Corrupción: organizada, capitalista e marca españa

Etimoloxicamente a orixe da palabra corrupción suma o prefixo con (xunto, global) e a raíz do verbo rumpere (facer pedazos, romper). Sen entrarmos en discusións que corresponden á ciencia lingüística sobre a evolución do significado ao longo da historia da lingua (ou da historia, sen máis) é pertinente sinalar ese importante matiz que introduce o prefixo por parecer esquecido: a unión ou colaboración, a organización. Quizais o Partido Popular non conseguiu espallar de todo o eslógan dos casos illados, pero hai que recoñecer que o sistema tivo éxito espallando a idea de que a corrupción é algo atribuíble en exclusiva a persoas concretas, con nomes e apelidos, e que nalgún momento infrinxen a lei, sen moita máis fondura. De forma máis eficaz do que somos conscientes, o sistema crea un marco que acaba por levarnos á súa linguaxe e modela a realidade. Non é novo, nin pasa só coa corrupción. Hai anos loitabamos contra a reforma da lei do aborto, normalizouse a palabra reforma cando tería sido máis atinado falarmos da prohibición do aborto. No último ano tamén se popularizou o debate arredor da denominada maternidade subrogada e triunfa a denominación, que enmascara e dulcifica o que realmente é, o alugueiro de ventres, unha transacción económica. E así, o sistema e os seus actores gañan batallas no simbólico, na lingua que usan e que acabamos por asumir. E imos deixando de falar de loita de clases para falar de precariado, como se fora algo novo ou diferente.

Coa significación da corrupción acontece o mesmo. Ao combinárense diferentes factores entre os que destacan a habilidade do sistema para permanecer e a torpeza de certa autodenominada esquerda ao nuclear todo discurso arredor dunha idea abstracta de que a corrupción é exclusivamente un problema ético, corremos o risco de non profundar nas causas fondas e avaliar as chaves que alimentan a corrupción como un elemento consubstancial ao Estado español e as conexións que fan que sexa unha madeixa complexa de desenredar.

Non podemos falar de corrupción sen ter presente que o sistema capitalista ten na obtención do maior beneficio a súa razón de ser; nel existen esencialmente explotadores e explotados cohabitando nunha sociedade na que se xeneralizaron as relacións mercantís e os seus respectivos intereses en todos os ámbitos da vida, máis alá da transacción económica ou laboral. Desta forma, o propio sistema capitalista constrúe mediacións para favorecer o seu dominio, desde relacións de poder entre diferentes axentes individuais ou colectivos ata os medios de comunicación, a engrenaxe cultural, ideolóxica, lexislativa, xudicial e un longo etcétera… deseñando un marco que funciona en dúas direccións que se entrecruzan constantemente. Dunha banda, favorecer a obtención do lucro e a concentración de poder e beneficio económico en determinadas mans; doutra banda, instalar visións particulares sobre a realidade, tamén sobre a corrupción, que contribúen a consolidar ese poder ocultando as causas e os vínculos aos que obedece.

Se a corrupción se deriva da estratexia planificada das elites do sistema, no Estado español atopou o caldo de cultivo idóneo no franquismo e na posterior transición, tan modélica para os partidos estatais. Estes procesos sentaron fortes estruturas de relacións de intereses económicos que atravesan as estruturas do Estado, de Ministerios a consellos de administración, e perpetúanse no tempo. Por iso, é reducionista asumir a lectura da corrupción como un anecdotario de malas prácticas atribuíbeis sempre a condutas illadas; hai toda unha serie de fíos que conectan os grandes partidos do Estado e moitos axentes con poder económico ou social con grandes apelidos que se perpetúan desde hai máis de corenta anos favorecendo os seus intereses, que son os do sistema.

Poderiamos esgotar os caracteres deste artigo citando os casos de corrupción estatais e as súas conexións galegas, pero cómpre ampliar o foco para a complexidade dun fenómeno que se estende nas relacións e intereses das elites. Máis alá de como todo isto afecta o público, o uso dos nosos recursos e, en suma, as nosas vidas como clase traballadora, cómpre pensar tamén que papel lle asigna a Galiza, converténdonos en moeda de cambio. O modelo administrativo e político centralista tamén obedece e ampara esa lóxica corrupta e capitalista. Recordemos, por exemplo, o rol de produtor de enerxía que o franquismo outorgou ao noso país. Ese deseño que deitou un forte impacto social e ambiental ao longo do país, sen preguntarlle á súa poboación, non está exento de relacións de poder e beneficios para as grandes familias do réxime. Un exemplo escandaloso témolo en Villar Mir, un señor que en 2011 foi distinguido polos Borbón como Marqués polo seu servizo á coroa e aos intereses de España. Ese mesmo ano, antes das eleccións xerais, estaba moi preocupado pola clase traballadora e urxía unha reforma laboral. Antes de todo isto, xa fora director xeral de emprego con Franco ou ministro de facenda do primeiro goberno após a morte do ditador. Un señor que coa chegada da presunta democracia pasou a centrarse nun aparello empresarial que sempre tivo forte relación con decisións que se tomaban no ámbito público. Hoxe, non só está implicado na Operación Lezo e no financiamento do PP, tamén pretende especular coas centrais hidroeléctricas do río Xallas. Na man do Partido Popular está autorizar a venda ou non. Poderían axeitar o marco legal para facelo e non deixaría de ser corrupción capitalista e colonial, referendada polo DOG como outra é avalada polo BOE. Por iso, calquera pacto anticorrupción procedente deles é só fume.

A corrupción é un ingrediente fundamental para o éxito do capitalismo que no caso do Estado español conta cun deseño alimentado no franquismo e na transición e asentado nos grandes partidos estatais, o que o sostén como un Estado estruturalmente corrupto e contrario aos intereses de Galiza e da clase traballadora. Por iso, apostar pola ruptura soberanista e socialista é unha necesidade como clase e como pobo, ademais dun deber ético individual e tamén colectivo.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde