Nestes días, un regueiro interminábel de novas sobre o perigo ao que se enfronta occidente inunda todos os medios de comunicación escritos e audiovisuais, mais tamén as redes sociais, influentes de modo global na opinión de millóns de persoas. Partindo da base do terrorífico que supón asasinar uns xornalistas por exercer a súa profesión -en ocasións pouco profesionais e con actitudes neocoloniais-, cumpre analizar este fenómeno desde unha óptica marxista.
Entendendo que milleiros de persoas queiran denunciar este atentado, por detrás das mobilizacións recentes atópase un movemento pastoril que busca posicionar a sociedade nunhas coordenadas ideolóxicas moi concretas. Porque como dicían Marx e Engels: “as ideas da clase dominante son as ideas dominantes en cada época”. E é certo que a historia mostrou as campañas de medo e engano fabricadas polos mass-media como a antesala dunha intervención imperialista de longo alcance en distintas rexións do planeta.
Os sucesos destes últimos días sacaron á palestra, tamén, o libro de Naomi Klein titulado Doutrina do Shock, o auxe do capitalismo do desastre. Neste libro, publicado no 2008, a autora resume a terapia do shock que nos levan aplicando anos con medidas económicas e militares, mediante esta suxerinte explicación: “O desastre orixinal -chámese golpe, ataque terrorista, colapso do mercado, guerra, tsunami, ou furacán- leva a poboación dun país a un estado de shock colectivo. As bombas, os estalidos de terror, os ventos pululantes preparan o terreo para quebrar a vontade das sociedades tanto como a música a toda potencia e as choivas de golpes someten os prisioneiros nas súas celas. Como o aterrorizado preso que confesa os nomes dos seus camaradas e que renega da súa fe, as sociedades en estado de shock a miúdo renuncian aos seus valores que de outro modo defenderían con enteireza”. Mandatarios europeos preparan xa un novo recorte de liberdades baixo o argumento da ameaza terrorista.
No estado español, o capitalismo aplica políticas antisociais baixo o argumento do mal menor, mais sabemos que o transfondo agocha unha clara intención de enriquecer -aínda máis- a burguesía a costa da clase traballadora. A entrada en vigor da chamada lei Mordaza serve para reprimir calquera movemento social ou político que poña en xaque os seus intereses políticos e económicos. Neste caso, a figura do “radical antisistema” tivo un papel chave no proceso de intoxicación mediática.
No entanto, as intervencións imperialistas en Libia, Siria ou no Iraque viñeron precedidas dunha campaña de medo e desinformación, fabricando un monstro en forma de ditador cruel e represor que vén amenazar os intereses occidentais. Nos últimos tempos, temos visto novos métodos de intervención do imperialismo, pasando das clásicas guerras abertas á estratexia das chamadas revolucións de cores, fomentando segundo interese, as contradicións internas de cada país.
En definitiva, resulta atroz observar como levan días identificando os valores de Charlie Hebdo cos valores occidentais, os valores da liberdade de expresión e a solidariedade. Fronte a isto, din, encontramos uns “incivilizados” islamitas que cumpre “civilizar” de maneira contundente.
Porén, cheira a hipocrisía da máis barata a solidariedade selectiva que practica o establishment do sistema. A mesma Francia que defende os valores da liberdade, igualdade e fraternidade, liderou os ataques da OTAN contra Libia para devastar un país e favorecer a entrada no goberno dos chamados islamitas radicais. Tamén Francia xunto con outros países da órbita da OTAN estiveron armando e financiando en Siria ás mesmas persoas que atentaron en París os pasados días. Poderiamos seguir facendo memoria histórica e lembrar como occidente creou Al-Qaeda para combater o comunismo no Afganistán, a permisividade para que Israel en pleno século XXI practique con completa liberdade un auténtico xenocidio contra o pobo palestino ou os vergoñentos bombardeos da OTAN en Belgrado contra a televisión pública.
É indignante que os países que se erguen como representantes da liberdade e os dereitos humanos leven meses facilitando a instauración na Ucraína -mediante un golpe de estado- dun réxime fascista, réxime que prohibe as televisións rusas, ilegaliza partidos e practica a limpeza étnica e ideolóxica da man dos movementos neonazis, co triste resultado de máis de 5000 mortos en doce meses. Así, é preciso lembrar como Occidente mirou para outro lado nos crimes de Odessa, onde ducias de persoas morreron queimadas e malladas a paus no edificio dos sindicatos a man de membros da extrema dereita, polo simple feito de non apoiar o movemento golpista denominado Maidán. Lembremos, esta extrema dereita representada en Pravy Sektor e Svoboda, mantivo reunións durante meses con altos cargos do goberno dos Estados Unidos e da Unión Europea e na actualidade ocupan postos de responsabilidade no goberno de Kiev.
Este cínico e selectivo discurso é o que mata milleiros de persoas a diario no planeta, pois non fai máis que promover políticas e gobernos burgueses que marcan o sendeiro dos pobos con ríos de sangue. Porén, non é descartábel que tras esta operación de falsa bandeira veña un movemento a escala global máis grande. Porque a loita entre “civilizados” e “incivilizados” é o motor da historia, a loita dos que existen contra os invisíbeis. Por iso eu non quero ser Charlie, por que non creo no racismo nin no colonialismo. Mais si son Siria, Donbass, Palestina, Curdistán, Ayozinatpa e todas as loitas esquecidas e silenciadas que, como dicía Gramsci, obrígannos a tomar partido porque estamos vivos, e polo tanto eu, son partidista.