Apuntamentos con Catalunya ao fondo

Aínda sendo consciente das urxencias que hoxe ten o nacionalismo político en Galiza, con importantes debates abertos no seo do BNG, gustaría de compartir estoutras reflexións (se cadra, máis de fondo) que teñen a ver co proceso soberanista catalán e con algunhas das súas chaves políticas en relación a nós, nacionalistas/soberanistas/independentistas galeg@s.

Acordo Junts pel Sí – CUP. Case no tempo de desconto, e despois dunha negociación longa, laboriosa e non exenta de dificultades, Junts pel Sí e a CUP puideron chegar a un pacto político que, en última instancia, garantía que se conformase un novo goberno para Catalunya. E con iso, a maioría parlamentaria soberanista saída das eleccións do 27-S mostraba a súa disposición a abrir  unha fase postautonómica (ou preindependentista) para o Principat, fase que ten como estación de chegada unha República catalá. Ante ese feito, en certa maneira histórico, é de salientar o contraste entre o silencio e a incomodidade dalgúns (mesmo de forzas galegas que se declaran formalmente nacionalistas e/ou independentistas), e a satisfacción que outros/as tiñamos e mesmo manifestamos publicamente (redes sociais, etc.) polo acordo obtido e polo que este acordo viña a supor, en canto a evitar que o proceso soberanista catalán encallase, se cadra de xeito irreparábel no curto e medio prazo. Para alén disto, tamén parece previsíbel que o paso adiante do proceso soberanista catalá sexa respondido desde os poderes do Estado cunha nova volta de parafuso á ofensiva recentralizadora hai tempo iniciada.

Unanimidade español(ist)a. Sen apenas matices diferenciais, os catro principais partidos do arco parlamentario español (PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos) saíron a manifestar o seu rexeitamento ante o acordo político das forzas catalás. Feito que resulta moi revelador do auténtico papel que xogan -e seguirán xogar- por suposto os dous partidos que durante máis tres décadas foron o esteo bipartidista do Estado español, mais tamén os outros dous partidos que, de xeito fulgurante, se incorporaron ao escenario político-electoral. Ese papel non é outro que o de seren garantes da “unidade de España”, certamente coa diverxencia ideolóxica que orienta as posicións políticas duns e outros. E nese sentido, semella ser máis eficaz –en termos de persuasión política- o discurso hábil mais impostado de Podemos, con chiscadelas á diversidade (como aquel primeiro PSOE que xa nunca volverá), que o cavernario que axita o Partido Popular ou o seu clon político, Ciudadanos. Unha formación política, Podemos, que quedou frustrada e co pé cambiado ante o acordo entre Junts pel Sí e a CUP, posto que xa se relambía ante unha nova convocatoria electoral en Catalunya na que aspiraban a ser a forza determinante na conformación dunha nova maioría e, polo tanto, a poder reconducir ou directamente facer naufragar o proceso soberanista catalán.

A ruptura é Catalunya. Se hoxe hai algunha ruptura posíbel no Estado español, esta vén pola banda do soberanismo (e nomeadamente, o catalán). É unha inxenuidade ou unha ensoñación pensar que, coa actual correlación de forzas, e mesmo habendo quen o propuxese de maneira honesta (cousa que cómpre pór en dúbida), hoxe é viábel un escenario de ruptura no Estado español que signifique a apertura dun proceso realmente constituínte que poña en cuestión as bases políticas e institucionais do actual Estado, e moito menos as económicas. Nese sentido, só hai que pensar nas escasas voces que hoxe cuestionan a cerna da Unión Europea (UE), polo seu carácter e natureza imperialista e ao servizo do poder oligárquico, ou a mesma OTAN, brazo armado dos intereses do capital e a maior ameaza existente hoxe á paz mundial. E entre estas voces, desde logo, non está Podemos, que se mira no espello deformado da realidade do novo goberno grego, igualmente sometido á Troika, tras a triste capitulación de Syriza. Sería unha quimera pensar que nunha sociedade como a do Estado español, tan golpeada pola crise (nos seus sectores máis populares) como desmobilizada, poida prender hoxe a faísca dunha mudanza minimamente transformadora ou xa non se diga revolucionaria. O cal non quere dicir que, desde o propio sistema, non se estean prevendo movementos perfectamente controlados que inclúan cambios (leve afrouxamento nas políticas de austeridade, medidas contra a corrupción institucional, etc.) que sexan perceptíbeis para a maioría social, mais sempre dentro dunha orde, a que propugnan os poderes realmente existentes (a oligarquía financeira e económica do Estado). Poderes que contan co principal instrumento de control social, os medios de comunicación, o verdadeiro cabalo de Troia da ideoloxía dominante nunha sociedade. Uns medios de comunicación que foron fundamentais, por exemplo, na conformación dunha grella de saída nas pasadas eleccións xerais unicamente composta por catro forzas políticas (PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos), querendo modificar o tradicional comportamento bipartidista (hoxe en devalo) por un tetrapartidismo (coa incorporación ao taboleiro de dous actores de novísimo cuño, Podemos e Ciudadanos, como recambio posíbel) que sexa garantía para que nada mude ou, de mudar, que o faga apenas no sentido lampedusiano do termo, “para que nada cambie”.

