Entendermos a crise para organizarmos a resposta

Cando falamos de loita de clases, falamos dunha confrontación vital e insuperábel no capitalismo; nun escenario no que o reparto da riqueza que crea a humanidade, e fundamentalmente a clase traballadora, nunca será xusta, razoábel nin equitativa. Nunca terá un punto de equilibrio. A ciencia darwinista do sistema resultará sempre selectiva na acumulación e concentración da riqueza, e creará máis desigualdades, máis pobreza; a destrución de culturas, do medio e da natureza e unha antropoloxía nova no social, no que as relacións entre as persoas estará desfigurada, ausente de empatía e solidariedade. Sinxelamente será así, porque este sistema é potencialmente destrutivo.

O conflito polo reparto da riqueza é un conflito permanente, inherente ao propio sistema. O imperativo da acumulación crece exponencialmente. Canto máis grande é o monstro, maior é a súa voracidade. Hoxe o capital financeiro representa a excelencia da acumulación, polo tanto canto maior é o volume de capital financeiro que circula no planeta, máis necesita revalorizarse. Esta valorización prodúcese hoxe de tres maneiras: a especulación, a achega de diñeiro público dos Estados e a expropiación dos seus recursos (privatizacións de empresas e sectores públicos, redución e eliminación da fiscalidade e dos impostos aos ricos, diñeiro aos bancos, subvencións ás empresas, etc.) e da transferencia cada vez maior das rendas do traballo para o capital (precarización e sobreexplotación da clase traballadora).

As respostas do sistema diante desta crise son enormemente predicíbeis, o guión está escrito. O capitalismo reorganiza a súa estruturación para a concentración da riqueza, concentrando igualmente o poder. Apenas 700 transnacionais no planeta dirixen todas as actividades económicas, incluídas as financeiras, que, á súa vez, teñen superestruturas políticas antidemocráticas organizadas a nivel mundial que dirixen as políticas dos Estados. Hoxe a Comisión e Consello Europeos, o FMI, a OCDE, os Bancos Centrais, etc., determinan as regras e as decisións do sistema. Os Estados perderon soberanía, que transmitiron voluntariamente a esta elite da xerarquía do capitalismo. Da mesma maneira, na medida en que o poder se concentra na cúspide, distánciase do pobo. Esta mesma simetría prodúcese dun xeito severo nas nacións sen estado, como o caso galego.

Esta crise reforza as desigualdades do sistema. O capital financeiro responsábel desta crise non foi sancionado; contrariamente sae fortalecido. A achega de máis de 3.000 millóns de concedida polos Estados, a desaparición e purga das entidades mais débiles, e no Estado español a bancarización das Caixas, responden a estas claves de concentración.

Asistimos, por tanto, a unha estratificación maior en todas as estruturas da sociedade. Os principais damnificados desta crise son e serán as pequenas empresas, creadas fundamentalmente para completar o circuíto da terceirización. Empresas de subcontratación presentes en todos sectores de actividade privados ou públicos; con escasa liquidez e solvencia financeira, que non poden afrontar situacións de impagos ou liquidacións a 180 días por parte das empresas contratistas. Singularmente este universo de microempresas concentra hoxe a meirande parte da clase traballadora; foron concibidas para precarizar o mundo do traballo e empobrecer os salarios. Desde aquí estase a producir a maior transferencia de rendas do traballo para as rendas do capital.

Todo isto parece contraditorio con medidas paliativas para superar unha crise, pero explica de xeito empírico a acumulación e a concentración da que falamos, xa que obedece ao propio metabolismo do sistema, a súa reprodución. Os salarios baixos e a precariedade non activan o consumo, iso sábeo calquera economista. Os países coas maiores taxas de temporalidade e peores salarios non teñen unha economía mais competitiva, podemos velo en Europa. Portugal, Italia, Grecia, Irlanda ou o Estado español son precisamente os lugares nos que a crise está a ter un impacto máis demoledor, e nos que se acusa unha superlativa destrución do emprego, fundamentalmente os máis precarios e temporais. Pero as medidas que se propoñen, reformas laborais e de prestacións, non están pensadas para corrixir esta situación, pero confirman a validación da acumulación máis vertixinosa e a concentración da riqueza en menos persoas. Todo debe seguir así porque o sistema non é corrixíbel.

Tratándose dunha crise estrutural que non soamente é unha crise de sobreprodución, a recesión será mais prolongada e non permitirá recuperar en toda dimensión os sectores da actividade máis castigados. Recuperaranse gran parte das empresas terceirizadas, porque hoxe o sistema non pode prescindir delas; pero a constante perda da capacidade adquisitiva dos salarios modificará sensibelmente as pautas acostumadas do consumo. A construción será seguramente o sector que experimentará a máis grande reestruturación. Pero mesmo en Galiza o volume de emprego que representaba, compromete calquera recuperación a curto prazo. As taxas de desemprego estabilizaranse en porcentaxes máis elevadas e forzará un incremento do traballo informal. Isto sucede xa, ao tempo que crece a man de obra inmigrante en condicións máis extremas e de sobreexplotación que se incorpora nas empresas terceirizadas.

Sabemos, por tanto, que o futuro que oferece o capitalismo á clase traballadora esixe renuncias e entrega de dereitos, peores condicións de traballo e empobrecemento dos salarios, pero debemos entender que esta situación de deterioración non ten punto de inflexión previsto polo sistema. Os límites deberemos establecelos nós mesmos, reorganizando todos os espazos de participación nos que se poidan provocar cambios e transformacións no orde social e no mundo do traballo. Admitamos que a tarefa é enormemente complexa. Nos últimos 25 anos, o sistema perfeccionou o seu poder; o seu discurso transmítese de xeito uniforme e inequívoco desde todos os medios de comunicación, e conseguiu adherir á súa causa a gran parte dos partidos da esquerda e as tradicionais organizacións sindicais. O modelo institucional e de diálogo social paralizou os escenarios máis dinámicos de contestación ao sistema. Pero a loita de clases, o reparto da riqueza e, no noso caso, o conflito nacional e dereito á soberanía, seguirá sendo un conflito e unha contradición insalvábel e irredutíbel para o sistema.

Temos por diante un traballo de reorganización descomunal, no que deberemos producir un traballo intelectual e de acumulación. A próxima folga xeral do 29 de setembro deberá ser, como nunca antes, unha folga política de confrontación co capital e de diferenza cos modelos de pacto e conciliación co sistema.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde