A poucos meses de que a Generalitat de Catalunya coloque as urnas para o referendo de independencia que España considera ilegal e ameaza con impedir mesmo pola forza, conversamos con Carles Sastre, histórico militante da esquerda independetista catalá. Pola súa militancia en diversas organizacións, entre elas Terra Lliure, pasou anos en prisión. Na actualidade é secretario xeral da Intersindical-CSC e temos a oportunidade de achegarnos a través del ao momento histórico que vive o seu pobo e coñecer máis sobre o papel protagonista da presión social pola autodeterminación, sobre o papel da “esquerda” española, e sobre o papel antidemocrático do Estado.
entresacado 1:
Existe un elemento subxacente que normalmente se ignora: refírome ao impacto da crise; o ascensor social baixa máis do que sobe e ninguén está exento do risco de pobreza
entresacado 2:
o Ibex 35 e outras instancias de poder real saben que o modelo de estado xurdido do 77/78 non funciona e que necesita unha importante reorganización; e saben tamén que isto é imposíbel con PP e PSOE
entresacado 3:
Dá a sensación que ademais do efecto intimidación tentan articular un relato, solicitar información suficiente para vestir un sumario desde baixo cara ao goberno.
entresacado 4:
As nosas respostas van encamiñadas a non caer na trampa do medo, mantendo a mobilización e a solidariedade entre os posíbeis afectados individuais
Catalunya demostrou que é posíbel dar saltos cualitativos a nível de consciencia social, pasando dun independentismo minoritario a unha maioría social capaz de desafiar o poder do Estado. Como se produciu esta acelaración?
Existe un elemento subxacente que normalmente se ignora: refírome ao impacto da crise do 2008 e seguintes en Catalunya, e de maneira especial no que se podería chamar clases medias: o ascensor social baixa máis do que sobe e ninguén está exento do risco de pobreza. A isto hai que sumar a percepción que se ten de ineptitude do Estado e a evidencia que se goberna desde a oligarquía e para a oligarquía. Durante anos o “procés” foi o único cravo ao que agarrarse. Logo, hai outro elemento oculto, e é a evidencia de que Catalunya como Estado independente é viábel económica e politicamente; a obsolescencia dos “mercados nacionais” e a abertura internacional da economía catalá así o aseguran.
Dito isto, imos ao evidente: en 2005 o Parlament de Catalunya aproba un novo estatuto que despois de ser convenientemente “laminado” en Madrid é aprobado en referendo en 2006. Malia iso, exponse recurso de inconstitucionalidade e ao final catorce artigos son anulados e vinte e tres son reinterpretados de maneira restritiva. O consenso político e social maioritario sobre o pacto da transición rompe unilateralmente. Entre 2009 e 2011 prodúcese un movemento de consultas populares sobre o dereito á independencia que mobiliza máis de 60.000 voluntarios e máis de 800.000 votantes. A rúa e a mobilización popular toman a iniciativa. En 2010, despois da sentenza do Constitucional prodúcese unha das maiores manifestacións da historia, así que a situación bascula na rúa e a política das institucións non ten outro remedio que seguila.
Por último hai elementos obxectivos: a situación crítica das infraestruturas ou a necesidade de pagar por todo, cousa que non ocorre noutros sitios; a consciencia crecente de que pagamos máis do que recibimos e que dalgunha maneira se produce un espolio económico que en ningún caso ten xustificación solidaria; a oligarquía extractiva española, política e económica, a encher os petos con absoluto menosprezo… Todo iso cansa.
Dentro desta aceleración, cal é o peso que tivo a pedagoxía independentista nas décadas anteriores?
Creo que se produce certo desbordamento sobre todo nos inicios do proceso, cando amplas capas de poboación asumen a independencia rapidamente sen teren unha clara consciencia das dificultades da viaxe, entrando no curto-pracismo e nun certo pensamento máxico. Creo que o recoñecemento á pedagoxía previa empézase a dar no momento que tomamos consciencia da magnitude e dificultade dos feitos.
Por outra parte, dunha pretendida perspectiva de esquerda, fundamentalmente española, cuestionouse o proceso pola súa transversalidade, suxerindo que antes das independencias habería que pasar por unha transformación social en todo o Estado. Que opinión che merece isto?
Son da opinión que o Ibex 35 e outras instancias de poder real saben que o modelo de estado xurdido do 77/78 non funciona e que necesita unha importante reorganización; e saben tamén que isto é imposíbel con PP e PSOE. Para seren viábeis necesitan unha recentralización e isto expón problemas graves: a fórmula “café para todos” é un fracaso e non é sustentábel con défices orzamentarios e débedas superiores a 100% do PIB en contexto recesivo. Necesítanse novos actores, aparecen Ciudadanos e nalgunha medida Podemos. Non digo que sexa creación do Ibex pero si que obxectivamente lle é funcional. O seu gran proxecto é gañar a “hexemonía” da esquerda ao PSOE, de maneira que é un proxecto reformista español, e dese punto de vista a independencia de Catalunya non lle interesa, por dúas razóns basicamente: primeira, España sen Catalunya ten serios problemas de viabilidade económica e, segunda, o censo catalán a efectos electorais é moi importante: o PP é marxinal e a tendencia sempre estivo á esquerda do resto do estado. O asalto aos ceos sen o censo catalán é pura quimera.
En xuño, na CSC comezastes unha campaña polo si no referendo nos centros de traballo. En que consiste e como se vehicula?
Parecía obvio que un dos elos fracos do proceso serían os traballadores públicos, dentro da estratexia do medo, e non por elementos obxectivos, posibilidade real de cometer faltas ou delitos — desobediencia e prevaricación basicamente — senón para explotar o sentimento de inseguridade na fase final do proceso e vinculándoo ao “día D”. O que tratan de facer é trasladar a tensión política ao traballador do común. O que faga ou deixe de facer terase en conta ese día, as fidelidades prémianse e castíganse. Así que tentan curtocircuitar a administración autonómica e, noutro nível, a local, por medio de interventores e secretarios, corpos estatais, etc. Este é o plan. Seguramente os valores do sector público son a seguridade e a estabilidade, así que están a manipular material sensíbel.
Vendo a situación e coa colaboración da sectorial de administracións públicas da ANC iniciamos a campaña “jo m´hi apunto” [eu apúntome]. Hai que dicir que ningún outro sindicato se prestou a colaborar malia a ANC o tentar. O que fixemos foi, basicamente, asembleas informativas en centros de traballo, a maioría nos servizos centrais da Generalitat, nas que participaron unhas cincocentas persoas, pechando o curso cunha asemblea aberta nun espazo público o pasado luns 10 á que asistiron unhas 300 persoas. Elaborouse material técnico respecto diso e uns vídeos curtos cos argumentos básicos. O obxectivo é non deixarmos espazo para a dúbida ou o medo e ao mesmo tempo tecermos complicidades solidarias.
Nas últimas semanas introduciuse unha nova variábel a ter en conta, a citación ante a Garda Civil de funcionarios con responsabilidades significativas. Dá a sensación que ademais do efecto intimidación tentan articular un relato, solicitar información suficiente para vestir un sumario desde baixo cara ao goberno. Isto obríganos a expor a posibilidade de artellar respostas sistemáticas ante estas citacións.
A parte disto iniciaremos unha campaña no sector privado a favor da celebración do referendo e a favor do si. Somos o sindicato do si; ningún outro sindicato se posicionou.
Abundando nisto, como interfire isto co sindicalismo estatal en Catalunya?
No caso de Cataluña, nas administracións públicas hai que ter en conta o sindicalismo estatal e o sindicalismo corporativo. Ambos son conscientes de que o tema do referendo xera tensións, que é unha ferramenta para facer entrar en crise as organizacións. Isto é evidente a nível político e pódese trasladar a nível sindical. De maneira que tratan de pór as veas ofrecendo a mínima resistencia ao vento, xestionando a situación día a día, movéndose no terreo das ambigüidades. Non esquezamos tampouco as vinculacións persoais e orgánicas entre sindicatos e sindicalistas e partidos políticos. Creo que están a funcionar lobbies político-sindicais: os grandes sindicatos son poder e isto implica clientelismo, horas, liberados, salarios, dietas, certos postos de traballo… quen se mova non sae na foto, hai moitos intereses creados. Están a xestionar esta amálgama cos menores riscos posíbeis, co convencemento que pase o que pase o día 1 de outubro seguirán existindo.
O problema é a lóxica do “funil”. Este proceso é como un funil: ten unha parte larga que se estreita progresivamente e unha parte estreita que se vai fechando. Na parte larga hai maior marxe de manobra e é posíbel atopar zonas de conforto; xa na parte estreita isto é moi difícil, os espazos redúcense e a presión e a velocidade aumentan. Estamos xa na fase estreita e isto vaise notar. As ambigüidades caducan.
O que están a facer é moverse na lóxica dos Comúns, esixindo garantías. Trátase da “cláusula inasumíbel”. Darán soporte se houber “garantías”. De feito, o que fan é substituír o “acordado” polas garantías, o recoñecemento internacional e o efecto vinculante, e no ámbito “garantías” poñen no punto de mira os traballadores públicos. Esíxese moito, por unha banda, mais, pola outra, non se fala do papel demófobo, autoritario e represivo do Estado nin se pide o posicionamento das organizacións a nível estatal, supoño que por obvio. É curioso tamén como desde sindicatos corporativos, nalgún caso de maneira lamentábel e inesperada, se fai o xogo ao Estado, fomentando mesmo a delación entre os traballadores públicos.
De maneira máis xeral, cal é a estratexia que está a seguir o Estado e cal é a resposta que se está dando desde as organizacións a favor da soberanía?
Aquí sería interesante remontarse ás eleccións autonómicas de setembro de 2015. Naquel momento desde o Estado séntese preocupación polo resultado e polas posíbeis actuacións naquela altura. A preocupación esvaécese rapidamente e a estratexia é esperar que o terrón de azucre se disolva. Pasa o tempo, isto non ocorre e pasa a debaterse entre a “solución final” (sic) e o gradualismo e a proporcionalidade. A “solución final” sería a aplicación do 155 da Constitución ou a aplicación retorcida da Lei de Seguranza Nacional. Pero non creo que teñan prazo suficiente, nin consenso político, para ningún tipo de “solución final”, a non ser que lle dean unha solemne patada ao que queda de estado de dereito — alén das incertezas que iso xeraría.
A parte da intimidación, seguirán coa “guerra suxa” de amplo espectro. Antes procuraban ou manipulaban información sobre persoas concretas. Agora procuran información que poida axudar a bloquear a loxística do referendo. A aposta é pola loxística (censo, papeletas, urnas, etc.); quérese evitar a foto da incautación material das urnas o día 1 de outubro, e apóstase á intervención da Garda Civil e do Tribunal Constitucional. A cuestión non é o fondo xurídico das cousas, a cuestión é atraparnos nas redes dos procedementos, os prazos e as medidas cautelares. Referente ás persoas optarase polas sancións económicas e as inhabilitacións. Todo iso acompañado polos medios de comunicación ofrecendo vías imposíbeis e polo ministerio de exteriores bloqueando calquera iniciativa.
As nosas respostas van encamiñadas a non caer na trampa do medo, mantendo a mobilización e a solidariedade entre os posíbeis afectados individuais. A nível institucional hase demostrar intelixencia, firmeza e determinación, tensando todas as institucións posíbeis: goberno, parlamento, concellos… Alguén dicía que, segundo a teoría de xogos, o problema é que existen demasiados xogadores, o que aumenta a imprevisibilidade da partida.
Como comentaches antes, o espazo equivalente ao Podemos estatal, os Comúns, xoga un papel de ambigüidade do “referendo con garantías”. Como pode afectar isto á dinámica do 1 de outubro?
Dalgunha maneira xa contestei no referente ás ambigüidades. Hai que dicir tamén que seguramente se van a producir movementos a curto prazo. Hai pouco fíxose público un manifesto de persoas significadas desta contorna, que se situaron claramente contra o referendo. Supoño que xurdirá outro colectivo en sentido contrario. Desde as bases non se entende esa teima contra un referendo. O importante será o comportamento a nível municipal e en especial no concello de Barcelona. A coalición co PSC exporá contradicións fortes en sectores independentistas que participan tamén do goberno municipal.
Por último: a vitoria do proceso, como crees que pode afectar á configuración do Estado español e ás súas relacións coas nacións que aínda permanezan dentro del?
Penso sinceramente que o referendo se levará a cabo, e espero que gañe o si. No caso de non se celebrar por “causa maior”, aínda haberá partido. Se son intelixentes teremos que negociar activos e pasivos e os pormenores do período transitorio. Caso de non ser intelixentes, os acredores da débeda han obrigalos a selo, e estariamos ante o fracaso do proxecto histórico da oligarquía española. A partir de aí, ou se produce unha remodelación importante en termos democráticos e de respecto aos dereitos dos pobos ou poden seguir vivindo, durante un tempo, do esforzo dos demais. Vistas as balanzas fiscais, os próximos a botar as mans á cabeza serían as Illas Baleares e Valencia. O que é claro é que España sen o 18% da poboación, sen o 20% do PIB, sen o 26% dos impostos, sen o 25% das exportacións, sen o 30% das empresas exportadoras… ten que se reformular por completo.