Data: xullo de 2010
Pasou xa un ano desde que a militancia do Movemento Galego ao Socialismo (MGS) botabamos a andar esta publicación coa intención de abrirmos un espazo de reflexión, debate e intercambio de ideas arredor da loita pola liberación nacional e polo socialismo da que participamos nos diversos ámbitos e sectores onde temos presenza. Agora, un ano máis, o pobo galego está chamado a anegar as rúas compostelás o Día da Patria galega e aproveitamos para brindarvos un novo exemplar.
Nos meses que rodean este, a crise do capitalismo é novamente protagonista xa que as súas repercusións son cada vez máis visíbeis. Non chegando coa crítica situación para os que menos culpábeis somos do caótico resultado dos equilibrios financeiros doutros, vimos de asistir á reforma laboral dun goberno que asume e colabora coa implacábel lóxica neoliberal. Entre outros disparates, o mal chamado Partido Socialista adiantouse aos comerciantes no inicio das rebaixas e comezou por abaratar o despedimento. Non é necesario, pois, ser adiviño para prever que han seguir máis medidas de recorte social cuxo custo irá parar directamente aos intereses das clases populares.
Ademais, canda o auxe dos retrocesos en materia social, non podían faltar as agresións ás nacións sen estado. No caso catalán, sobre o que reflexionamos neste número, a sentenza do Tribunal Constitucional invalida claramente as teses federalistas e proestatutarias e amosan como a independencia é a única solución. Por outra banda, non chegaba con que tiveramos que despedir 2009 sen podermos desfrutar do partido da nosa selección nacional de fútbol, senón que tivemos que apandar cunha vaga de españolismo que, co gallo do mundial, non podía ser reflexo máis visíbel da mesma ideoloxía que agride a nosa lingua e os nosos dereitos como pobo.
Nun escenario coma este, urxe non caermos no conformismo. Por iso, desde o MGS convidámosvos a seguir lendo a nosa revista, acompañarnos este Día da Patria e berrar máis alto e con máis forza: Viva Galiza ceibe e socialista!