De nova política e vellos procedementos. Ourense: caso práctico

Pasaron 100 días das municipais de maio e hoxe tócame facer unha reflexión non sobre o único goberno dunha cidade galega gobernada polo PP -do que non esperamos gran cousa, como é obvio- senón do comportamento que Ourense en Común acaba de amosar en relación a unha iniciativa do BNG de Ourense -agora sen representación no Concello- nun tema central para a cidade no que moitas levamos xa varios anos traballando.

A situación do urbanismo en Ourense, coa caída do plan elaborado polo Partido Popular en 2003 -aquel gran pelotazo que combatemos nas rúas e na institucións- é de caos, incerteza e preocupación. A máis que probábel caída da ordenación provisional, o feito de ter que traballar no urbanismo cun plan de 1986 que nada ten que ver coa cidade construída, as reclamacións patrimoniais que poderían arruinar o Concello de Ourense e volver deixar en mans do PP o traballo de resolver a situación son motivos suficientemente graves como para que gran parte da acción política local estea centrada nesta cuestión.

Así, as que percorremos asociacións de veciñas e barrios durante a fase de exposición pública e traballamos coas veciñas nun proceso participativo que o PSOE nos furtara a todas ao non abrir unha fase previa de diálogo coas veciñas, seguimos empeñadas en traballar para pórlle ao Partido Popular todas as dificultades posíbeis para que consiga un segundo pelotazo e un novo PXOM que volva beneficiar o particular -particularmente os seus amigos construtores- fronte ao colectivo.

Na votación que tivo lugar en novembro de 2014 para dar a coñecer á cidadanía o documento do PXOM elaborado polo goberno do PSOE -coas achegas do BNG durante o tempo que estivemos cogobernando- as concelleiras do BNG deixamos claro que o noso apoio á aprobación inicial implicaba unha segunda fase de exposición pública sen a cal non daríamos en ningún caso apoio á aprobación definitiva, calquera que fose o documento resultante desa primeira fase.

A aprobación inicial saíu adiante con ese compromiso do PSOE dunha segunda exposición pública. Moitas militantes do BNG traballamos no plan e emendamos o documento en beneficio das veciñas da cidade, asesoramos a moitas veciñas, explicamos o plan, apoiamos as alegacións de moitos colectivos e, chegadas as eleccións e tras facerse o PP co goberno da cidade, nós, xa dende outro espazo, seguimos traballando neste documento igual que fixemos estando no Concello.

O pasado 15 de setembro participei na rolda de prensa coa que o BNG anunciou o rexistro dunha moción dirixida aos catro grupos políticos que conforman hoxe o Concello de Ourense -PP, PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común- na que se solicitaba que levaran a pleno un acordo para unha segunda exposición pública do PXOM con nova fase de alegacións, imprescindíbel para garantir transparencia e participación na elaboración deste documento por parte de todas e dificultar un acordo partidario que reparta a cidade en función dos intereses do PP e os seus amigos.

Estes días o partido instrumental para a acción municipalista que é Ourense en Común -o  que noutros sitios se dá en chamar mareas- anunciou que levará ao pleno do mes de outubro un acordo para que o pleno aprobe unha segunda exposición pública do PXOM sen facer mención ningunha á proposta que lle remitimos dende o BNG o 15 deste mesmo mes.

Cando preguntamos a algún dos integrantes de Ourense en Común sobre por que non se menciona nada da proposta que lle remitimos dende o BNG, a resposta ou non existe ou é -literalmente- esta: «Vaise apresentar unha moción co punto t1 en materia de urbanismo do programa participativo co que Ourense en Común concorreu ás eleccións municipais de maio. Punto no que concordamos coa solicitude do BNG».

Nunca, no tempo en que fun concelleira, ningunha das miñas compañeiras negou a ningún colectivo, asociación ou partido a autoría dunha proposta nin tivemos ningún problema en sinalar que recollíamos unha petición de outr@s para levar a súa voz ao Concello. Fun voz de colectivos cos que apenas concordaba na petición concreta do que nese momento reclamaba para eles, trasladamos directamente a voz das veciñas ao pleno, sempre -sempre- dicindo que eran elas e non nós as que o pedían e sumando o noso apoio a esa petición, reclamación ou proposta. Nunca proclamamos a honestidade máis que para aplicala no traballo diario que facemos e seguimos facendo, onde nos toca en cada momento.

Non acredito na neolinguaxe que converte as boas intencións en mercadoría para a venda, sexa electoral ou social, o fin que persegue, mais si coñezo xente honesta en todas partes que trata de traballar o mellor que sabe no proxecto no que mellor se atopa. Iso facemos as militantes do BNG en Ourense, como imaxino que en cada recuncho do país onde teño compañeir@s. E o noso traballo ten o mesmo valor que o das demais, nin máis nin menos que o do colectivo veciñal que pide arranxar un banco da praza, mais cunha diferenza, nós damos pasos para ir nunha dirección, non facemos apenas política de circunstancia.

Con este episodio entre o BNG e Ourense en Común agardaba máis honestidade de quen non quita a palabra da boca. Agardaba máis elegancia de quen acusa o resto de representar todos os males do mundo. Agardaba unha práctica política de quen di vir a renovalo todo que non se parecese tanto ás vellas prácticas que eu mesma combato dende que participo activamente en política, que consisten en levar palabras na boca das que vivir mais que pouco ou nada se practican.

Non sei se a partir deste episodio é tempo de deixar de agardar nada de quen non é sequera capaz de recoñecer o traballo das demais e decide vestilo de feliz coincidencia co único obxectivo de non mencionar a quen leva traballando en facer da elaboración do novo planeamento da cidade un tema central, pateando os barrios e explicando o PXOM ás veciñas mesmo antes de que outros partidos ou iniciativas naceran. De quen, ao fin e ao cabo, acaba de volver pór no centro do debate a segunda fase de exposición pública, cando outr@s aínda falaban de tarxetas para aparcar que outras nunca tivemos, de privilexios dos que xa outras antes nunca gozamos e do duro que é facer política en Ourense. Que nolo digan a nós, que acaban de ningunearnos os últimos de quen agardabamos tal cousa.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde