Data: xullo de 2015
Analisar para coñecer, coñecer para planificar, planificar para executar. Eis a mecánica que nos fai avanzar e a única na que acreditamos. A revista que aquí se abre fai parte do primeiro chanzo. Por iso, neste Primeiro de Maio, tiramos do prelo máis un número da Arredista!, o décimo terceiro. E facémolo ademais co obxectivo de celebrar o día da nosa clase, a traballadora, a que xera a riqueza do mundo e fai avanzar a Historia con cada vitoria e cada resistencia.
Este ano, co desemprego disparado; co público a sofrer unha delirante aceleración privatizadora; co Poder dotándose de ferramentas propias do fascismo para nos reprimir cunha man mentres nos indica coa outra o camiño dunhas saídas que non son tal, a nosa análise non varía a respeito de anos anteriores. As aparentes diferenzas que poidan atoparse a respecto de anos anteriores non son máis que as fases que vai queimando un capitalismo en barrena cara ao abismo. Por iso tampouco muda o noso obxectivo, que continúa a ser contribuirmos para a súa superación e para a liberación nacional do noso pobo.
Nesa tarefa primeira de analisar, tratamos, neste número, a situación de shock a que deliberadamente nos someten como clase, a nova vaga de emigración forzada que nos deixa sen a nosa mocidade — mais non só sen ela —, o acelerado declinio social do noso idioma a mans do supremacismo español, o TTIP e as novas formas de destrución que veñen de mans dadas cunha Unión Europea da que urxe afastarse, e as alternativas — reais e ficticias — que temos como pobo e como clase para enfrontar panorama tan desolador, a comezar polas eleccións aos concellos deste maio. E tamén entrevistamos Resul Berti sobre o seu pobo, o Curdistan, artificialmente dividido e que loita por se encontrar e se liberar; e Alonso Caxade, sobre o silenciamento das nosas músicas populares e a necesidade de facer da cultura unha ferramenta do día a día. E aínda fica espazo para ofrecermos catro breves suxestións culturais e unha lembranza ao inspirador Galeano, cuxa ausencia pesa, mais do que continuamos a atopar leccións ás beiras do camiño.