A Universidadade está deixando de ser fonte de coñecemento e cultura para ser unha ferramenta do sistema capitalista¶
Ana Corbelle estuda 3º Filoloxía Galega, forma parte do Consello Nacional da Liga Estudantil Galega e foi elixida para representar ao alumnado na Xunta de Facultade. Nesta entrevista explica o alcance dos recortes no sistema universitario e alerta da súa progresiva mercantilización.
En que se traducen os recortes no sistema universitario?
O Ministerio de Educación e Ciencia recortou uns 600 millóns en programas educativos; reduciu en 166 millóns de euros as bolsas, case un 10% menos, e recortou case o 35% en investigación, uns 630 millóns de euros menos. Todos estes recortes están presentes no Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, e supoñen un maior deterioro do sistema universitario público tal como o coñecemos. E a última medida, a que máis críticas recibiu, foi o incremento de até un 66% das taxas universitarias en todo o Estado.
Cres que os cambios no modelo, levan cara á súa privatización?
O Plan Boloña é parte dun proceso de axuste da universidade ás novas demandas da economía, que ten como segunda parte a chamada “Estratexia Universidade 2015”, xa que será no 2015 cando todas licenciaturas desaparecerán para quedar transformadas completamente polos graos. Mentres que o Plan Boloña consistía máis ben na estrutura da Universidade para adaptarse a unhas supostas demandas a nivel europeo, esta segunda parte céntrase nas condicións materias, xurídicas e económicas. Todo isto no seu conxunto permitirá que a Universidade se transforme nunha fábrica de traballadores adaptados ao mercado económico, deixando de ser unha fonte de coñecemento e cultura para ser unha ferra- menta do sistema capitalista.
Eses recortes e mudanzas, que consecuencias terán?
A principal será a elitización da Universidade, onde só poderá estudar quen máis recursos económicos teña, o cal elimina as diferenzas entre a Universidade pública e a privada, facendo desaparecer a primeira. Non só nos suben o prezo das matrículas e nos obrigan a esforzarnos máis nun sistema educativo con cada vez menos recursos económicos, e polo tanto menos eficaz, senón que ademais limitan o noso dereito a bolsas reducíndoas e endurecendo o acceso a elas. Ademais disto, a Normativa de Permanencia aprobada na USC, e as previsiveis normativas que serán aprobadas nas outras dúas universidades do país, endurecen aínda máis as condicións ao conlevar medidas como a desaparición do non presentado ou a obrigatoriedade de matricularse en todas as materias suspensas.
Inicialmente non soben en Galiza as taxas da primeira matrícula.
Isto é consecuencia dun acordo cos reitores das tres universidades; mais, efectivamente, na segunda matrícula increméntanse até o 30%, na terceira até o 65% e o 90% en cuarta e sucesivas. Mais en realidade o custe da primeira matrícula non equivale só ao 15% do total como nos din, xa que se inclúen aspectos orzamentarios que nada teñen que ver coa docencia; polo que en verdade estamos xa a pagar arredor dun 40% do custe total.
A Liga convocou innumerábeis mobilizacións e peches.
Efectivamente participamos e promovemos varios peches en facultades e edificios das Universidades e a Xunta por todo o país. Sacamos unha valoración moi positiva, xa que unha parte do estudantado estivo participando. Convocamos tamén varias manifestacións contra a suba das taxas, os recortes no ensino ou a citada Normativa de Permanencia da USC, que tiveron grande acollida por parte do alumnado que está saíndo a rúa e reivindicando os seus dereitos. Mais con isto non é abondo, polo que o vindeiro curso seguiremos loitando para derrogar todas estas medidas lapidarias contra a universidade pública que defendemos.