Dous anos tecendo o movemento estudantil

O 26 de marzo de 2011 constituíase en Santiago de Compostela a Liga Estudantil Galega, a nova organización do estudantado galego que nacía para dar resposta aos problemas xurdidos nos últimos tempos no movemento estudantil nacionalista. Pouco máis de dous anos despois, este proxecto está xa plenamente consolidado, con presenza en seis dos sete campus do país e en cada vez máis zonas e centros de ensino medio.

Nestes dous anos, os ataques ao ensino sucedéronse sen descanso. A nivel universitario, unha das maiores loitas foi contra a chamada Estratexia Universidade 2015, o plan de reformas da educación superior e a investigación que supón a segunda fase dos cambios que comezaron no 2010 co a implantación efectiva do Espazo Europeo de Educación Supe- rior (máis coñecido como Plan Boloña) que vai na liña de profundar o proceso de axuste da universidade ás “novas demandas da economía”, o que é a esencia deste proxecto de suposta “modernización”.¶

Despois da completa reelaboración das estruturas das titulación recollidas no Plan Boloña, a EU2015 aborda os cambios relacionados sobre todo co funcionamento dos centros universitarios, a forma de xestión e de goberno, atribucións, organización, financiamento e competencias. O obxectivo último é estabelecer as condicións materiais, xurídicas e económicas que permitan que a universidade forme os futuros traballadores segundo as cambiantes demandas do mercado capitalista.

No tocante ao ensino medio, a maior agresión nestes dous anos e posibelmente nas últimas décadas foi o borrador da Lei Orgánica da Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) presentado a comezos deste curso polo ministro de Educación Wert. Esta lei, máis inflexíbel e retrógrada que a propia LGE franquista dos 70, está formulada para ser un alicerce máis do progresivo e cada vez menos disimulado proceso de desmantelamento do ensino público. Caracterízase a simple vista por carecer do máis mínimo espírito democrático, polo seu marcado carácter segregador e sexista, por estar ideada para desgaleguizar o ensino e “españolizar” aínda máis o estudantado galego desde a infancia e por promover a total privatización de cada vez máis niveis de ensino. É unha lei fondamente integrista pensada para homologar o conxunto do estudantado a un único e indivisíbel patrón de corrección, o do español-emprendedor-trunfador.

As consecuencias que terá para o estudantado estas dúas reformas xunto coas demais medidas impostas desde o goberno central e da Xunta supoñen unha grande perda en calidade do ensino e mesmo o risco de desaparición do sistema de educación pública. Para evitalo, a Liga Estudantil Galega chama á mobilización de todo o estudantado galego para amosar o total rexeitamento desas políticas neoliberais e contestar os ataques que vimos sufrindo como clase e como pobo.

Malia ao complicado da tesitura no movemento estudantil no momento do seu nacemento, a Liga Estudantil Galega amosou desde a súa constitución o seu firme convencemento na necesidade da unión do nacionalismo galego en todos os ámbitos, tamén no estudantil, para a consecución dos obxectivos estratéxicos xerais do movemento.

Así o reafirmou o pasado 13 de abril na súa II Asemblea Nacional, na que a organización se comprometeu a traballar en prol da construción dunha única organización nacional do estudantado galego que recolla a herdanza combativa histórica no camiño dun movemento estudantil que poida plantar cara ás agresións do sistema e mudar a realidade, transformar as ideas en feitos e as loitas de hoxe nas vitorias de mañá.

No camiño para a consecución dese obxectivo, a Liga Estudantil Galega traballa para asentar unha colaboración firme entre organizacións, priorizando a unidade de acción con aqueles outros colectivos que comparten os seus principios e obxectivos estratéxicos. Atendendo á vixente consigna leninista, golpeando xuntos e marchando separados mellora- remos a unidade actual do conxunto de persoas e colectivos que loitamos por un outro modelo de ensino, galego e popular, o que axudará a avanzarmos no proceso de acumulación de forzas.

Dous anos despois da constitución desta organización, pódese afirmar que as análises estruturais que a Liga Estudantil Galega realizou na súa Asemblea Constituínte están plenamente vixentes e son a resposta acaída e necesaria para enfrontar a vaga de ataques ao ensino público. Contra os plans do capital, a Liga Estudantil Galega reafírmase na necesidade dun ensino público, galego, democrático, de calidade e non patriarcal. Un ensino público e de balde ao que teñan acceso todas as fillas das traballadoras; un ensino galego, incardinado na realidade do noso País e no que o galego sexa a lingua única vehicular; un ensino democrático, onde o estudantado sexa suxeito activo de participación, decisión e incidencia; un ensino de calidade, que ademais de fornecer o estudantado de saber, forme e xere conciencias críticas, e un ensino non patriarcal, no que o feminismo sexa un piar básico e onde se poña en valor o papel da muller na historia e na actualidade, invisibilizado sistematicamente polo patriarcado.

Ademais, como organización que entende a Galiza como nación, aseveramos a nosa convicción na rotunda necesidade dese modelo de ensino do pobo e para o pobo no marco da plena soberanía nacional galega concretada nun proceso de autodeterminación que dea lugar á construción dunha República Galega, xa que entendemos que unha ampla parte das agresións que sufrimos como pobo e das eivas que ten o ensino veñen dadas pola nosa falta de soberanía. Xunto á aposta por unha re- pública de noso, reafirmámonos unha vez máis no convencemento de que o socialismo é o único sistema viábel que garante as exixencias dun mundo máis igualitario e con xustiza social, onde as clases populares como suxeito político activo e maioría social sexan quen de levar a cabo o proceso de emancipación social.

O filósofo marxista italiano Antonio Gramsci dixo: “Instrúanse, porque precisamos de toda a nosa intelixencia. Conmóvanse, porque precisamos de todo o noso entusiasmo. Organícense, porque precisamos de toda a nosa forza”. As compañeiras da Liga facemos nosas estas verbas e, con toda a humildade, mais con toda a forza que dá saber que se ten a razón e que seremos quen de parar as políticas do capital, instruímonos para coñecer, conmovémonos para avanzar e organizámonos para vencer.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde