Loitando podemos diminuír o impacto da reforma laboral e das leis que están aprobando.
Traballador de Einsa, membro do Comité de empresa e responsábel da da CIG das Pontes. Encabezou o conflito contra as intencións desta empresa do sector de Artes Gráficas de despedir a parte do cadro de persoal e rebaixar escandalosamente as condicións laborais. O conflito deu nunha folga que durou 25 días, na que o conxunto dos traballadores e traba- lladoras lograron frear, en boa medida, estas pretensións.
Como comezan as mobilizacións en Einsa?
No 2009 Einsa tivo que se refinanciar en 40 millóns de euros. Pediran dous anos de cadencia, que se tiveron que prorrogar por dous anos máis e a partir de xullo de 2013 tería que comezar a aboar 5 millóns de euros ao ano. Para iso propuxeron despedir a 29 persoas, unha menos da obrigada para ir a un ERE; unha rebaixa salarial dun 12% no fixo; a supresión do plus festivo que temos por traballar en quendas de sábados e domingos e festivos semanais e aplicar a flexibilidade que contempla a reforma laboral do 5% da xornada irregular. Ante a falta de acordo, no prazo de 15 días que contempla a reforma laboral para a negociación do descolgue salarial, decidimos en asemblea mobilizarnos, porque non aceptamos que se pretendera pagar os créditos cos nosos salarios. En menos de 24 horas, Einsa comezou a despedir os compañeiros e optamos por iniciar unha folga indefinida. A empresa continuou cos despedimentos até acadar os 26, os tres ou catro primeiros días. Algún compañeiro soubo que estaba despedido polo seu extracto bancario, ao atoparse coa indemnización ingresada. Fixemos todo tipo de mobilizacións e fomos apoiados e arroupados por toda a veciñanza das Pontes. Enfocamos o conflito de dúas maneiras, por unha banda a negociación directa coa empresa e pola outra presión política porque entendiamos que unha empresa que recibiu máis de 50 millóns de euros en subvencións non podía refinanciarse en 40 millóns e por riba pedirnos que o pagásemos os traballadores. Ese foi o motivo polo que tamén nos concentramos diante da Xunta, da delegación do goberno e mantivemos xuntanzas co IGAPE.
Como se mantén a unidade?
Foi moito desgaste, en concreto para a CIG, por- que aínda que temos maioría no comité, a presidencia e a secretaría está en mans entre CCOO e UGT. Malia iso lideramos o conflito. Para nós o importante era ter activa a xente para que puidese ver que facendo cousas se podía acadar algo e que tiveran constancia de que contaban co arroupe dos compañeiros e compañeiras.
O resultado foi moi positivo.
Conseguimos reducir moitísimo as pretensións da empresa. Nós queriamos a reincorporación dos compañeiros, pero o máis complicado era conseguir que se readmitisen nas mesmas condicións. O que se acadou foi a readmisión cun contrato novo, de menos horas, con opción de ampliar segundo a carga de traballo, cunhas condicións dignas, e sen perder os dereitos a percibir a indemnización que tiñan a día de hoxe. Tamén condicións boas para os compañeiros despedidos, algúns deles están decidindo se se reincorporan ou non á empresa, teñen até finais deste mes para valoralo. Despois pasamos dun tope do 12% inicial de perda salarial e un 5,8 recuperando un 25% do que perdemos agora cara o ano que vén. Mantense o plus festivo, nun 20% inferior ao que tiñamos, pero mantense. Porén, o máis importante que se demostrou, é que loitando podemos diminuír as repercusións da reforma laboral e das leis que están aprobando.