O ensino público obrigatorio é unha ferramenta de control social para todos os gobernos supeditados aos ditames neoliberais, mais os múltiples recortes dos actuais executores das decisións do gran capital pretenden convertelo de vez en asistencial. Procúrase impór criterios empresariais e, asemade, atacar as clases sociais con menos recursos, provocar a saída do sistema máis temperá e dun número maior de alumnado e impedir a formación de persoas que poidan exercer como cidadás críticas.
Como nos demais ámbitos sociais, promóvese a privatización coa redución e estrangulamento do ensino público. Co RD Lei 14/2012, de “medidas urxentes de racionalización do gasto público”, o Estado invade competencias para asestar o máis brutal atentado contra a sempre pre- caria igualdade de oportunidades que o sistema educativo debera garantir. Mais, o goberno da Xunta está disposto a desenvolver ese decreto mesmo de xeito máis lesivo.
Logo da redución constante de orzamento (máis de 500 millóns en tres cursos), de unidades e centros e de profesorado, despediranse agora máis docentes, masificaranse as aulas, estenderase o reagrupamento de diferentes niveis e reducirase a oferta educativa. Como recolle o Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, son todas medidas para dificultar o acceso á educación das clases máis desfavorecidas, minguar a calidade do ensino e elevar o fracaso escolar.
Entre outras, rateos de ata un 20%, que farán imposíbel a atención personalizada e das necesidades educativas específicas; dúas semanas sen profesorado substituto en todas as baixas que se produzan; redución da oferta de modalidades de Bacharelato nos centros de ensino, o que obrigará o alumnado a abandonar, desprazarse ou modificar a súa opción de estudos superiores; e aumento da xornada lectiva do profesorado.
Reduciuse o orzamento para os Equipos de Normalización nun 69% a respecto dos dous cursos anteriores. Deixouse de financiar o programa Preescolar na Casa, provocando así a súa desaparición despois de 35 anos atendendo a miles de familias do rural. E eliminouse o pagamento do mes de xullo ao profesorado interino e substituto que traballase máis de cinco meses e medio. Desaparecen practicamente as partidas orzamentarias de axudas ás ANPAS, atrásase a implantación dos novos ciclos formativos ata o 2015 e suprímense moitos dos actuais, desaténdense os servizos complementarios…
Fronte a iso, increméntanse as axudas aos centros privados concertados (asignando millóns de euros mesmo a aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo) e dilapídanse cartos en tirar ao lixo materiais só por estar en galego ou nunha campaña propagandística tras a eliminación do programa de gratuidade dos libros de texto.
A reforma educativa que o Estado pretende aprobar afondará nas medidas regresivas, coa introdución de reválidas ao final de cada etapa educativa, a segregación do alumnado desde 3º de secundaria ou a promoción de centros de elite, que poderán escoller o alumnado segundo extracción socioeconómica. A Consellaría, pola súa parte, pretende modificar os criterios de admisión de alumnado para favorecer os intereses da privada concertada e os centros poderán determinar algúns deses criterios, reducirase a porcentaxe obrigatoria de prazas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e non se garante o dereito á escolarización nun centro público.
A comunidade educativa respondeu con resolucións de apoio por parte de Claustros e Consellos Escolares, peches nos centros e diversas mobilizacións e a conflitividade no inicio do curso está garantida ao medrar a consciencia de que os ataques forman parte da estratexia de espolio e confrontación da dereita e teñen como obxectivo o propio paradigma actual do ensino, con gravísimas consecuencias sociais.