Data: maio de 2011
A profunda crise en que o capital nos ten mergullado a pobos e clase traballadora está a eliminar calquera disimulo na xestión capitalista do mundo. Se no capitalismo tras a palabra democracia non se agocha máis que oligarquía, hoxe xa non hai marxe para a farsa: a total submisión e colisión de intereses dos gobernos dos Estados aos intereses do grande capital non é escondida, senón publicitada como condición imprescindíbel para “saírmos da crise”.
Esa mesma ausencia de democracia opera mediante o alienamento dos poderes dos Estados máis febles fronte ao Directorio europeo formado por Francia ou Alemaña: as soberanías dos pobos fronte ás institucións supraestatais como a UE, o FMI ou o BCE son unha das vítimas desta crise elixidas polos capitais transnacionais: calquera posíbel barreira aos seus designios ten que ser eliminada.
Só así se entende o que acontece: as reunións de ZP cos maiores empresarios do Estado ao día seguinte das reunións da UE é a fotografía impúdica do seu goberno. O goberno estatal do PSOE emprendeu o maior ataque aos traballadores en décadas: contrarreforma laboral, das pensións, da negociación colectiva… E unha Xunta de Galiza do PP só actuante para atacar o idioma, cortar dereitos sociais, desmontar as estruturas públicas e privatizar todo o posíbel. O mesmo podemos dicir da situación internacional, onde o imperialismo actúa sen piedade: a intervención en Libia pretende disciplinar os pobos árabes erguidos en Exipto ou Túnez contra os seus títeres.
Organizar a resposta é no que estamos empeñados no MGS. Responder onde os nosos dereitos son atacados: no mundo do traballo, estudantil e tamén no estritamente político. O sindicalismo nacionalista respondeu aos ataques à clase traballadora coa folga xeral convocada en solitario por 1ª vez pola CIG o 27 de Xaneiro, e mesmo respondendo a nivel estatal co sindicalismo de clase das nacións sen Estado. As eleccións municipais de Maio serán tamén unha boa oportunidade para intervir: votar ao BNG será a expresión da necesidade de ruptura e mudanza con este modelo social.