Nos últimos anos non houbo ningún proxecto capaz de ilusionar e unir o gran potencial do nacionalismo no movemento estudantil.
Antón Castro estuda Enxeñaría Técnica Agrícola. Formou parte dos Comités de Lugo nos últimos anos e hoxe tras a fundación da Liga Estudantil Universitaria fai parte do seu Consello Nacional.
Como nace a Liga Estudantil Galega?
A Liga nace por unha forte división dentro dos Comités, a raíz da cal a gran maioría decide embarcarse noutro proxecto que supere as dinámicas sectarias e conformistas que viñan mantendo os Comités, e considerando que estes xa non eran estratexicamente útiles para acadar os nosos obxectivos.
Que proxecto de ensino e de país defende a nova organización?
A Liga recolle o facho político de ERGA e os CAF e CAE, defendendo un ensino público, galego, democrático, de calidade e antipatriarcal, nunha universidade única supeditada aos intereses do país, ao tempo que entende como principal causa da precaria situación do ensino o actual sistema económico e a nula capacidade de decidir dos galegos sobre un sector tan importante como é o educativo..
Con que presenza contades xa nos centros de ensino?
Na actualidade, e menos dun mes despois da nosa constitución, somos totalmente hexemónicos na USC e estamos en pé de igualdade no resto de campus, contando iso si ca vantaxe da ilusión que implica este novo proxecto. Se cadra o sector máis feble é o ensino medio, no que se partía dunha situación moi precaria, pero no que estamos a traballar duramente tendo xa os primeiros resultados en forma de constitución de asembleas en varios institutos.
Que motivos explican un panorama tan fragmentado no mo-vemento estudantil nacionalista?
Nos últimos anos non houbo ningún proxecto capaz de ilusionar e unir o gran potencial do nacionalismo no movemento estudantil. Caemos unha e outra vez en agrupacións preocupadas máis en disputas internas que en loitar contra o EEES ou contra as agresións contra o galego. Cremos que este novo período é unha oportunidade de ouro para tentalo; evidentemente non hai nada que garanta o éxito pero temos claro que é unha oportunidade que non podemos permitir estragar, nin nós nin a sociedade galega en xeral.