Control e represión: o futuro que deixemos

Cada vez que abrimos un xornal con ollo crítico vemos, camuflada entre os titulares, a realidade da lenta mais incontornábel perda de liberdades civís. Non é apenas o caso dos monicreques ou a detención en Ourense por un disfrace co lema “alka-eta”. É tamén a criminalización da disidencia practicada por calquera medio, ou a prohibición de partidos po- líticos cunha orientación moi concreta, antes só en Euskal Herria, agora tamén en casa, coa recente ilegalización de Causa Galiza.

Son múltiplos os factores que apontan para esta nova realidade. Todos eles, porén, poden resumirse na decadencia do rexime capitalista, en clara descomposición e coa necesidade urxente de se protexer das ideas e, sobre todo, das prácticas antisistémicas e dos movementos de contestación. Se, ademais, tivermos en conta que o recurso da austeridade se encontra xa tamén en crise de leximitidade (austericracia) porque cada vez menos xente acredita nel, e se tamén contamos con que non existe un plano B que poida ser aceptado polo grande capital, obrigado sempre á súa propia acumulación nun número constantemente reducido de mans, nada indica que vaiamos asistir a unha rebaixa da tensión social, que é onde os cortes das liberdades se verifican.

Non é revelación ningunha dicir que, diante deste descontentamento social, a maioría de países capitalistas optan sempre polo mesmo modelo, máis ou menos desinhibido, de opresión. O protesto colectivo é cada vez menos tolerado e as concentracións e manifestacións son obrigadas a discorrer por canais tan estritos que perden eficacia para acumular forzas. E até a greve xeral, a principal ferramenta da clase traballadora, se desvela cada vez menos potente devido á promoción descarada de sindicatos pró-sistema que a inviabilizan na práctica, à individuación maciza da sociedade, e tamén á propia crise da autoorganización de clase.

En troca, aparecen novas figuras, ou figuras vellas con novas atribucións. A “guerra contra o terror”, que parecía unha política afastada, desas que se aplican sen aparentes consecuencias nas rúas de Asia e África, mais non ás portas das nosas casas, gañou agora, cos ataques no corazón da UE, unha oportuna dimensión “doméstica” que permite limitar o direito á intimidade e estabelecer políticas de controlo duro, xa non só sobre as consideradas bolsas problemáticas (migrantes, minorías étnicas, disidentes políticos, etc), mais pola primeira vez sobre camadas que nunca tiñan sido alvo desta persecución. Que a impericia dos gobernos francés e belga na hora de aplicar estas contrapartidas do seu interese provocase xa algúns protestos importantes, en ningún caso invalida esta idea. Tamén gañou novas formas e novas forzas a figura do “inimigo interno”: o que antes se reducía á criminalización dos partidos comunistas (os únicos que tiñan demostrado ser capaces de conducir para algures o descontentamento xeral) e á súa prohibición en países cun pasado socialista que é fácil lembrar e co que é fácil comparar, como Polonia, aplícase agora en calquera dirección. O inimigo interno é, de repente, calquera persoa con capacidade para se organizar á contra do sistema ou de parte del. Non hai máis que ver como, da noite para o dia e no cenario español (onde a única ruptura democrática posíbel é a través das independencias das nacións sen Estado) os partidos burgueses cataláns – nada mais lonxe do comunismo – pasaban de ser aliados tolerados a puros inimigos da centralidade do sistema.

Non é casual, claro, que todos estes “perigos” aparezan de mans dadas co reforzamento da extrema dereita e do fascismo que, pola súa promesa de solucións rápidas e tallantes, comeza a parecer unha opción viábel para as camadas mais desalfabetizadas politicamente. Partidos como a FN na Franza, o FPÖ en Austria, o JOBBIK na Hungría, o PVV nos Países Baixos, o SVP na Suíza, a famosa Aurora Dourada na Grecia ou Ciudadanos no Estado español, e organizacións de “caza ao migrante” como Pegida na Alemaña ou en Portugal, son exemplos, todos eles, do suceso rápido desta vía nestas circunstancias, con independencia de se as súas retóricas son máis ou menos brutas. Mais é que isto hai aínda que somar, tamén, a cada vez máis descarada adaptación da lexislación aos intereses exclusivos da conservación do controlo por medio da continuada mudanza dos códigos pe- nais e a aparición de novas leis deseñadas especificamente para o caso. A lei española de seguranza cidadá, alcuñada, con razón, como “lei mordaza”, non só é unha adaptación da famosa “lei da patada na porta” da década de 1990, ao recuperar, por medio dos rexistros preventivos a facultade de entrada no domicilio sen orde xudicial. É ademais unha oportuna ferramenta para conculcar o direito á liberdade de expresión e para blindar a versión policial nun momento en que o uso político das forzas “de seguranza” se ten tornado tan evidente que comeza a cuestionar todo o sistema de represión.

Ora, convén non conducirse ao autoengano. Non se trata apenas da necesidade de controlo e de que ese sexa o único camiño imaxinábel dunha óptica capitalista de acumulación sen escrúpulos. Trátase tamén – dun xeito que non podemos deixar fora da ecuación – da oportunidade de facer todo iso. O esfarelamento da Unión Soviética e a proclama- ción do capitalismo como sistema único, hai xa 25 anos, continua a xogar un papel: ofrece un episodio que, convenientemente caricaturizado polos poderes mediáticos e os aparatos educativos ultraliberais, faga crer que non existen alternativas viábeis e radicalice, en consecuencia, esa aposta pola represión. A solución non radica, é claro, en recuperar a memoria do que fose a Unión Soviética, coas súas contradicións duras, especialmente na súa última fase. Mais si en evidenciar que o mesmo motor que permitiu a creación daquel espazo en que non só as perdas eran socializadas, é o único que hoxe pode reverter esta vía homicida do sistema: a organización obreira, a organización, en fin, dos únicos e das únicas ás que, de facto, afecta esta supresión das liberdades civís e da democracia. Non hai outra opción, e tampouco dispomos de moito tempo.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde