A venda do corpo, a vida e os deseños

Segundo a OMS, temos o dereito de controlar o noso corpo sen inxerencias; mais, baixo o capitalismo, o corpo contémplase como un obxecto do que extraer beneficios. Paralelamente, o patriarcado subordina o corpo da muller aos desexos do home. Dende a súa orixe, o capitalismo e o patriarcado teñen actuado de xeito articulado, polo que a opresión que o sistema social exerce sobre os corpos é o resultado da acción conxunta de factores de clase, xénero e tamén raza, xa que o colonialismo reforza esta alianza. Neste momento, a globalización ameaza coa mercantilización descontrolada dos corpos, reforzando a crenza patriarcal de que o corpo da muller non é máis que un obxecto intercambiable.

Cando a tendencia capitalista a mercantilizalo todo vén precedida pola cousificación dos atributos humanos, incluída a corporalidade, faise complicado establecer os límites. Nun contexto individualista, as clásicas consignas polo dereito ao aborto que pedían autonomía sobre o propio corpo convértense nunha arma de dobre fío. No ámbito da xestación subrogada, o dereito a decidir non busca evitar inxerencias de sectores patriarcais nin o recoñecemento de dereitos sexuais e reprodutivos; máis ben pretende facer do lucro mediante o aluguer do propio corpo e da vida un dereito, malia se tratar de decisións tomadas por factores económicos.

Baixo o pretexto do dereito a decidir, reclámase o dereito á maternidade/paternidade. Un dereito que non existe. Pola contra, existen e están recoñecidos o dereito á dignidade e á integridade física e moral da mulleres, ou o dereito dos menores a contar con tutela para non seren tratados como mercadoría. En todo caso, o desexo de exercer a maternidade xamais debera supor un prexuízo para terceiras persoas. No caso de dificultades biolóxicas ou outros supostos, existen opcións das que se deberían reclamar melloras. É certo que os procesos de adopción son longos e esixen requisitos exacerbados, pero moitas persoas non contemplan esta opción simplemente por se tratar de pequenos que non herdarán a súa propia xenética. Argumento egocéntrico, narcisista e pouco ético cando nalgúns países incluso se permite seleccionar o sexo do bebé.

Os sectores afíns ao alugueiro de ventres tentan xustificar esta práctica apelando ao suposto altruísmo da xestante, que só se podería asegurar nos países nos que a xestación subrogada se limita a familiares (unha minoría); mais aínda nestes países está contemplado o pago dos gastos xerados por embarazo e parto. Gastos desorbitados para unha actividade baseada na filantropía. No canto da boa vontade, o que motiva este acordo na maior parte dos casos é unha relación de poder. Cando os destinos preferidos polos europeos para alugar ventres son países depauperados, con salarios ínfimos e en moitos casos en situacións sociais críticas, determínase perfectamente o perfil da xestante e o dos contratantes, e a posición privilexiada destes últimos con respecto á xestante. A precariedade é incluso signo de seguridade para os compradores, xa que unha xestante en situación crítica non se pode permitir rescindir o contrato. Resultado da alianza entre imperialismo e patriarcado, maximízase o negocio e arrebátaselles a dignidade a estas mulleres, quen son tratadas como gando.

Os defensores desta práctica tachan de moralista calquera tipo oposición, e escúdanse na liberdade individual para xustificar a mercantilización do corpo e a vida dunha muller durante 9 meses, ou mesmo para lle poñer prezo á vida dun cativo. Este tipo de argumentos pódense aplicar tamén noutros preceptos como a trata, o tráfico de órganos, ou mesmo a prostitución, con maior aceptación social nos ámbitos da esquerda feminista, mais baseada na mesma premisa de mercar o corpo e a intimidade.

A concepción da prostitución como unha práctica feminista, empoderadora e liberadora é aceptada só dende unha óptica neoliberal na que o feminismo ten como único obxectivo o empoderamento, case como unha práctica de autoaxuda e loa ao crecemento persoal individual, pero sen ter en conta que o que empodera unha muller pode prexudicar todas as demais, fomentando estruturas de dominación e reforzando o sistema.

Cando unha persoa aluga o corpo doutra, asígnalle a categoría de obxecto de consumo. Ademais, a relación de prostitución habitual reafírmase na desigualdade entre homes e mulleres ao identificar a muller co obxecto de desexo e o home como suxeito do mesmo. A relación remata cunha transacción económica da que habitualmente se lucra outro home, o proxeneta. Alén diso, o feito de manter relacións sexuais sen ter en consideración o desexo da outra persoa reforza unha vez máis as relacións de poder. Adoitan ser ademais relacións violentas, sendo elevadas as cifras de feminicidio en prostitutas, aínda que para o estado non computen como tal. Os negocios satélite da prostitución alimentan este círculo no que a venda do corpo e a intimidade como orixe da actividade económica xera violencia. Por unha banda a trata, que baixo a explotación e negación do individuo se alía co imperialismo para nutrirse de camadas sociais que non están en condicións de optar a un emprego. Pola outra a pornografía, o marketing da prostitución, que malia as imaxes fortemente sexualizadas ou xenitalizadas, pouco ten a ver coa sexualidade. A carga sexual non se establece entre as partes involucradas, se non entre a persoa que observa e o obxecto sexual que se presenta. Isto contribúe a que se cree unha imaxe violenta do sexo que se reproduce na intimidade.

En definitiva, o corpo é unha ferramenta para o intercambio físico co mundo do que facemos parte. Defínenos como seres vivos, pero non só. Este corpo-suxeito ten tamén un aspecto íntimo e un aspecto social, que entre outras cousas xestiona o xeito no que as relacións físicas teñen lugar e identifícanos como individuos. É por iso que a venda ou alugueiro do propio corpo non representa empoderamento, senón que dificulta que vivamos e nos relacionemos de xeito san. A liberdade nas relacións sexo-afectivas e no uso do propio corpo debera estar sempre determinada polo consentimento e a voluntariedade, e ser independente de todo lucro.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde