Aos heroes lémbraselles sen bágoas

O falecemento do Comandante Fidel Castro pecha unha porta aberta en 1959 por unha heroica xeración que devolveu a dignidade e conquistou a segunda independencia para un pobo saqueado e maltratado polas gadoupas do imperio español e estadounidense.

Esta porta aberta en 1959 levou á maior das Antillas o acceso universal á sanidade, vivenda, educación e servizos sociais, uns índices culturais sen comparación e un desenvolvemento humano recoñecido por diversos organismos internacionais. Pero se xa de por si estes logros son motivo de orgullo para todas as persoas que traballamos pola xustiza social, hai dous factores que incrementan a heroicidade do pobo cubano: o primeiro é a conquista dun elevado benestar social baixo o criminal bloqueo económico imposto polos Estados Unidos de América, tratado en Cuba coma o xenocidio máis longo da historia. O segundo, o avance no eido social nunha rexión sacudida polas políticas neoliberais que conlevaron graves desigualdades para a poboación. Así, a economía planificada conseguiu que dos millóns de nenos e nenas que dormen a diario nas rúas de América Latina como consecuencia das violentas políticas impostas polo FMI, ningunha sexa cubana. En definitiva, Cuba demostrou que o socialismo é posible mesmo en condicións sumamente adversas.

Sen embargo, un dos maiores logros deste proceso revolucionario foi a conquista dunha patria independente e soberana en transición ao socialismo ás portas dos Estados Unidos de América, conquista que segue vixente pese á queda do campo socialista e o regreso a un mundo de dominación das relacións económicas capitalistas. A alternativa patriótica e soberanista plantexada por Fidel foi sabotada sistematicamente pola intervención militar, ataques terroristas, guerra bacteriolóxica e un bloqueo económico que continúa vixente no ano 2016. Porén, a Cuba de Fidel ensinou que hai camiño alternativo ao construído por órganos de dominación imperial e disciplinador de gobernos, como é o FMI.

Baseándose na consigna de José Martí “Patria é humanidade”, Fidel Castro ensinounos que ser internacionalista é saldar a nosa propia débeda coa humanidade. Dicía que quen non sexa capaz de loitar por outros, non será nunca capaz de loitar por si mesmo. Esta consigna non foi unha mera afirmación teórica, senón que o legado do Comandante estendeuse por todos os continentes do planeta. Así, Cuba contribuiu activamente na loita antiimperialista e anticolonial das nacións africanas fronte as políticas imperialistas e racistas. Promoveu a formación profesional de médicos e profesores en América Latina, África, Asia e Europa. As misións médicas en países onde non existía a atención sanitaria universal esténdese ate a actualidade, cunha presenza notable de médicos cubanos en nacións como Haití.

O home máis calumniado da historia e que sobreviviu a máis de 600 intentos de asasinato, deixa o servizo aos humildes como legado. Adicou cada día da súa vida a mellorar a vida dos demais, confrontando agresións imperialistas e poñendo a política ao servizo dos que historicamente foran excluídos.

Que quede claro que a Revolución Cubana non desaparece coa partida física de Fidel. Hoxe ábrese outra porta onde as novas xeracións asinaron o compromiso de continuar a ardua tarefa da construción do socialismo. Non choramos a súa perda porque, como di Silvio Rodríguez, a súa luz é inmortal e sempre será o inspirador dos nosos soños. O legado do Comandante seguirá presente en todas as persoas empeñadas en edificar unha sociedade humanista, xusta e plenamente soberana.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde