Superada a XIV asemblea nacional, que foi precedida dun proceso de debate por toda a nación, o BNG abre unha nova fase da súa angueira política. Unha angueira política que comezou, como tal organización, hai xa tres décadas e que estivo guiada polo obxectivo de consolidar o proxecto nacionalista en Galiza, desde unha ollada de compromiso coas clases populares e de transformación social. Porén, no camiño trazado non foron poucas as contradicións, mesmo internas, que o BNG tivo que afrontar, algunhas das cales acabaron en procesos de esgazamento da propia organización, ben coñecidos por tod@s. De aí que se faga necesario reimpulsarmos o Bloque como organización. E de o facermos nunha conxuntura socio-económica e política dominada por esa nova volta de parafuso que o capitalismo está a aplicar sobre amplos sectores sociais, a comezar pola propia clase traballadora, e que en Galiza se expresa a través das políticas neoliberais e recentralizadoras que desenvolve o Partido Popular como partido que ostenta o goberno na Xunta e mais en Madrid.
Enfrontar, por tanto, esas políticas do PP en Galiza, de consecuencias tan nefastas para a nosa nación e para a maioría social traballadora, é un dos eixos centrais en torno aos que vai xirar a acción política (social e institucional) do BNG nos próximos meses. Un eixo de traballo que, dito sexa de paso, estabelece un elo de continuidade co traballo político levado adiante polo conxunto da organización nos últimos anos, mais que agora é conveniente desenvolver máis en profundidade e a carón de todos aqueles movementos sociais -máis amplos ou máis cativos- que combaten as políticas do PP e os efectos nocivos. Porque, ademais, os go- bernos de Rajoy e de Núñez Feijoo, sometidos aos ditados da Troika, van continuar na súa ofensiva coas chamadas políticas de austeridade que non son outra cousa que un asalto aos nosos dereitos (sociais, laborais, democráticos…), o que en Galiza está a ter uns resultados devastadores no que se refire ao noso tecido produtivo, cada vez máis debilitado. Ao tempo, e como consecuencia lóxica, non deixan de dispararse os índices de paro e de precariedade laboral, nun contexto en que se van desmantelando os servizos públicos (sanidade, servizos sociais, educación…) e no que, en definitiva, se van empobrecendo amplas capas sociais. E isto, en beneficio dunha poderosa oligarquía que busca o máximo lucro a custa da maioría social traballadora.
Por se iso fose pouco, no caso de Galiza, as políticas do PP tamén están orientadas á destrución paulatina da nosa identidade nacional, a comezar pola nosa lingua e cultura, nun intento por sufocar calquera posibilidade de que no noso país se instaure, de xeito maioritario socialmente, unha consciencia nacional que demande a construción dun estado propio, en paralelo aos procesos abertos en Catalunya e Euskal Herria. Nese sentido, non pode resultar sorprendente que dun tempo a esta parte, desde os poderes do Estado (e con apoio mediático), se veña animando a presenza en Galiza de forzas políticas co seu centro de gravidade en Madrid, tentando canalizar o evidente descontento social por esas vías e, xa que logo, tentando evitar que non sexa o nacionalismo político o elemento referencial da resposta en Galiza ás políticas neoliberais. De aí que o outro gran eixo da acción política do BNG para este período se centre na defensa dos dereitos nacionais de Galiza: a nosa soberanía. Unha defensa que o BNG concreta no horizonte dunha República galega e que, hoxe máis ca nunca, é necesario que asuman o máximo de organizacións e entidades de carácter social, político, sindical, cultural, etc., que actúan no país e que comparten o principio de autoorganización.
Erguermos un amplo movemento social a prol da soberanía é, sen dúbida, unha das tarefas impostergábeis que ten o nacionalismo en Galiza. E niso o BNG vai achegar toda a súa intelixencia política e esforzo orgánico, sabedor como organización de que a amplitude dese movemento social soberanista vai depender tamén de cultivar a xenerosidade entre tod@s aqueles que, de xeito organizado ou colectivo e de xeito individual, fagan súa a aposta soberanista. E esta aposta soberanista non se debe interpretar apenas como o desexo de situar Galiza no debate territorial aberto no Estado español, que tamén, senón sobre todo a demanda de soberanía de Galiza debe servir tamén para transmitir socialmente a idea de que sen soberanía política será imposíbel a superación da actual crise capitalista en beneficio das clases populares e nomeadamente da clase traballadora. Ou o que é o mesmo, transmitir socialmente que só a soberanía política de Galiza pode posibilitar, na actual crise capitalista, unha saída favorábel á maioría social traballadora.
Partido deses dous eixos de traballo inmediato e futuro -a resposta ás políticas neoliberais e recentralizadoras do PP e mais a construción dun amplo movemento soberanista en Galiza-, o BNG vai tamén a seguir articulándose a nivel social, mellorando as súas estruturas organizativas e promovendo un constante contacto social na acción política a desenvolver. Tanto desde as institucións das que formamos parte (sexa en labores de oposición como en labores de goberno a nivel municipal) como desde o traballo social, moito deste vehiculizado a través da nosa participación en organizacións e movementos sociais.
Sendo os tempos que vivimos -e os que se aveciñan-, tempos de extrema dureza, que condenan ao empobrecemento e ao desespero a amplos sectores da sociedade galega, non está de máis lembrarmos máis unha vez a importancia de contar con instrumentos políticos que, como o BNG, contribúan a combater o actual estado de cousas e traballen pola transformación social e a construción nacional. Máxime cando, desde os resortes do poder, se emiten mensaxes continuas que avogan pola “anti-política”, porque ese é o xeito precisamente de que o descontento social non provoque cambios reais, mudanzas de fondo, e por tanto que os que mandan sobre as nosas vidas sigan a facelo. E sigan a facelo impunemente.