Vivimos un presente de constante ataque aos nosos dereitos, os dereitos das mulleres. Un ataque perpetrado desde todos os poderes do Estado español, que nos devolve á posición de perpetuas nenas necesitadas de protección. Un ataque que se materializa na privación do dereito a decidir sobre os nosos corpos.
O poder nunca nos permitiu a plena soberanía sobre as nosas matrices. Ao contrario, ocupouse detidamente de nos converter en mero recipiente obrigado por imperativo da natureza a albergar vida. Sufrimos a aldraxe da primeira lei do aborto, a “lei de supostos”. Semellaba que debíamos sorrir pola despenalización nos tres supostos: o terepéutico, por risco grave para a saúde física ou psíquica da muller; o criminolóxico, isto é, en casos de violación, previa interposición de denuncia; e o euxenésico, para os casos de malformacións no feto. Os abortos practicados fóra destes supostos estaban penados con prisión tanto para a muller que interrumpía o seu embarazo como para os médicos que lle practicaban o aborto.
No 2010 viu a luz a LO 2/2010, máis coñecida como “lei de prazos”, que despenalizaba a interrupción do embarazo até as 14 semanas, sen necesidade de que concorrese máis suposto que a libre decisión; aliás, nos supostos de risco grave para a saúde ou a vida tanto da muller como do feto, o prazo medraba até ás 22 semanas, poidendo interromperse des- pois dese tempo tan só se o feto tiña trastornos incompatibles coa vida ou enfermidade “extremadamente grave e incurable”. Non sendo a nosa lei ideal, as feministas consideramos a súa aprobación un importante avance na conquista dun dos dereitos máis importantes das nosas vidas.
Hoxe o debate sobre o aborto está no centro das axendas políticas, como consecuencia da presentación por Gallardón do anteproxecto de lei que suporá a derrogación da normativa vixente, traducíndose nun evidente endurecemento das condicións, eliminando a posibilidade das primeiras 14 semanas. Plantéase o retorno á regulación por supostos, que ameaza con penas de cárcere a aqueles facultativos que practiquen abortos fóra dos casos estipulados legalmente.
Aliás, o anteproxecto obxecto de debate bate de xeito moi duro contra os dereitos das rapazas de entre 16 e 18 anos, que precisarán de con- sentimento paterno para interromper o seu embarazo ou, no seu defecto, de autorización xudicial. A dereita infantiliza as rapazas destas idades, mais de xeito maniqueo, posto que as considera inmaduras para afrontar por si mesmas a decisión de interrumpir o seu embarazo, mais mantendo que son abondo adultas para decidir, sen o consentimento de ninguén, non abortar e parir ese fillo ou filla. Daquela, que maior responsabilidade hai que criar unha cativa? Os verdadeiros argumentos da dereita son outros.
Así, fica patente máis unha vez a política retrógrada e machista do Partido Popular. En vez de procurar métodos de prevención, apostar pola educación sexual desde idades temperás, a dereita gobernante opta por eliminar todo atisbo destes contido nas escolas públicas através da LOMCE (eliminando a materia “Educación para a Cidadanía”, que malia non ser perfecta, constituía o único achegamento, no currículo escolar, a estas materias). Deste xeito, converten de novo a cuestión da educación sexual nalgo puramente privado, ao arbitrio de cada familia, esque- cendo que é precisamente a conscienciación e o coñecemento o único que posibilita a diminución do número de embarazos non desexados e, por ende, dos abortos practicados.
Non podemos tampouco esquecer que o Partido Popular na Galiza, aprobou dúas Leis: a 5/2010, pola que se regula unha rede de apoio á muller embarazada, e a 3/2011, de apoio á familia e á convivencia de Galiza, creadas ámbalas dúas ao abeiro da aprobación dunha Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola Red Madre e a Plataforma do Foro Español de la Familia. Desde entón , no noso país, o labor de información e asesoramento ás mulleres recae en entidades privadas de carácter relixioso, costeando con fondos públicos a súa propaganda antiabortista.
Cando afirmamos que unha lexislación restritiva dos dereitos sexuais e reproductivos afecta especialmente as mulleres de clase traballadora non repetimos unha consigna: poñemos de manifesto unha realidade tanxíbel. Preguntémonos: Quen aborta? Abortamos todas. Mulleres de clase traballadora e mulleres de clase alta, todas interrompemos os nosos embarazos cando son non desexados. Pero cando o aborto é garantido na sanidade pública, gratuíto, elimínase a fenda de clase; porén, cando se penaliza, obrígase as mulleres con menos recursos a practicalo nas marxes do sistema. Aquelas que contan co diñeiro necesario poderán realizar viaxes, como se fixo historicamente, a países con lexislacions menos restritivas, onde practicar o aborto de xeito seguro e anónimo. Porén, a muller traballadora a tempo completo, nai doutros cativos, sen cartos abondo para financiarse non xa o billete de avión senón a custosa operación e a estancia noutro Estado, que fará esa muller? Ou a vítima de violencia de xénero, que fará? Ou a adolescente sen autonomía económica. Ou a universitaria violada polo seu compañeiro. Ou calquera outra muller que non dispoña dos ingresos abondo. As mulleres de clase traballadora seguirán abortando, como se fixo sempre, mais por outros métodos, perigosos para a súa vida, como a ruda, o pirixel ou unas clínicas clandestinas pouco seguras, co evidente risco de complicacións médicas que mesmo poden rematar na morte.
Aliás, é evidente que o impedimento do aborto en supostos de malformación fetal suporá un duro golpe nas vidas e dereitos das mulleres de clases populares, aquelas que non contan cos recursos, nada desdeñábeis, precisos para atender un cativo ou unha cativa con necesidades especiais. A xa maltreita economía da muller traballadora impedirá tanto que as súas fillas e fillos teñan unha atención digna e específica ás súas necesidades, como que o papel da muller pasará a ser, única e exclusivamente ao de nai parada coidadora.
A limitación dos dereitos sexuais e reprodutivos que se pretende impor através deste anteproxecto de lei afecta a todas as mulleres, mais golpea con máis dureza nas clases traballadoras. Por iso é máis necesario que nunca axir con forza e nos rebelar, esixindo como fixeron as nosas nais e avoas o dereito ao aborto libre e gratuíto.