Data: xullo de 2012
O 19 de xullo máis dun cuarto de millón saíamos ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza como rexeitamento ás políticas de Rajoy e Feijoo. Unha mobilización histórica que demostra que amplos sectores da clase traballadora, e do pobo galego en xeral, son conscientes do abismo social ao que conducen as políticas neoliberais practicadas hoxe polo PP e onte polo PSOE no Goberno do Estado.
Porén, non se trata só da crise económica e de como a xestiona o bipartidismo neoliberal. Trátase do sistema en si, do capitalismo e da súa natureza depredatoria. Por iso, resulta tan doado que cedan soberanía do Estado á Europa neoliberal mentres nola negan ás nacións galega, vasca e catalá. Até aí chega o seu fundamentalismo de mercado. E de aí a ofensiva recentralizadora posta en marcha.
Cómpre articularmos a resposta. Unha resposta dupla: á ofensiva do capital sobre a clase traballadora e os sectores populares e á ofensiva do senil imperialismo español sobre a nosa nación. Por tanto, cómpre implicarse a fondo en combatermos as políticas neoliberais e a negación da nosa soberanía como pobo. Mais tamén é preciso traballar arreo para afortalarmos as ferramentas políticas e sociais necesarias para avanzar na superación do capitalismo e a conquista da nosa independencia nacional.
De aí a aposta que facemos polo BNG como organización referente do nacionalismo de esquerdas. Dun nacionalismo emancipador, das clases populares e implicado socialmente, tal como se concluíu da XIIIª asemblea nacional do BNG. Por moito que houbese sectores que tentaron facer do BNG unha forza política asimilada, de vocación institucionalista e situada nas coordenadas do autononismo.
Parte deses sectores xa esgazaron do BNG nunha escisión “pola dereita” e se están a conformar como alternativa política e electoral ao Bloque. Con todo, e dado que moi posibelmente conten co favor dos chamados poderes fácticos, debemos seguir a reforzar o BNG, desde postulados soberanistas e de esquerda revolucionaria. E reforzalo igualmente de cara ás vindeiras eleccións ao Parlamento galego, nas que tan importante ou máis que impedir a maioría absoluta do PP, vai ser consolidar a presenza do BNG como organización ao servizo das clases populares e da liberación nacional e social de Galiza.