Catalunya e cinco leccións para o caso galego. Vaia por diante a constatación de que as realidades nacionais catalá e galega non son homologábeis, como froito dun desenvolvemento económico, político, sociocultural, institucional, etc., ben diferente ao longo de séculos. De igual maneira, sería unha temeridade establecer paralelismos entre as forzas políticas que operan, na actual conxuntura histórica, en terras catalás e as que operan no noso país. Aclarado isto, é posíbel –ao meu ver- tirarmos algunhas conclusións, a xeito de leccións, do que acontece en Catalunya:

1ª.- A autoorganización é un factor chave á hora posibilitar un proxecto soberanista. Contar con organizacións propias, que só respondan ante o pobo do que emanan, é condición indispensábel para calquera avanzo dun proceso de construción nacional. Contrariamente a isto, renunciar á autoorganización leva inexorabelmente a que un proxecto soberanista non pase de formulación teórica ou de simple consigna sen maior percorrido. Asociada á autoorganización, está a idea dá confianza nas forzas propias e, por tanto, na viabilidade do proxecto en si e a capacidade para o emprender e levar a bo porto.

2ª.- O nacionalismo, o soberanismo, tende a ser plural nas súas expresións organizadas, o cal non quere dicir que non deban existir pontes de entendemento entre esas expresións ou mesmo espazos de traballo conxunto, que as diferentes militancias poidan partillar e ir creando complicidades futuras. Nese sentido, parece claro que a unidade (de acción e, se cabe, orgánica) pode ser necesaria, mais só é posíbel desde o respecto e o recoñecemento mutuo. Porén, esta só existe se se dá tanto no plano estratéxico (a soberanía; no caso catalán, a República catalá) como no terreo do concreto, isto é, cuns obxectivos perfectamente declarados e asumidos. Polo tanto, a cuestión da unidade nunca se pode converter nun fetiche, que ao cabo termine por alimentar ilusións vas e por xerar  frustración e confusión a partes iguais.

3ª.- A mobilización social é un dos elementos catalizadores dun proceso soberanista, ao tempo que tamén pode e debe ser garante do avanzo dun proceso, máxime cando a complexidade no plano político-institucional pode facer que este se paralice. A experiencia di que as conxunturas electorais adoitan ser terreo abonado para a confrontación, de aí que sexa necesario que exista un espazo mobilizador (movemento social) que actúe de xeito permanente e que non estea “contaminado” polos avatares do calendario político e electoral. Os perfís deste movemento social semella obvio que non poden ser tan marcados como os das forzas políticas actuantes, para permitir unha acumulación (social) de forzas que contribúa a facer viábel o proceso soberanista e que este comprenda unha maioría social todo o ampla que se poida.

4ª.- Faise precisa unha correcta combinación do táctico e o estratéxico. Tan crucial é ter a honestidade política de declarar o horizonte estratéxico que se persegue (a soberanía, chámese independencia, República…), como de deseñar e desenvolver todos e cada un dos pasos tácticos que se requiren. O proceso soberanista catalán tamén deixa ver que cómpre que se queimen etapas, polo ben da propia maduración do proxecto. Mais tamén resulta evidente que a adecuación táctica necesaria en cada momento non pode comprometer nin o seguinte paso táctico, nin moito menos pode entrar en colisión cos fins estratéxicos. As tensións entre o táctico e o estratéxico –e, sobre todo, como se resolvan estas- adoitan ser determinantes para os ritmos do avanzo dun proceso. Boa mostra disto foron as que se produciron en Catalunya entre os dous actores políticos principais (e mesmo no propio seo destas formacións), a CUP e Junts pel Sí, que finalmente se resolveron nun novo paso táctico, posibelmente indispensábel para evitar a non paralización do proceso.

5ª.- Hoxe non existen no Estado español interlocutores políticos que posibiliten (tendo en conta os catro grandes actores políticos existentes), desde parámetros de respecto democrático, o desenvolvemento dun proceso soberanista das nacións do Estado. Nin sequera Podemos (que recorre continuamente no plano dialéctico ao chamado “dereito a decidir”) ten intención ningunha de que ese dereito –o dereito de autodeterminación dos pobos- se poida exercer no Estado español. Polo tanto, e esa é a experiencia do caso catalán, a unilateralidade é a base dunha folla de ruta que verdadeiramente camiñe cara á independencia de cada unha das nacións. De aí a importancia de ampliar a base nacionalista/soberanista (non estritamente de militancia partidaria), co fin de garantir unha maioría social (que antes ou despois tamén se expresará electoralmente) que faga posíbel, máis cedo ca tarde, a proclamación da “república dos nosos soños”, a República galega.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde