Amancio Ortega é ademais de por veces o home máis rico do mundo, o exemplo que o sistema coloca no seu discurso para a construción de referentes empresariais e sociais cun relato que consegue fusionar os diferentes resortes do capitalismo para branquear o seu proceso de explotación e acumulación.
A idea principal que se coloca no taboleiro é que calquera pode conseguir o que queira nun sistema económico baseado nas oportunidades e que só o esforzo e o traballo persoal determinan a capacidade para triunfar no capitalismo. O sistema precisa tinguirse desa pátina democrática que outorga ao individuo capacidades ilimitadas de oportunidades pois só así se consegue desmontar a idea dos intereses colectivos e colocar a responsabilidade individual no centro do taboleiro económico. Así un home “feito a si mesmo” e que “construiu un imperio dende cero” convértese nun modelo social a imitar mentres se ignoran todos os mecanismos de explotación imprescindíbeis para construír unha maquinaria económica como Inditex baseada na explotación laboral das mulleres, maioría de traballadoras na industria do téxtil.
O capitalismo emprega un relato romántico e coraxoso que faga do proceso de acumulación e enriquecemento unha historia de superación para que o relato de fantasía consiga imporse á realidade: destrución local dun sector económico, creación dunha empresa transnacional que desloca a produción e fai uso da explotación dende Galiza a Brasil pasando por Bangladesh, confección dun produto que se vende a baixo custo no mercado de consumo mundial capitalista, proxección social dun modelo empresarial depredador, política de comunicación para crear unha imaxe positiva de quen emprega a explotación laboral como negocio e a filantropía como campaña de marketing permanente.
Mais a realidade é teimuda e amosa con crueza o que se intenta agochar, que o capitalismo se basea na explotación como mecanismo para reproducir o seu modelo económico. E non cómpre mirar a como se explota as traballdoras dos países empobrecidos onde se deslocan as fábricas ou se subcontratan servizos para falarmos de explotación laboral, basta con percorrer os pequenos talleres semi clandestinos que existen en Galiza cos que subcontrata Inditex para ver as condicións laborais e de traballo de centos de costureiras galegas, con horarios interminábeis por salarios miserentos que son as que coa súa forza de traballo e o desgaste da súa saúde e corpo xeran a riqueza que Amancio Ortega acumula.
Esa empresa que a prensa do sistema vende como creada da nada basea o seu crecemento económico na destrución da industria téxtil local. Pasou nos 90 na Galiza cando agromaron os talleres subcontratados en exclusividade para coser para Inditex que fixaba os prezos e as condicións e que foron pechando paulatinamente a medida que o traballo se foi deslocando para reducir custos a costa dos salarios das traballadoras nos países empobrecidos.
Países como Arxentina e Brasil denuncian continuamente a situación dos talleres de costura cos que subcontrata Inditex e as pésimas condicións laborais das súas traballadoras, Marrocos é un dos exemplos máis destacados -65 horas semanais por apenas 178- mais non o único pois o deslocamento para reducir os custes de produción desta empresa estan presentes no Magreb, Bangladesh, a India onde tamén se serve da explotación infantil ou Turquía onde mesmo se denuncia que exiliadas e desprazadas polas guerras imperialistas traballan explotadas para esta empresa.
A explotación laboral e o deslocamento da produción na que se basea o modelo Inditex ocúltanse no relato público baixo a permanente campaña mediática de promoción do modelo Inditex como un modelo empresarial e social que non só fai de Amancio Ortega un dos homes máis ricos do planeta senón que contribúe ao beneficio coletivo a través das aportacións filantrópicas deste en forma de doazóns para diferentes proxectos sociais como guarderías ou equipamento sanitario. Mais a realidade volve deitar sobre ese relato heroico a verdade: a creación de todo un entramado burocrático para a evasión fiscal polo que as doazóns e achegas filantrópicas son un lavado de cara ante os millóns de euros evadidos a través da enxeñería fiscal.
O éxito do modelo Inditex como modelo social e empresarial amosa como todos os poderes públicos traballan para reforzar o sistema capitalista e o discurso dominante no que a clase traballadora é apenas a forza de traballo imprescindíbel para o enriquecemento da clase dominante. As clases dominantes despregan o seu control de todos os espazos de poder -económico, institucional, mediático- para presentar un modelo depredador e inxusto como exemplo.
Na Galiza o goberno do Partido Popular da Xunta de Galiza e gobernos de distinto signo nalgúns Concellos relaciónanse co empresario ou inauguran escolas infantís, centros de día e equipamento sanitario da man de Inditex ,convertendo o marketing e os mecanismos de evasión fiscal en desinteresadas doazóns para devolver á sociedade a riqueza que dela se extrae. Os medios de comunicación, adecuadamente financiados pola publicidade da transnacional, louvan un modelo empresarial que non para de crecer obviando que se sustenta na explotación de miles de mulleres e homes en todo o planeta.
E mentres o sistema desprega as súas armas de propaganda, na Galiza e no mundo crecen as voces críticas que sinalan o modelo Inditex como modelo de explotación capitalista e que reclaman o fin da explotación das traballadoras e traballadores. Voces que denunciamos que non hai retorno social posíbel dende un modelo baseado no empobrecemento e na desposesión de miles para enriquecer a uns poucos, que non hai agradecemento posíbel ante a creación dun emprego precario baseado na explotación e no abuso de impor condicións extremas para o control do mercado, un modelo que fomenta un modelo de consumo capitalista que produce bens con escasa vida útil e fomenta a extinción dos recursos naturais para se manter en crecemento, un modelo que ademáis, e sobre todo, precariza a vida das mulleres nos países explotadores e as explota nos países empobrecidos, promovendo aliás o fomento dos estereotipos de xénero en relación ao corpo das mulleres, alimentando o mercado da moda que estigmatiza a diversidade dos corpos e persegue un modelo único de beleza que oprime as mulleres.