Soñar é, ou debera ser, unha actividade intrínseca á acción política. Cando unha decide participar dun espazo político que se pretende transformador faino porque soña con construír un mundo diferente e non se conforma con só imaxinar, senón que quere actuar, intervir para ver unha nova realidade. Aínda así, resulta obvio que no actual contexto de agudización das consecuencias da crise capitalista e de debilidade do movemento soberanista o simple feito de soñar é, por veces, mesmo complicado. Desde o punto de vista persoal, individual, permanecer no repouso do inmobilismo, non facer nada porque nada pode cambiar, é unha opción á que invita un certo estado de frustración diante do contexto. Porén, o paso do individual ao colectivo, partillar o desexo dunha realidade diferente con moitas outras persoas, debe darnos a forza para romper con este risco e pasar da inacción á acción, conscientes de que as transformacións nunca son inmediatas nin doadas. E con esa forza debemos, aquí e agora, imaxinar colectivamente cal é a Galiza queremos e como imos traballar por ela.
O soberanismo galego atópase nun momento que esixe novas apostas, abertas e sen máis balizas que os principios básicos sobre os que se foi construíndo o nacionalismo. E isto é así porque o soberanismo avaliou colectivamente como imprescindíbel a existencia dunha ferramenta de autoorganización do pobo galego, actualizada e reforzada, para traballar politicamente e en chave de esquerda na consecución da plena soberanía nacional. Fóra das caricaturas interesadas que se poidan trazar arredor desta cuestión, esta conxuntura esixirá romper con moitos esquematismos, mecanicismos e ideas preconcebidas, ampliar a democracia e o debate dentro e fóra das organizacións, e iniciar un camiño novo cun resultado aberto.
Iniciada a andaina, cómpre poñer o mellor de nós para encher de contido un folio en branco. Quen estamos no día a día dunha organización corremos o risco de que ese ritmo nos absorba nunha especie de espiral na que, como recorda aquela popular viñeta de Mafalda, o urxente non deixa tempo para o importante. Velaí un dos moitos riscos que acarreta a asunción colectiva dun proceso como o que esbozamos, por iso asumilo ten que supoñer rachar desde xa coas rotinas aprendidas e cos apriorismos e facer un esforzo por encaixar da mellor maneira posíbel o reto de enfrontar, aquí e agora, un proceso novo para calquera de nós. Neste punto, somos moitas as que pensamos que estamos ante a opor- tunidade histórica de sumar esforzos e poñelos ao servizo do deseño da táctica e da estratexia que tecerá o soberanismo do s. XXI, de cal debe ser o marco organizativo de masas que o aglutine, e facelo desde o convencemento de que, desta volta, a tarefa é tan importante como urxente.
Neste sentido, desde a aprendizaxe e a posta en valor do pasado, cos seus erros e cos seus acertos, hai quen acreditamos na necesidade dun novo instrumento político para unha nova conxuntura na que se fai fundamental un marco político de masas, desde a esquerda e o soberanismo, que opere nunha lóxica máis aglutinadora dos diferentes movementos, incardinándoos nun mesmo obxectivo de ruptura. Non se trata dun cambio de nome, dunha formulación electoral ou da actualización dun programa político: a evolución ten que ser de raíz. Por exemplo, no contexto onde ficou claro que non hai cabida para pactos sociais nin melloras substanciais das nosas condicións de vida con este sistema socioeconómico, tampouco caben pasos atrás na asunción dunha orientación contraria ao capitalismo dunha forma máis definida. Sen sinalar abertamente o inimigo dificilmente imos operar nunha chave de confrontación do sistema e de acumulación de forzas e construción de alternativas nos diferentes espazos que vaiamos ocupando. Temos que actualizar con audacia as coordenadas político-ideolóxicas do soberanismo do futuro. E, a quen desde as clases populares sobrevivimos desde a incomodidade das consecuencias directas dos privilexios das elites, non nos vale en absoluto unha esquerda edulcorada e sistémica que reclame pequenos parches.
Do mesmo xeito, a evolución lóxica do movemento nacionalista galego só pode camiñar cara a asunción natural de que a única fórmula posíbel para conseguir a soberanía nacional é afondar nun proceso de acumulación de forzas para forzar a ruptura democrática que acade un Estado independente. Cifrar nese punto os obxectivos da forza política que soñamos construír no século XXI non debera xa sorprender a ninguén e se queremos convencer de que é a mellor solución posíbel aos nosos problemas como pobo e como clase, urxe clarificar canto antes que ese é o obxectivo e que damos os pasos cara a el. Así mesmo, construír unha nova organización ten moitas outras oportunidades, por exemplo, partir do compromiso colectivo de que nesta nova fundación o feminismo e a combate do patriarcado estarán ao mesmo nivel de prioridade na loita que a soberanía ou a xustiza social.
Desde a honestidade da definición dos obxectivos cos que cadaquén soñamos, para conseguilos será fundamental contrastar os detalles, as estratexias, con aquelas persoas nacionalistas que queiran traballar polos mínimos comúns que nos unan e, sobre todo, facelo de maneira diferente. Porque é hora xa de sermos quen de aplicar unha nova ética militante, afastada do individualismo crecente, negociadora, lonxe dos tópicos da dureza política, do confronto en negativo e recollendo o mellor do activismo social e político do que somos herdeiras. Neste punto, temos que ser quen de integrar a experiencia e as achegas de todas e todos os activistas, militantes doutras organizacións ou sen adscrición, coas que xa compartimos espazos de traballo, coas que nos mobilizamos en diversos ámbitos reclamando a xustiza e a liberdade sempre ausentes. O futuro do soberanismo galego ten que ser entendido e construído desde o seu conxunto, desde o debate coa máxima profundidade posíbel. E depende tamén, en boa medida, da nosa capacidade colectiva de superar as frustracións e os erros do pasado; en particular, da vontade real de integrar a suma de cadaquén desde o seu ámbito e a súa experiencia, non con obxectivos instrumentais nin limitados a unha coxuntura particular ou limitada, e tampouco con data de caducidade prefixada ou limitada por un calendario electoral, senón coa ollada posta no futuro que soñamos e que construímos desde o presente, nos proxectos a longo prazo e no necesario reforzamento da alternativa estratéxica nacional e de esquerdas que este país precisa.