Na loita social temos que ser todos solidarios: traballadores en activo, pensionistas, desempregados.
Arturo Mouco é traballador do sector naval vigués. Desenvolveu o seu traballo en varias empresas do sector, onde foi delegado da Confederación Intersindical Galega e nestes momentos atópase no desemprego. Posteriormente foi un dos portavoces da Asemblea de Desempregados do Naval.
Sempre traballaches no naval e neste mo mento estás no desemprego. Estamos perante un dos sectores mais arrasados pola crise, non é así?
Así é. Eu traballaba en Barreras, nun sector onde ser da CIG está penalizado á hora de traballar porque somos combativos. Teño visto como o desemprego pasaba de pouco mais de 500 persoas no sector a estar todo o sector practicamente desmantelado, con milleiros de persoas no desemprego. Cada venres era moi duro ver marchar 20, 15 ou 10 compañeiros de cada empresa despedidos para casa. Nestes momentos só existe algo de carga de traballo en Metalships, e ademais nunhas condicións laborais de extrema explotación.
Cales son as responsabilidades da Xunta, Estado e UE nesta situación?
As responsabilidades son variadas. As institucións governadas polo PP estánnos encima, afogándonos, e mesmo no seu momento o PP mentía descaradamente dicindo que as denuncias do BNG eran falsas, que se baixase a comprobar como se traballaba nos estaleiros. Ademais todas as “reformas” como esta última para os maiores de 55 anos fan cada vez máis complicada a vida da xente. Ademais, grande parte de responsabilidade racae tamén nos sindicatos españois CCOO e UGT, que abandonaron a loita e nen sequera se ativeron ás cousas que dixeron que ian defender.
Desde a CIG o naval continúa coas mobilizacións.
No naval continuamos na loita, ainda que resulta complicado motivar os compañeiros para participaren, mais é absolutamente preciso. Estamos tendo diversas asembleas para preparar mobilizacións, A feira de “Empregalia” é un exemplo, mais tamén con concentracións diante do concello, facendo repartos na rúa… O exemplo de “Empregalia” móstranos ademais como as empresas, a Xunta e co Concello de Vigo de cómplice xogan coa necesidade da xente, que facía cola por milleiros. Sabemos que moitas das empresas alí presentes non contratan a ninguén e dispoñen de moitísimos demandantes de emprego. Temos o exemplo de Linorsa, onde despois de traballar gratis para eles durante 80 horas coa excusa da “formación”, depois non collían a ninguén. O mesmo poderíamos dicir de Citröen, que xa dispón de moitísimos currículums, Cardama… É unha burla publicitaria aos traballadores.
Paréceche necesario seguir mobilizados?
Absolutamente. Vemos como a situación de desemprego fai mesmo que alunos/as do ensino vaian sen almorzar á escola. Non podemos permitir iso e temos que rebelarnos. Na loita social temos que ser todos solidarios: traballadores en activo, pensionistas, desempregados… Sería interesante mobilizacións nacionais, a todos nos pode tocar ainda que non o pareza ás veces. Para sairmos desta situación temos que estar xuntos, é a única maneira, e temos que evitar o derrotismo e enviar mensaxes de loita aos compañeiros: se loitamos, hai esperanzas de vencer