Data: xullo 2009
O Movemento Galego ao Socialismo é unha organización xoven aínda que somos o resultado da maduración de varios anos e de debates en torno á recuperación dos valores históricos do nacionalismo galego. O camiño non foi precisamente doado mais agora estamos, ao cabo, na etapa de construción da ferramenta e dotandonos ao mesmo tempo dos meios necesarios para ser úteis aos nosos ideais revolucionarios e ao noso pobo.
Nese contexto é que nace a revista Arredista, como unha publicación para o debate político e a reflexión en torno á loita polo socialismo, o nacionalismo, a solidariedade internacionalista, os movementos sociais ou as loitas sectoriais. Unha revista que, sen unha periodicidade definida, pretendemos dar continuidade e consolidar como referente galego e de clase.
Esta revista e a edición do voceiro Mais alá! fan parte, polo tanto, do proceso de consolidación medre organizativo no que está envolto o MGS e do que tamén forman parte as reunións e presentacións en diferentes comarcas e localidades do noso país, a formalización das asembleas locais e zonais e que terá o seu remate -sendo ao tempo un novo comezono I Encontro Nacional que imos celebrar o vindeiro 3 de outubro. Teremos ocasión de debater demoradamente sobre o modelo organizativo mais acaido, sobre o momento histórico de inflexión que vive o nacionalismo galego ou o papel central dos movementos sociais galegos.
Ademais de todo o anterior desde este mes de xullo contamos na capital de Galiza co que é xa o noso local nacional e que contribuirá tamén a reforzar o noso papel como corrente política organizada.
Finalmente cremos que todo o anterior constitúe unha tarefa ilusionante na que se precisan muitas mans e muitas cabezas que traballen arreo para erguer un espazo político radical e coerente pola soberanía nacional e o socialismo, sen complexos nen atallos e con incidencia real no país.