Eleccións europeas: para que os pobos decidan

Cando hai anos o BNG presentaba aquel lema “Mercado común europeo, ruína do pobo galego” moitas persoas pensaron que se trataba dun chamamento contra Europa, anacrónico, que demostraba a incapacidade do nacionalismo galego de entender o que os novos tempos exixían. Hoxe, tantos anos despois daquela desfeita do PSOE co aplauso do PP e dos sectores empresariais e das grandes fortunas, o tempo deunos a razón da maneira mais bruta e cruel. Poucos países sufriron como o noso o desmantelamento da economía propia en troca de millóns de euros en fondos estruturais que foron pan para daquela e fame para hoxe. E, porén, aínda continúan facéndonos o mesmo reproche que outrora cando dicimos, novamente, que esta Unión Europea, da que tanto se fala agora e sobre a que tanto se discute ás portas das eleccións europeas, é a mesma UE que no seu momento cuestionou e criticou o BNG.

Parece que a UE, por si mesma, non fose discutíbel. Énos vendida como un proxecto de integración, de libre circulación de persoas, de unidade, como espazo de cidadanía e de oportunidades, de cultura e de civilización. Pero nós sabemos, desde a súa fundación, que o único fin que habita nesa integración é concentrar toda a riqueza nunha minoría: a dos lobbies, a da grande banca, as das grandes empresas e a dos gobernos conservadores. Eses que din defender os intereses do país pero que paradoxicamente reforzan e incentivan aínda máis o noso deterioro con políticas tan lesivas que nos afogan, mentres eles se enriquecen cada vez máis e o seu propio poder se vai reforzando á medida que nos destrúen como clase e como pobos.

A realidade é outra, como sabemos: a libre circulación de persoas, de ideas, fica reducida á libre circulación de capital e a máis explotación á clase traballadora. Velaí os gravísimos acontecementos da fronteira sur (Melilla, Lampedusa). Velaí tamén doutrinas como a Bolkenstein que permiten ás empresas pagaren o salario do país de orixe ao seu persoal inmigrante. Ese é o seu proxecto de integración, que tamén se deseña asimetricamente: Estados corporativistas ricos no noroeste xeográfico do sistema; pobos pobres no sur e no leste.

Non cabe dúbida de que situar o centro de decisión tan lonxe evita que as contradicións das elites dominantes queden expostas á opinión pública, especialmente para nacións na periferia da periferia europea, como a nosa. Sen soberanía, o noso papel redúcese a fornecer man de obra barata no marco dunha nova competitividade baseada no abaratamento dos custos laborais. Tamén materias primas e enerxía, coas correspondentes agresións ambientais polo medio. Cando nos meteron nesta maquinaria, a ausencia de soberanía impediunos decidir en temas fundamentais, como a pesca, o sector agrario ou os estaleiros. Tamén hoxe, cando fican case completamente reducidos a cero.

Nada mudou desde entón, porque a UE é irreformábel. Da súa tecnocracia presentada como inevitábel encárganse os grandes poderes económicos (co seu brazo mediático) que a crearon como ferramenta para acelerar a súa acumulación de riqueza despois da Segunda Guerra Mundial, e para os cales demostrou ser unha fonte de lucro case inesgotábel. Esa é a utilidade da UE, e non outra: servir de marco legal aos negocios, ao libre movemento de fortunas, á externalización da explotación (aínda que cada día máis esa mesma explotación que antes era destinada ás excolonias veña a se instalar aquí, na periferia da mesma UE) e á pillaxe. Que o bipartidismo español sexa especialmente receptivo non debería estrañar. Mais tampouco que iso se materialice en reformas do mercado laboral porque o manda a troika, ou dos servizos públicos porque o manda a troika, ou até da constitución porque o manda a troika. Que é a troika senón as mesmas oligarquías que crearon a UE e que se presentan baixo institucións diferentes co único interese de pareceren plurais e razoábeis? Todo é o mesmo. Ferramentas ao servizo de intereses, que non son os nosos, evidentemente.

Criticar a Unión Europea non significa, pois, estarmos contra a unidade da Europa. Significa, só, estar contra este deseño de unión forzosa que identifica perversamente Europa como espazo xeográfico coa UE, que é apenas unha unidade de mercado puramente conxuntural. Significa, tamén, sermos conscientes de que esta integración de capitais non nos serve para nada e que a UE non é o noso camiño, e que o seu deseño debe ser revolucionado e destruído de baixo para cima, completamente.

Mais a realidade é que, por mais que a nosa nación fique excluída do deseño, o feito de estarmos forzosamente ligados ao Estado español e, por aí, á UE, nos obriga a participar alí. Mesmo que sexa nunha situación hostil para nós. Da mesma maneira que se participa no Congreso dos Deputados español sendo conscientes de que tampouco ese é o marco da nosa soberanía, senón apenas o lugar onde outros toman as nosas decisións por nós mentres continuemos ligados a España.

Os últimos anos con representación en Bruxelas teñen servido para defender os nosos intereses desde unha óptica de esquerda, obreirista, social. Foi o BNG o que conseguiu que alí, tan lonxe do noso país, se escoitase a realidade galega á marxe do compracente relato español. Aínda mais: a presenza do nacionalismo galego ten servido para que os partidos españois teñan quedado en evidencia a respeito do noso país. Tamén para que, canda a voz do BNG, chegase tamén a voz dos colectivos afectados e a dos nosos movementos sociais propios.

Nesta ocasión, o BNG preséntase na candidatura Os pobos deciden, formada conxuntamente con EH Bildu e con outras forzas soberanistas de pobos como o noso, maltratados e excluídos. A candidatura do BNG, da que eu fago parte, está formada por mulleres e homes ligadas á loita social e aos conflitos derivados das agresións do capitalismo. Por iso o noso compromiso é o de levarmos a Europa a voz de todos eses conflitos, que é a nosa, a que nos identifica como persoas. Para iso debe servir a xornada eleitoral do 25 de maio. Para irmos falar na UE coa nosa voz crítica e para, con outros pobos sen soberanía, obrigarmos os poderes a escoitar mentres continuamos acumulando forza para os derrotar.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde