todo, fomos moi escrupulosas na tomada colectiva de decisións e nas mensaxes públicas e internas para que todo o grupo se sentise partícipe e cómodo. 

Falades do tandem empresa-Xunta. Como se fai unha greve contra dous oponentes? 

Susana Camba: É certo que unha greve contra a Xunta é complexa, polo poder que ten. Mais, como se dixo, era inevitábel, contra un ou contra dous. A diferenza só xurdiu no día a día. Ademais, conforme pasaban as xornadas, tamén fomos vendo a Xunta cada vez mais pequena. 

C. B.: Tal como se articula o sistema de emerxencias en Galiza sempre vai haber dous patróns, o empresarial e o político. A nosa greve non paralisaba produción ningunha nin producía perdas ao empresario que o fixesen dobrar, así que o modelo convencional non servía. Por outro lado, ter dous adversarios diferentes, cos seus intereses, tamén foi unha arma que puidemos usar, explotando os elementos de roce. Agora sabemos que deu resultado, porque criou contradicións entre eles, e iso permitiunos deixarlles claro que canto máis durase o conflito, peor ía ser a súa posición.  

I. M.: Iso tamén foi posíbel porque ao durar tres meses deu tempo a que aparecesen esas fendas. O único interese da empresa era non gastar un só euro. A Xunta o que quería era desentenderse, co argumento da privatización. Nós apostamos por resistir e facer ver que aquilo que eles presentaban como un problema laboral era na realidade un problema político. Así foi como os obrigamos a sentar á mesa. 

E como se evidenciou ese problema político? 

I. M.: O problema político ficaba claro ao ver as consecuencias de que o persoal que xestiona as emerxencias teña unhas condicións laborais cada vez peores. Pero para a estratexia de implicar a Xunta foi esencial gañar o apoio do sector, até entón moi desartellado. Aparecermos ao lado de bombeiros, técnicos de ambulancias, xestoras do 061, etc. xa indicaba que o problema non era “doméstico”, e iso obrigaba a Xunta a dar unha resposta pública, mais tamén a quen lle estaba a causar o problema de base. 

S. C.: Nese sentido, ao sacarmos o conflito dos limites do 112, convertémolo nunha folga de desgaste tamén para o goberno. Que chegasemos a unha mínima unidade de acción con outros medios de emerxencias ou que a oposición fixese preguntas no Parlamento tamén empurraba no mesmo sentido. 

C. B.: Ao convertelo en greve política, ademais atacabamos directamente o modelo de privatización das emerxencias que o PP está a ensaiar en Galiza. A greve visibilizou máis que nunca as súas consecuencias e sacou á luz as vergoñas da Xunta, o que tamén favoreceu que outros profesionais se identificasen coa ela. E aí está unha das grandes vitorias: a día de hoxe temos vías de comunicación e coordenación mutua e permanente no sector. 

Diriades que esa vía de solidariedade é o camiño?

C. B.: O feito de estender a nosa loita e involucrar outros grupos deulle valor ao sector en si, amplificou a capacidade ofensiva. Pero ao mesmo tempo foi unha greve orixinal no uso, por exemplo, das redes sociais, en procurar a interacción de xente en principio allea ou na experimentación con novas fórmulas, como o crowdfunding, que permitiu encamiñar a solidariedade financiando a protesta e axudándonos a estendela no tempo. Ao final, ao combinar fortalecemento do sector e incidencia social, o que a Xunta pensaba que era persoal isolado e incapaz de activarse frente ao seu poder total económico, mediático e político acabou por se impor. 

S. C.: Partillar ideas e experiencias é a maneira de pór á vista que a loita é útil e, sobre todo, posíbel. Se por riba son experiencias de éxito, aínda máis. Por iso a patronal xoga sempre a dividir e isolar os conflitos. No 112, ao colectivizar todo, houbo persoas que por primeira vez se autorrecoñeceron como parte dunha clase social oposta á da patronal. Unha das reflexións que facemos agora, despois da greve, é sobre como experiencias exitosas se poden pór en contacto con quen está a levar adiante conflitos nas súas empresas ou sectores. 

Por último, cal foi o resultado, alén das melloras prácticas nas condicións de traballo?

I. M.: Alén do evidente, o fundamental é que conseguimos compactar o plantel a un nível imposíbel por outra vía. Cada día, os piquetes acababan convertidos en asembleas nas que nos corresponsabilizamos e, en certa medida, nos ideoloxizamos — inclusive movendo persoas que viñan de posicións ideolóxicas opostas. Tamén houbo compañeiras que se activaron moitísimo, asumindo con valentía tarefas de responsabilidade. O resultado foi un proceso de aprendizaxe colectiva impresionante.

S. C.: Realmente comezamos a crer en nós cando vimos do que eramos capaces, e só vimos iso ao que demos o primeiro paso. O que nos atopamos hoxe é un colectivo que non só lle perdeu o medo á greve, senón que tamén interiorizou que a loita é útil, que é o camiño, e que a capacidade colectiva é mais que a suma das capacidades individuais. 

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde