Data: maio de 2014
O 1º de Maio é unha data que serve para lembrarmos a forza que temos como clase traballadora. É unha ferramenta. A que nos lembra tamén a obriga marxista de resolvermos nós a situación de sometemento e autoodio que nos aferrolla como clase, e tamén como pobo. Só comprendendo esta tarefa e usando as propias forzas podemos ser capaces de facer que as convulsións periódicas do capitalismo non se resolvan na nosa contra, convertendo a crise de hoxe na realidade permanente de mañá.
No Movemento Galego ao Socialismo acreditamos firmemente nesa forza. Somos fillas e fillos dela. Por iso loitamos por multiplicala, por erguer unha alternativa capaz de englobar todas as loitas particulares, que sexa capaz de desenvolver unha visión global e que posúa, como nós, o convencemento de que todo está por facer e todo é posíbel. Unha forza que resulte nunha mudanza radical deste sistema, na súa revolución completa. Para que algo novo naza alén desta realidade hostil.
Para iso, para criarmos as condicións en que esa revolución poida chegar a desenvolverse, neste 2014 no que celebraremos a nosa 2ª Asemblea Nacional e no que cumprimos cinco anos, continuamos afortalando no campo político a frente patriótica e de esquerda que é o BNG e tamén a loita sindical na forza obreira que é a CIG. E continuamos analisando o presente e o pasado. E aprendendo para o futuro.
Neste número focamos a nosa mirada no mundo do traballo, tanto na Galiza como no plano internacional, damos luz ao drama da emigración da xente moza, tratamos os retos que encara o BNG nas próximas eleccións europeas, entrevistamos o filósofo marxista Domenico Losurdo, comparamos a lexislación laboral e social venezuelana e española, debullamos realidades ferintes como o retroceso nos dereitos das mulleres ou as montañas de lixo que a Xunta quere ocultar dos nosos ollos e aínda, como cada vez, incluímos as nosas recomendacións de leitura e lecer alternativo e combatente. Mais un Arredista! para continuar a loita por mudalo todo.