Data: xullo de 2016
Afrontamos un novo Día da Patria Galega no soberanismo galego con enormes e complexos reptos. O noso país segue a sofrer, alén da propaganda oficial, as consecuencias da crise capitalista e da falta de soberanía do noso país para enfrentala. Unha exclusión social elevada que atinxe a máis dun cuarto da poboación e que os deteriorados servizos públicos son incapaces de resolver, unha economía que non cría emprego e que segue sendo o reino da precariedade laboral, o que provoca unha elevada emigración, todo isto consecuencia das políticas combinadas da Xunta de Galiza, o Estado español e a Unión Europea. Porén, tamén podemos detectar un leve aumento da mobilización no ámbito laboral, insuficiente ainda para deter a ofensiva do capital.
A nivel político o soberanismo galego non ten aproveitado esta situación para facer crecer o apoio ás súas alternativas na Galiza, achándonos frente a un novo, mais consolidado, cuatripartidismo español. Os sucesivos reveses sufridos no campo eleitoral teñen provocado a apertura dun proceso de redifinición da ferramenta política para a liberación nacional e social, o BNG, cuestións ambas sobre a que reflectimos con profundidade neste número do Arredista: a irreformabilidade do Estado, as nosas achegas a ese proceso de redifinición do soberanismo e a visión destes procesos e da atualidade política que temos desde o MGS teñen cabida neste número.
Igualmente falamos sobre os 10 anos que cumpre no 2016 a organización xuvenil Isca! e debruzámonos sobre a actualidade internacional: analisamos o Brexit e tamén a ofensiva reaccionaria no conxunto de América Latina. Por último, atendemos a cultura cunha entrevista ao redor da música galega e incluímos as habituais recomendacións.