BNG: da base dos concellos, cara ao poder popular

O vindeiro 24 de maio celebraranse eleccións municipais en Galiza. Daranse nun contexto marcado pola profunda crise económica producida polo capitalismo neoliberal, no que a submision interesada dos gobernos ao grande capital marca o camiño que serve de excusa para aplicar todo tipo de cortes no gasto social, no sistema de pensións, nos dereitos da clase obreira, afogando de facto unha poboación cada vez máis empobrecida e vulnerábel que ve como os seus dereitos se esfiañan de xeito paulatino pero imparábel. O que serve para falar dos gobernos estatais serve tamén para o facer dos municipais, as máis das veces encargados en última instancia de executar o programa imposto desde os despachos das grandes corporacións, vía Unión Europea, vía Madrid, e tamén vía Xunta de Galiza, controlada polas mesmas axendas desde a reinstalación do PP no goberno da nación.

A taxa de paro, situada — só oficialmente — no 27% e a reforma laboral que fomenta a precarización e a pauperización da nosa clase, crean unha fenda salarial que só pode desembocar nunha desigualdade social cada vez máis pronunciada, favorecendo ese selecto clube formado pola oligarquía económica e empresarial que se reparte os beneficios xerados polo noso traballo e os recursos que nos pertencen. Nese contexto de espolio, reprodúcense por toda a parte os ataques aos servizos públicos- moitos dos cales son precisamente xestionados polos concellos de maneira total ou parcial: privatización de recursos sanitarios e dos ser- vizos de emerxencias, descapitalización propositada dos planos de axuda á dependencia, ou as inxentes cantidades que dos fondos públicos van parar ao ensino privado e concertado mentres o ensino público, o de todas e todos, esmorece por falla de investimentos. En resumo: un continuo atacar e anular o que é de todos, o que nos sustenta e dignifica.

Neste contexto, os partidos de corte capitalista, que practican e fomentan o liberalismo económico, como PP e PSOE, pero agora tamén eses outros que van xurdindo no escenario estatal (e que os medios de comunicación empoderan como a “alternativa” aos partidos tradicionais), consolidan este sistema económico mediante un discurso centralista que ataca a soberanía dos pobos, tentando anular así a loita polo control dos nosos recursos, e fomentando un españolismo exacerbado que ataca sen piedade mesmo o noso idioma, o noso sinal identitario máis aglutinador. De novo, non só a través das súas cúpulas estatais, senón tamén nas súas estruturas de proximidade, nos concellos — ámbito perfecto para implementar sen moita publicidade nen resistencia o seu extenso repertorio de expropiación e desnaturalización.

Fronte a isto, tórnase máis importante que nunca termos claro que, como pobo expropiado e nese proceso de desnaturalización, tanto o nacionalismo coma o marxismo son a nosa única alternativa para rachar co modelo socioeconómico que se nos impón. E sono porque non representan un “cambio” — palabra de moda nestes tempos eleitorais — nen unha revisión a respecto do sistema senón porque significan todo o contrario: unha oposición frontal a el, a vontade de revolucionalo completamente, de destruilo e de substituilo por ese sentido común que nos di, cada vez máis claramente, que o que é de todas e todos debemos xestionalo todas e todos, e non empresas privadas e intereses particulares, e tamén que, sendo un pobo, debemos ser nós quen decida todo, en todas as ordes, en todos os momentos. No fin de contas, a soberanía é isto: decidirmos nós e non outros ou outras; e decidirmolo todo.

O que ocorre é que esa soberanía non só se constrúe no plano nacional. Tamén nos concellos e nos bairros existen mecanismos para desenvolvela. Comercio de proximidade fronte a centros comerciais que levan os beneficios fóra; espazo para as persoas fronte a espazo para os coches, o ruído e os fumes; espazo para a cultura nosa fronte ao consumo de produtos inoculados pola grande industria do entretemento; servizos xestionados directamente polas persoas fronte a servizos externalizados; promoción da produción de proximidade en lugar de confiar todo aos trazados de macroolígonos industriais que ao final fican baleiros; todo isto e máis cousas son puntos de referencia para calquera alternativa popular no que nos toca de perto.

O vindeiro 24 de maio, a este sistema viciado que só nos permite escoller cada catro anos e que se blinda o resto do tempo veráselle unha fenda. Temos a oportunidade de facer pasar por ela un comezo para todo isto, unha semente de alternativa. En Galiza, esa semente chámase BNG. Non só porque sexa capaz de facer agromar toda esa alternativa con tempo suficiente — tal como demostraron os modelos de Allariz ou de Pontevedra —, senón porque, aplicando solucións que defenden a igualdade e o benestar social, é xa, desde o primeiro momento, a primeira liña de defensa contra a política agresiva e dolosa dese capita- lismo colonialista que padecemos.

 Recuperar axiña esas ferramentas, que en moitos concellos xa nos foron tamén alleadas, é a primeira tarefa. É nos concellos onde a partir do 24 de maio poderemos realizar o traballo máis urxente e máis comprometido coa cidadanía, protexendo os seus dereitos e garantindo que os grupos máis vulnerábeis non se vexan quebrantados polas políticas agresivas que o grande capital aplica a través do parlamento español e da Xunta de Galiza.

Din que as eleccións deste mes de maio poden ser, ademais, unha axuda para enxergar e tratar de antecipar resultados para as que despois han vir no Estado e máis na Xunta. O que é evidente é que a dinámica galega e estatal si influirá nas eleccións municipais, colocando falsas alternativas á vista através dos xornais, dos telexornais, das radios… Fronte a isto, cómpre centrar a vista nos grupos que realmente concorren nos nosos concellos, e non na miraxe que sobre eles nos veñan ofrecer uns medios de comunicación con axenda propia. E termos claro que fronte ás promesas dun PP que cinicamente se di preocupado coa corrupción, dun PSOE que hai moito tempo renunciou a calquera transformación da sociedade, e dunhas candidaturas cidadanistas só centradas na cuestión da transparencia e con pouco máis a ofrecer — como se o problema fose exclusivamente de opacidade — o único camiño que avanza é o do soberanismo, da base dos concellos, cara ao poder popular.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde