A sanidade: un dereito que está en xogo

As medidas que nos últimos anos os gobernos do PP veñen aplicando, desde a Xunta e o Goberno central, baseadas no retallo de dereitos la borais e sociais, non son consecuencia da crise, senón produto da aplicación do seu ideario neoliberal, da máis resesa extrema dereita. Estas políticas levan a clase traballadora a unha situación de diminución da súa capacidade adquisitiva, desprotección social, precariedade laboral e carestía de vida. En dúas palabras: ao empobrecemento e marxinalidade.

Entre as medidas máis agresivas, polas consecuencias que ten sobre a vida das persoas, están todas as que teñen que ver coa educación, o benestar e a sanidade, xa que implantan un modelo que non asegura o acceso e permanencia a quen non ten recursos económicos abondo. Polo tanto racha co modelo público, esmagando o xa de por si precario estado de benestar.

A ofensiva privatizadora do RD 16/2012 sobre a sanidade supón un cambio de modelo, xa que modifica o concepto de atención sanitaria tal e como coñeciamos até o de agora, asimilándoa ao modelo Bismark instaurado en Alemaña, Austria, Francia, Bélxica ou Holanda. Este cambio de modelo racha os piares básicos da nosa sanidade, no que se refire ao acceso a esta sanidade, entre os que cabe destacar: a universalidade, equidade, gratuidade e carácter redistributivo. Mais tamén modifica a planificación da sanidade onde o criterio médico científico queda supeditado ao criterio económico.

A sanidade como negocio.

A sanidade pública, onde o acceso era igual para toda a poboación con independencia da situación económica e laboral, e de forma totalmente gratuíta, xa é historia.

Deixa fóra da atención sanitaria a inmigrantes non regularizados e persoas que non cotizasen nunca (unha vez que cumpran os 26 anos), que poderán acceder só a servizos de atención urxente e carecerán de médico de cabeceira, que poida facer seguimento da historia clínica para a detección precoz de enfermidades ou a prevención para evitar a súa aparición, tal como promoven organismos como a OMS.

Rebaixan os servizos básicos aos que acceder, tendo que pagar mediante copagamento e aseguramentos privados polos servizos non incluídos na carteira básica. Dá entrada ao repagamento, mal chamado copagamento. Mercantilízase a sanidade coa exclusión e privatización de ser- vizos ofertados antes na sanidade pública. Ou sexa, a sanidade deixa de ser un dereito e pasa a ser un negocio. Isto dificulta que a sanidade se planifique en función da poboación e que si se faga en beneficio das aseguradoras e empresas privadas que presten o servizo.

O chamado medicamentazo amplía o copagamento farmacéutico, coa obriga de que as persoas pensionistas paguen os medicamentos. Antes estaban exentos. Esta medida non é redistributiva, como eles pretenden, xa que se distribúe a reforma do copagamento en tramos de renda moi dispares, onde se trata igual a persoas con dificultade a chegar a fin de mes que aquelas con salarios de 7.000 /mes. E, o que é mais importante, non exclúe do copagamento a quen menos ten.

Ademais, elimínanse do financiamento publico máis de 400 medicamentos de uso habitual, sendo deste xeito maior a contía que teñen que desembolsar as persoas enfermas que son as máis afectadas.

As organizacións en defensa da sanidade pública cualifican estas medidas de imposto a enfermidade, xa que se penaliza a quen máis precisa acceder á sanidade, os doentes, así como a quen menos recursos ten: os pensionistas e enfermos crónicos.

Cómpre, así mesmo, lembrar o maior proxecto privatizador de lexislatura Feijóo na sanidade galega, que non o único, o novo Hospital de Vigo. Utilízase o modelo PFI de colaboración público-privada utilizado para construílo e posteriormente xestionar os recursos. Deste xeito hipotécase a sanidade pública galega durante máis de 20 anos, período polo que se asinou a concesión. Este proxecto foi, desde o seu inicio, minguando en superficie, servizos e camas dispoñíbeis, aínda que non en orzamento. Este modelo, como se viu en Inglaterra, ou máis recentemente en Valencia, Mallorca ou Madrid, demostrou ser menos rendíbel que a xestión pública que coñecemos; produciuse unha diminución de persoal e un empeoramento nos servizos prestados.

Empeoramento de condicións laborais: empeoramento de servizos

Nos últimos anos os e as profesionais da Sanidade, ao igual que os do resto da administración pública, vimos de sumar continuos recortes nas nosas condicións de traballo. Á chamada “conxelación salarial”, que diminuíu de forma significativa a nosa capacidade adquisitiva, temos que lle sumar o 5% que se nos rebaixou na lexislatura anterior polo Goberno do PSOE. Máis recentemente debemos engadir a eliminación de días de libre disposición (moscosos), para incrementar a nosa xornada laboral e a eliminación dunha paga extra. Isto mediante unha campaña de desprestixio contra as e os traballadores da administración, argumento que o PP utilizou no propio debate do RD 20/2012 de recente aprobación.

A perda de salario, incluída a paga extra, supón da orde dun 12% menos de ingresos, tendo que asumir como o resto da clase traballadora a suba do IVE e o incremento do IRPF, dificultades ao acceso a créditos ou hipotecas. Situacións que se agravan cando se ten que vivir dun salario na unidade familiar. Sobre nós pesa, ao igual que na empresa privada, a ameaza da perda do posto de traballo. Tampouco igualar por abaixo nas condicións laborais, en precariedade, beneficia aos traballadores/as do sector privado. Non somos, como algúns pretenden, privilexiados. Todo isto é unha falacia e o discurso interesado do sistema para dividir e debilitar a clase traballadora.

As medidas que se aplican ao sector público teñen grande repercusión sobre o resto da sociedade. Das vacantes só se van cubrir un 10%; isto supón unha mingua importante de profesionais para atender os mesmos servizos. Ademais, hai que sumar a decisión de non cubrir baixas, pechar quirófanos ou plantas hospitalarias, as listas de espera que se xeran na atención primaria; é dicir: eliminar servizos en determinados períodos por non cubrir as vacacións do persoal.

As consecuencias: menos tempo de dedicación aos doentes, maior tempo de espera e, por tanto, peor calidade no servizo. Peor atención na sanidade, medida por indicadores de enfermidade, tempo de estadía hospitalaria ou mortalidade. Cando se xoga en política coa sanidade xógase coa calidade de vida e coa vida das persoas.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde